A fronte nacionalista solicita garantías de que se van atender e responder todas as propostas de modificación ao instrumento urbanístico e esixe ao goberno de Abel Caballero un calendario sobre os próximos pasos.
Xabier P. Igrexas: «Non imos tolerar que a unha xestión pouco transparente e participativa na elaboración se engada agora opacidade na xestión das alegacións»
VIGO, 5 de setembro 2022.
O Bloque Nacionalista Galego reclama coñecer o estado da tramitación das alegacións veciñais ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, após pasados nove meses do remate do período de exposición pública e un ano despois da aprobación inicial. A fronte nacionalista lamenta a falla de información sobre o proceso e solicita garantías de que se van atender e responder todas as alegacións.
«Imos esixirlle ao goberno de Abel Caballero un calendario claro a respecto de como se vai desenvolver a tramitación deste PXOM», anunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que trasladará esta demanda na próxima sesión da Xerencia Municipal de Urbanismo prevista para este martes.
Igrexas salientou que a resposta das alegacións fixará o grao da participación veciñal e dos colectivos sociais no novo Plan Xeral que, segundo o propio documento, definirá o urbanismo de Vigo para os próximos 25 anos. «Determinará se o Goberno municipal rectifica e atende a opinión das viguesas e dos vigueses ou insiste en impoñer un PXOM elaborado na escuridade dos despachos», advertiu.
Nese sentido, o edil nacionalista pediu garantías de que se van atender e ditaminar todas as alegacións así como a ofrecer unha resposta individual a cada unha das propostas e consideracións da veciñanza de Vigo. «Non imos tolerar que a unha xestión pouco transparente e participativa na elaboración do PXOM se engada agora opacidade na xestión das alegacións», remachou.