Perico Feijóo, a gran esperanza branca

Artigo de opinión A Nova Peneira

Prendo a televisión e vexo a Feijóo falando como un perico sobre como arranxar tódolos males que padece o país. Entristecido, polo mal que pinta todo, cambio de canle e na Catro sae a contertulia Cristina Cifuentes para opinar sobre un roubo cometido na vivenda dun famoso. Dou outro chimpo co mando e vese a Macarena Olona, que de Camiño a Santiago afirma que non descarta volver á política. Incrédulo zapeo de novo e atópome a Maggie Simpson que non para de vomitar mentres un sacerdote trata de facerlle un exorcismo. Homer superado pola situación berra “polo menos quédanos o alcohol”

Esta sucesión de feitos encadeados non pode ser fruto da coincidencia e pregúntome se algún ente intelixente adícase a enviar mensaxes vía satélite ou se son de novo os Simpson, que adiantándose aos acontecementos, mandan sinais encriptadas para evitar un futuro por eles coñecido.

Os terrícolas hispanos andamos moi emocionados co Efecto Feijóo, que está en alza, superando mesmo a tendencia alcista do gas. Curiosamente é nese mundo gasoso, no do fume, onde se sinte cómodo don Alberto. A volatibilidade, o etéreo, tanto che digo unha cousa como che digo a outra ou donde dije digo, digo Diego, son, entre outras, habilidades nas que destaca o “Gran Xestor” da intanxibilidade.

No terreo gasiforme o gas licuado é o que máis se cotiza. Atoparse de forma parcial en estado líquido facilita o seu transporte e transmisión. Feijóo debería dar o paso e comezar un proceso de transformación similar ao do gas licuado, e dicir, deixar o estado gasoso, pasar ao líquido e rematar converténdose nun político sólido, para que as súas obras poidan ser percibidas por tódolos sentidos. Xogar cos gases sen licuar a todas horas é un perigo e pode facer saltar polos aires o sono presidencial.

Derribos y Contradicciones Feijóo recortou na Galiza un 75% as axudas aos libros de texto pero ao goberno pídelle un cheque de 200€ para cada estudante. Dice ter un plan para rematar coa despoboación da España vaciada, pero dende 2010 somos 100.000 galegos menos. O uso do galego dende que é presidente non deixa de retroceder, pero di que somos a comunidade que máis empregamos a lingua propia. Propón medidas de aforro enerxético, que unha vez adoptadas polo goberno, xa non lle valen. Os bos datos do paro non son certos, están maquillados. Confunde prima de risco con tipo de interese. No programa dun referente do xornalismo como Bertín Osborne, cualificaba a Vox de ultradereita, pero a pesares de ser un moderado, non dubidaría en darlle a vicepresidencia do país a Santiago Abascal.

Feijóo daría para un anuncio publicitario de deterxente. A gran esperanza branca, pura, inmaculada que, procedente do satélite Ariel, e cos poderes que lle da a arielita, pretende facer un lavado express de bilduetarras, bolivarianos, populistas, comunistas e nacionalistas, para que o goberno deixe de estar en mans destes inimigos de España. Por outra banda, cun suavizante concentrado para disimular os malos cheiros, un programa delicado, auga morna e un lixeiro centrifugado, lava a porcallada que o rodea.

Na política galega non houbo rival que lle fixese sombra. Tivo a sorte de non atoparse co home branco de Colón. Tampouco apareceron Don Limpio nin Pato WC por Compostela. En Madrid, se lle facemos caso as enquisas, ninguén atopa un antídoto para neutralizar o poder que obtén da arielita. Na capital, de cando en vez escoitase bear ao cordeiriño de Norit. Cada vez que a ovelliña fai “beeeee” con propostas de esperpento, Alberto estremécese, e prega para que non o deixe quedar en ridículo ou cuestione o seu liderado.