“Sabía que a situación económica do Concello era complicada pero non esperaba que o fose tanto”
Con moita máis claridade do que facía presaxiar a aritmética do 2019 , Calis , que xa fora alcalde no mandato do 2015, recuperou a alcaldía a costa do BNG que baixou en votos e en actas. A formación política de Calis,Alternativa por Mondariz, obtivo un magnífico resultado pois sobe tanto en votos como en asentos na corporación, pasa de 4 a 5. Na conversa que mantivemos o alcalde de Mondariz amosouse moi honrado pola confianza recibida, e con folgos para afrontar catro anos que presume difíciles, fundamentalmente pola mala situación económica que di sofre o Concello. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
O grande resultado que obtiveches, nas últimas municipais, é o mellor de toda a túa historia persoal?
Persoalmente, os mellores resultados foron a segunda vez que me presentei co BNG. Sacamos as mesmas 5 actas que agora pero con máis votos.
Cales son os motivos, ao teu xuízo, que explican a clara vitoria, cun 38,2% dos sufraxios acadados pola formación que ti lideras?
Creo que foi o premio á constancia no traballo e á nosa maneira de facer política, a mesma cando estivemos a gobernar entre o 2015 e o 2019 e despois na oposición.
Eu creo que tamén incidiu a maneira de chegar ao Goberno do anterior alcalde.
Crees de verdade que o apoio recibido do PP na investidura do 19 , penalizou ao BNG nas municipais do 23?
Si, creo que si. A lectura pode ser que a veciñanza entendía mellor un goberno Alternativa- BNG ou Alternativa- BNG-PSOE.
Na corporación municipal somos 11, e 8 concelleiros somos de esquerdas, aínda que BNG e PSOE me tachen de dereitas.
E es de dereitas ti?
Non, claro que non. Eu son un galeguista socialdemócrata.
Na campaña electoral, non recordo se ti persoalmente ou Alternativa por Mondariz ,sacastes un comunicado no que faciades unha apelación ao xogo limpo. Por que ?
Nos últimos anos na política, algúns partidos danlle excesiva relevancia a actos illados alleos aos partidos políticos, a cousas que teñen máis que ver cos votantes e os simpatizantes e que non son responsabilidade das cabezas visibles.
Refíreste aos carteis ofensivos contra o candidato do PP, Pablo Barcia?
Concretamente a iso non. Falo de cousas da internet, de memes despectivos, de vídeos. Actos totalmente condenables pola nosa banda. Nós non somos así, non entendemos esta maneira de facer política.
Todos cometemos erros e podemos comentar algo que estea fóra do lugar, pero nunca fixemos política con intención de atacar ás persoas.
E naqueles carteis ofensivos contra Pablo, o candidato do PP, vós tivestes algo que ver?
Que va. E sorpréndeme que nos acusen. Mesmo, falei con Pablo e a miña percepción é que foi alguén que non tiña nada que ver coa política. Alguén que aproveitou a conxuntura das eleccións para atacar a Pablo. Pero insisto en que nós estamos totalmente en contra desa maneira de facer política.
Volvamos a aritmética electoral. Tedes maioría clara pero non absoluta, pois sodes 5 de 11. Por que non se conseguiu un acordo co BNG ou co PSOE para poder gobernar cunha maioría suficiente que vos permita xestionar con estabilidade?
Houbo contactos con todos os partidos políticos. PSOE e BNG decidiron que non se daban as circunstancias para formar parte do Goberno.
Alternativa segue coas portas abertas ?
Si, por suposto. Con calquera dos dous. Levo dous meses de alcalde e estou en continuo contacto con eles. Temos proxectos que nos entraron agora, que son iniciativa do anterior goberno e falamos con regularidade e normalidade.
Xa tivestes o pleno de organización. Como quedan as dedicacións?
De momento só levamos a pleno o soldo a dedicación exclusiva do alcalde . O concello non ten capacidade económica para unha segunda dedicación. Queremos negociala cando se aproben os orzamentos, pois entendemos que é imprescindible.
E esa segunda dedicación, como sería?
Queremos propoñer tres parciais. O alcalde aquí só, é imposible que desempeñe ben o traballo, necesita o apoio de máis persoas.
