Un empresario galego consigue que a empresa aseguradora se vexa obrigada a entregar unha póliza de seguro de responsabilidade civil redactada en lingua galega, tal e como recolle a lei, e a pagar as costas do xuízo, co apoio d’A Mesa pola Normalización, a través da Liña do Galego.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022.
Un empresario galego conseguiu que Allianz se vexa obrigada a ofrecerlle a posibilidade de asinar unha póliza de seguro de responsabilidade civil na nosa lingua, un dereito recoñecido pola lei 50/1980 de 8 de outubro de Contrato de seguro que indica no seu artigo 8 que “a póliza do contrato deberase redactar, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalizar”.
Despois de solicitarllo directamente e por escrito en varias ocasións á empresa aseguradora e non recibir máis que negativas ou dilacións, o empresario optou por acudir á Liña do galego [1], servizo gratuíto de asesoramento, queixas e parabéns da Mesa pola Normalización Lingüística, que puxo á súa disposición os seus servizos xurídicos dirixidos pola Vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos Elsa Quintas.
Unha vez iniciado o proceso xudicial, Allianz recoñeceu axiña a súa obriga a ofrecerlle á empresa asegurada a póliza redactada en lingua galega, polo que pediu que non se lle impuxeran as costas. Porén, a xuíza tivo en conta que existían reclamacións previas e considera que o feito de que a aseguradora pida aínda agora tempo para traducir a póliza, “por non dispoñer da misma neste momento dada a premura do prazo”, proba que a empresa demandante se viu obrigada a acudir á xustiza para facer efectivo os seus dereitos.
A Mesa considera tanto a conformidade de Allianz como a sentenza e a condena ás custas do proceso como unha evidencia máis do incumprimento sistemático e constante da lexislación da maioría de aseguradoras. Até este momento, só se obtiñan compromisos puntuais perante a insistencia de particulares ou da propia entidade en defensa da lingua. Porén, nesta ocasión o recoñecemento da ilegalidade que se comete vén recoñecida expresamente por unha compañía de seguros con resultado de sentenza favorábel á reclamación dos dereito ao uso do galego.
“O caso que motivou a demanda contra Allianz está xeralizado nas compañías aseguradoras”, asegura o presidente da entidade, Marcos Maceira. “Contra o que a lei sinala estímase que só nun 1% dos casos oferecen as pólizas en galego a petición do ou da clienta”, denuncia. O caso é especialmente lesivo, porque se trata de contratos imprescindíbeis ou mesmo obrigatorios para determinadas actividades e de que, no entanto, as aseguradoras non teñen reparos en negar ou mesmo coaccionar á clientela cun amplo abano de escusas e pretextos para impedir o uso do galego. Estas prácticas discriminatorias fican tan claras que a propia sentenza fala de mala fe por parte de Allianz. “O lamentábel”, afirma Maceira, “é que aínda haxa que acudir aos xulgados para reclamar poder exercer un dereito tan elemental como o uso da lingua propia”. “Esperamos que o acontecido sirva de exemplo e que rematen xa este tipo de prácticas”, remata.
Dende a Mesa apelan á responsabilidade do conxunto das aseguradoras para que este sexa o último caso. Neste sentido, ademais doutras accións que A Mesa anunciará nos próximos días, A Mesa dirixirase a todas aseguradoras lembrándolles a súa obriga de cumprir a lei de xeito inmediato.