Nun lugar mítico da nosa xeografía como é O Pedregal de Irima, onde a primeira fonte do Pai Miño amosa as augas por baixo duns grandes penedos, e sentimos o bulir ilusionado dun correr feito músicas e amores, onde Prisciliano garda a súa ara de prédica, tivo lugar a décima Festa de Afirmación e Dignidade. Festa de conciliación e de vontade, para o respecto pola terra e a cultura que nos veu dada, sabéndonos donos para así celebrar a memoria agradecida da orixe, do que somos, e que resume moito do que fomos e debemos chegar a ser, coa pelexa eficaz para chegar a un mundo mellor e máis de todas as persoas, animais e cousas. Celebración que concilia a Irmandade Manuel María da Terra Cha e a Asociación Xermolos nunha data próxima ao solsticio de inverno, este ano o foi o sábado 25 de novembro e chegamos sen darnos conta que é o camiño quen nos leva e trae, ano tras ano a este lugar virxinal e de paz e sosego, de encontro e de mirarnos aos ollos para entendernos. Aquí, con auga fresca en manancial, onde animais e plantas teñen acubillo e protección, onde compartimos xuntos espazo sen límite de verdor e na distancia. Lugar abeirado en pedras grandes, redondas e pulidas polo sol, pola auga da choiva, polo vento, polas erosións do tempo que as envolven en misteriosas lendas que son pouso de fértil verdade.
Desde esta perspectiva, lese o Manifesto entre unha boa morea de xente. Pousada lectura de cada intérprete do texto que vai matizando os aconteceres e na vergoña de que prive sempre o beneficio por riba doutras calidades máis humanas, un canto á Natureza. Este ano, para esta reflexión que sempre facemos, non foi menos. Chegamos á conclusión de que debemos ser o país do mundo que máis negacionistas ten. Somos capaces mesmo de negarnos a nós mesmos! Levamos facéndoo séculos da nosa incontada Historia. A mesma lenda deste Pedregal de Irima que nos di que non ten dereito a vivir quen disimule ou esqueza a orixe, invita a volver pola honra da procedencia. Iso tamén provoca unha nova presenza de aldraxadores, de terraplanistas que nos infectan e destrúen detrás dun rexistro de perfil contable e de beneficios enganosos.
Por iso afirmámonos, en contra dos que se negan. Deberemos recuperar o camiño e a dignidade, mais tamén de digna cota. Loitar ata conseguir facer da Nosa Casa o país que conteña unha Constitución Lexislativa que nos inclúa a todas e todos, con dous fundamentais artigos vertebradores de toda lei que nos conduza. Cun primeiro apartado no que todas as cidadás e cidadáns teñamos dereito irrenunciable e deber de non acatar ningunha lei que resulte inxusta e non contemple a proporción e as circunstancias debidas á totalidade. E unha segunda premisa, xusto na que toda a xente teña dereito e deber de loitar contra esas leis inxustas, en tempo e forma, en aplicación e amparo de trampulleiros, esclarecendo as razóns da súa inxustiza, sen que por iso poidan ser perseguidos ou reprimidas.
Sabemos empezaremos de novo a senda, tantas veces como faga falta, coa empatía necesaria para cargar forzas e loitar por ese mundo necesario que sabemos certo e posible, que de momento soñamos. Sabendo ademais que de nada vale lamentarse e doerse, non: “…de chorar tanto, só quedan mocos”, dicía aquel dito da rapazada no patio do colexio. E é certo! Cómpre revolverse tamén contra aquilo que anquilosado non funciona, que segue marcando as normas sen máis beneficio que alimentar compracencias. Cómpre facelo sen présas, pero ben. Sabendo o que queremos e poñendo os medios para facelas. Hai que construír un porvir de amenceres e liberdades, de esforzo e irmandade, de acollemento e loita por seguir sendo donos de nós, do Noso.
Aprendida a lección do continuo abuso de recursos, da irracional globalización de perdas, deberemos aprender a re-localizarnos e ser capaces de valorar as pequenas cousas, de decrecer en ambicións e aprender a resolvernos sen depender da elites económicas que nos abandonan cando enchen. E nesa loita pola Dignidade queremos vivir a Nosa Historia sen dependencias, na soberana condición do que é noso, honrando á Mai, desde este lugar mesmo que agora mesmo nos habita, berce dos soños e dos anceios, afirmándonos en propiedade do noso eido fundamental da existencia, única Patria. Non entendemos outra orixe nin procedencia diferente, de lonxincuas voces e tan diversas.
Sabemos que hai alternativas na ciencia e na memoria, na ecoloxía, no acomodo e no respecto, na moderación, nese vivir que sabemos deixa vivir. Ese modo que tanto nos negan e no que nos fixeron fracasar tantas veces diante da ameaza e o medo.
Nós celebrámonos en afirmación e dignidade compartindo palabras, músicas e soños, deixando falar aos sen voz e tamén andan na mesma angueira. Saúde e cante o merlo!