Sexa cal fora o partido que acceda ao Goberno, ten que ter capacidade económica para poder gobernar. Isto debería ser por norma.
Ti falas de que é imprescindible unha segunda dedicación pero, corríxeme se me equivoco, no mandato do 19 votastes en contra dunha proposta de segunda dedicación que fixo o anterior goberno?
Si, e recoñezo o noso erro. O BNG Tamén me votou en contra a min, no 2015, da segunda dedicación, que puidemos salvar pola abstención do PP .Pero insisto no que che dixen antes. Un goberno ten que ter capacidade económica para poder gobernar. Eu teño unha compañeira que se pasa aquí infinidade de horas, da súa vida persoal, sen cobrar nada. E iso non pode ser.
Como está o tema dos orzamentos?
É imprescindible a aprobación dun orzamento .Como sabes estamos a traballar con eles prorrogados. A nosa intención é negociar uns orzamentos, conseguir os respaldos necesarios e levalos a pleno en novembro.
Como está a situación económica do concello?
Está moi delicada. É necesario aprobar estes orzamentos para non ter problemas en cousas básicas a curto prazo. É necesario dar estabilidade aos nosos veciños.
Esta situación económica que te atopaches é a que esperabas, ou é peor do que ti pensabas?
Sabía que era complexa, pero non me esperaba que tanto.
Cal é o camiño axeitado para reverter esta situación?
Aprobar os orzamentos e adaptar os gastos dos servizos públicos ao que custan. Traballar tamén para conseguir financiamento externo doutras administracións como os fondos europeos para poder facer investimentos importantes e que non repercutan directamente no orzamento do concello. Tamén queremos presentar un proxecto para o reto demográfico de Mondariz.
Como se vai a solucionar o conflito da depuradora?
Traballando conxuntamente con Mondariz Balneario para ver como está a situación e poñer as bases para que non xurda ningún novo conflito. Temos boas relacións e contacto continuo entre os alcaldes. Estamos a traballar nun consorcio para mancomunar servizos e aforrar gastos.
Na entrevista que tivemos cando eras candidato, dicías que había varios proxectos do anterior goberno que considerabas manter, pero que había un en concreto que querías refugar, o parque empresarial da Lagoa. Segues pensando o mesmo?
É complexo porque está case na fase final. Queremos manter unha reunión cos seus responsables para darlle unha volta ao proxecto, para nós a localización non é a correcta.
E é posible botalo abaixo?
Por el non imos apostar.
Un polígono industrial en Mondariz é necesario?
Algo pequeno posiblemente faría falta para o sector primario ou forestal, pero alí non é a localización correcta.
Hai algún outro proxecto iniciado do goberno anterior ao que non lle queiras dar continuidade?
Non. Está pendente de acabar a área de deporte urbano e vaise a facer. Esta semana terminouse a Senda da Coviña e, malia que teño certas discrepancias co proxecto, hai que tratar de mantela. Fixeron un inicio de solicitude de subvención para mellorar a área recreativa do Val e seguimos traballando co técnico para darlle forma e poder presentar o proxecto en Europa. Iniciaron outras como recuperación de patrimonio e máis que tentaremos que saian tamén adiante.
Que relación tedes coas dúas entidades locais menores que tedes no concello, Queimadelos e Vilasobroso?
Trataremos de ter boa relación e colaborar no beneficio mutuo da veciñanza de Queimadelos, Vilasobroso e Mondariz.
Tivestes algún contacto coa nova Deputación?
Falei unha vez co presidente por teléfono, pero de momento nada máis. A charla foi cordial e respondeume a un par de preguntas que lle formulei eu.
E coa Xunta de Galicia?
Nada, ningún contacto de momento.
Esperas colaboración e lealdade tanto por parte da Xunta como por parte da Deputación?
Si, por suposto. Pola nosa banda vaina a haber, desde logo.
Na miña anterior etapa tiven boa relación tanto con Carmela na Deputación como coa Xunta. Mellorable, pero boa relación. Non podo dicir que sufrise ningún tipo de discriminación.
Como estás de ánimos para afrontar catro anos que se presumen difíciles?
De moral moi ben e o ánimo dos veciños agradécese. O que teño son os pés no chan e o meu grupo e eu temos claro que vimos estes catro anos a traballar de verdade.