

Unha reflexión que me acompaña constantemente é que Pazos de Borbén quero para o futuro, que concello quero para os meus veciños e veciñas. A reflexión sempre chega a mesma conclusión: quero un Pazos de Borbén con servizos, para poder vivir aquí. E xustamente ese é o traballo que ao longo destes anos veño desenvolvendo en Pazos.
Calquera persoa que coñeza un pouco o concello de Pazos de Borbén pode observar que temos exactamente os mesmos servizos que nos últimos 20 anos. Se facemos unha comparativa con algún concello de características similares da contorna (como por exemplo Fornelos) vemos que arredor do núcleo urbano creáronse novas infraestruturas e servizos. Pola contra, en Pazos non sucedeu isto.
En Pazos temos unha continua redución de servizos. No ámbito sanitario temos menos servizos médicos e mesmo dáse a casuística de ter un novo centro de saúde rehabilitado, pero baleiro. A realidade é que pasamos días sen médico e a Xunta de Galiza do Partido Popular eliminou servizos esenciais como matrona ou pediatría. En canto á educación, vemos como o colexio público tamén sofre o abandono, tanto que moitos son os pais e nais que sacan os seus fillos do colexio para levalos a outros da contorna. Amais, o pavillón cae a anacos, carecemos de transporte público, de centro de día, non temos saneamento… e así podería seguir un bo anaco.
A realidade, é que temos un desgoberno que lle importa ben pouco o benestar da veciñanza. Un goberno que leva 20 anos sen proxecto para Pazos e que non acredita no futuro do concello, como ben demostran as actitudes dos últimos anos. O que si temos é un goberno ao interese duns poucos, partidista, e cacique.
Son moitas as veces que nos preguntamos que pasa en Pazos de Borbén, xa que dende o inicio da democracia sempre gobernou a dereita. Se analizamos o funcionamento da sociedade, as relacións veciñais cos políticos do concello, podemos observar unha serie de comportamentos que nos recordan aos caciques do século pasado.
Mais isto, non é exclusivo do goberno. A oposición con representación en Pazos intenta colonizar todos os espazos do concello, comunidades de montes, asociación de veciños…. para caciquear e beneficiar a uns poucos e non ao conxunto da veciñanza.
E isto é un dos principais problema de Pazos de Borbén, que se traduce nunha sociedade desilusionada e sen ningún tipo de expectativa cara o futuro, porque ven día a día como os grupos con representación na corporación municipal están ao servizo duns poucos e non de todos. Así, os que viñan a mudalo todo para non cambiar nada xeraron frustración e descontento na sociedade.
É precisamente a loita contra isto o traballo que estamos a realizar dende hai anos no BNG de Pazos de Borbén estando na oposición e sen representación na corporación municipal. O noso obxectivo é xerar ilusión co noso proxecto e dar a coñecer que outro Pazos de Borbén é posible.
Un Pazos de Borbén con servizos, onde as persoas poidan vivir e desenvolver a súa vida diaria, onde teñan uns servizos básicos cubertos e de calidade. Por vivir no rural non temos que escoller que día enfermar por mor de non ter médico no centro de saúde. Un concello onde vivir, desfrutar, e ter oportunidades. Un concello que xere riqueza, onde podamos vivir pero tamén traballar. Queremos un rural vivo! E por iso O BNG de Pazos de Borbén está aquí, para defender os intereses da veciñanza de Pazos de Borbén cun proxecto ilusionante, solvente e de futuro!