Futuro incerto

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Nestes tempos aínda latentes de eleccións e desacougo, aos que nos veñen afacendo nunha práctica case de rutina, pois seica queren saber das nosas confianzas ou credibilidades, quedamos prendidos das novas que nos contan os medios de comunicación que previamente se pregan ao dominio dependente de subvención e así son as nova que nos mandan, as mentiras que nos contan e aínda así, conscientes das mentiras, unha grande maioría déixase ir como ovellas mansas que semellan carecer de vontade. Cremos e pensamos canda esas noticias que nos dan. Nin sequera habitamos esa mínima vontade de desconfiar das cifras apaisadas, das conclusións sacadas ao convir de quen as conta. As forzas iniciadoras deste tropel, son os de sempre, os que adulteran a realidade para captar á xente de ben que carece de argumentos que puideran dar lugar a desconfiar e, entón, non ver que por detrás está o pano que oculta esa grande noticia, unha farsa orquestrada polos poderes mediáticos e económicos que non soportan que lles controlen os beneficios e que lles poidan activar controis dos mesmos, así como as redes clientelares coas que actúan e onde sementan a trola. Entón empregan calquera medio para difamar ao contrario, para dividir, para adulterar as informacións. O principal sistema é o medo, medo aos filoetarras -que así chaman aos de Bildu, e non lles preocupa dedicarllo tamén aos de ERC, en definitiva a todos os nacionalismos e periferias que nos sentimos abeirados do que pensan en Madrid. Falsean o discurso e axúdanse dos ecos dos medios ao seu servizo que difunden repetidamente a sospeita e a mentira. Medo a un goberno, xa que logo, supostamente ilexítimo ao que chaman sanchismo, como peste e sombra da súa luz. Medo de re inventar de novo a ETA, segundo eles aínda viva. Todo isto séguelles a dar -con difamacións- bos beneficios en votos e tamén no discurso de despiste, anque a cambio non aporten solucións aos problemas que realmente temos. Inventan pucheirazos electorais, tal cal fai Trump e outros de calado semellante para facer desconfiar do cómputo dos votos. En realidade o medo é esa desconfianza, esa cortina de fume do despiste. Meten medo coas súas diatribas anticonstitucionais, nas que se presentan salvadores da suposta desfeita, anque no fondo admiten que algunha cousa saíu mellor do que pensaban, non o din coa boca grande. Co medo crean un clima de desesperanza, “todo está perdido” e eles son os salvadores. Nada importa que gobernasen en prazas nas que nunca nada fixeron en favor do que prometeran. O importante é que hai que recuperar as leis que sempre nos rexían, recuperar a Lei e a orde, a Lei Mordaza por exemplo, regresar a unha lei laboral que contente máis aos empresarios para que invistan máis e non marchen, como fixeron aqueloutras grandes empresas. Xa saben “Sánchez ou España”, “ou unidos ou perdidos”, “nós, temos a solución e habemos baixar impostos”, e cousas polo estilo. A xente traga e traga, anque ve que o número de parados parece menor, anque ve que a Lei Laboral non vai mal e puidera ir mellor, anque ve que o número de parados vén sendo menor e que a educación -con moitos tropezos- vai indo, ben sei non tanto como debera. A maioría ve todas estas cousas, mais non ve como debera porque a estratexia do medo aínda funciona e arraigou en sospeitas, sempre empregada polas xentes reactivas e retrógradas, pasan do discurso democrático, como pasaron sempre. Chega con mirarlles á cara e ver con que soltura menten, que ben finxen. Miren como puxeron ao persoal co conto da data das eleccións, non din que tamén eles fixeron o mesmo, non. Miren a cara que poñen cando falan de periferias, porque eles son o centro do mundo, o embigo do universo, que está en Madrid e en Ayuso. Todo ten que pasar por alí, todo se amaña tomando unha cervexa!

Coa técnica do medo e das restricións dos servizos públicos, chegaron onde chegaron, tamén da man de quen chegaron, da patronal, dos medios de control mediáticos, dos chourizos de rigor, da falsa proporción, dos amiguismos e redes de clientes e subvencións. Por algo será, quizais será porque alí menten máis? Unha pequena observación está en reparar nas súas televisións, emisoras e prensa. Por desgraza, diso sabemos ben en Galiza. Cómpre repasar en Sanidade, Educación, mais tamén na integración e o respecto ás periferias, aos que dalgún xeito discrepan e discrepamos, que así nos chaman nesa súa desafección de post verdade. Nada hai para a inclusión social en axudas á xente máis vulnerable. Nada previsto para acoller as diferencias, nada. O peor do caso é que esta opción que retorce tanto as realidades e mente, volve atrás e globaliza perdas e incomodidades, destrúe e quere controlar, destruír e propagar o medo, esta opción está aí e volverá contra as esencias mesmas da democracia, co seu racismo, coa súa contraria forma de acoller e coidar aos que foxen da morte e da fame, ou aos que teñen unha opción sexual-relixiosa-política distinta da deles, sen ter en conta que as diferencias son precisamente enriquecedoras, rompedoras desta monotonía de tempos grises. Somos así, persoas múltiplas e variadas e cremos nun mundo que teña cabida para toda a amalgama de formas que nos poidan facer libres e felices. Quen dixo medo? A que, a quen? Deberamos votar sen ese medo que nos meteron no corpo e apostar por tempos novos, onde poidamos ser quen somos e en exercicio da nosa propiedade, no medio deste futuro incerto.