XV Edición da festa da Sementeira de Corzáns

XV Edición da festa da Sementeira de Corzáns

O vindeiro 13 de maio unha nova edición da festa da Sementeira de Corzáns verá a luz, e xa son 15. Este festa está organizada pola asociación Quinta do Piñeiro e nós conversamos con Fran, o seu secretario. A “ Asociación cultural Quinta do Piñeiro” nace no ano 2007.O nome deriva dunha quinta que existiu no seu tempo na parroquia de Corzáns da que só queda a capela. Francisco Sousa é o secretario da asociación e” alma mater” da mesma. A festa propiamente dita nace tamén no 2007. Foron un grupo de amigos da parroquia os que se xuntaron e tomaron a iniciativa de organizar unha actividade para recadar cartos que financiasen a festa de San Brais e un par de anos despois a asociación Quinta do Piñeiro toma o control da súa organización. E o que inicialmente ía converterse nun medio para financiar un fin, a festa de San Brais, acaba por se converter nun fin máis importante , a festa da Sementeira, pois co paso do tempo o traballo e amor que lle dedican os membros da asociación fai que a Sementeira acade unha dimensión moi importante ata o punto de que na actualidade é un dos eventos imprescindibles na nosa comarca.

A festa consiste na recuperación tradicional do labor da sementeira, en facelo como se facía toda a vida cando os mozos e mozas que ían sementar erguíanse co sol para comezar co traballo que daba de comer ás familias da comarca. As familias que participaban na sementeira aproveitaban o traballo para gozar tamén do lecer, e nas pausas cantaban,bailaban, comían e bebían… E ese modo de afrontala realidade, tan característico do país galego, é a filosofía da festa da Sementeira.

Este ano celebrarase a XV edición o 13 e 14 de maio na área recreativa do Muíño da Ponte na parroquia de Corzáns, fíxose ininterrompidamente desde os seus inicios agás no ano 2021 que non se puido celebrar polas circunstancias sanitarias da pandemia de COVID. Nos últimos 6 anos a Sementeira de Corzáns adquiriu unha dimensión extraordinaria, así por exemplo Francisco Sousa manifesta que “ Na edición do ano 2022 temos un cómputo de asistencia de entre 12 e 15.0000 persoas e nós este ano agardamos que incluso se poida superar”.

14 de maio sementeira

Preguntámoslle a Francisco Sousa polo programa deste ano e isto foi o que nos conta:

“-O sábado ás 10:00 comeza co tradicional desfile de tractores, que este ano ten a importante novidade de que alén de en Salvaterra estarán tamén en Monçao

-Ábrese a exposición de maquinaria agrícola de todas as comarcas no recinto da festa

-A exposición de artesanía abre tamén as súas portas

-Cara ao medio día xa estarán listos os postos de comida e bebida . Non é preciso reservar, quen se achegue ten que mercar un billete encontrará todo tipo de deliciosas comidas, incluso comida vegana.

-Ao longo de todo o día haberá música e baile

-A partir das 16:00 comezan os distintos obradoiros

-Tamén teremos actividades para nenos e nenas

-A partir das 20:30 pasa rúas

-E contra a noitiña un marabilloso DJ e a actuación de varios e estupendos grupos musicais e festa rachada ata que o corpo aguante.

O domingo ás 11:00 ábrese de novo o recinto da festa entra o carro de bois con toda a ferramenta e os veciños e colaboradores comezan a facer os traballos de labranza e sementeira ata máis ou menos unha e pico que é cando o noso pregoeiro le o pregón, que este ano será o famoso “ Touriñán”

-Logo comida e música novamente

-E arredor das 15:30 comezan as míticas olimpíadas agrícolas se cadra un dos pratos fortes máis importantes e con máis éxito da nosa festa. Son varias probas deportivas con relación co universo agrícola claro. Así por exemplo está o lanzamento do sacho ou unha competición que no canto de balóns utilizan repolos…….”

E por último o cambio de marcos?

“Si, iso é un leitmotiv no rural galego o asunto de cambiar os marcos”, di Fran “ e nós queremos darlle un pouco de humor ao asunto”

Como se financia a Sementeira Fran?

Co noso traballo ao longo de todo ano vendendo rifas e facendo distintas actividades para recadar fondos, coa achega económica do Concello, e coa axuda das empresas que nos patrocinan e colaboran. Sen elas sería absolutamente imposible.