COPLAS DE MAIO 2023

Artigo de opinión A Nova Peneira

Rodando polo camiños
aló ven Maio contento,
pola beira do Maceiras
no colo ceibe do vento.

Repenican as campás,
xa chega a primavera
aló van os peregrinos
camiño de Compostela.

Os lagartos xa se deitan
nas pedras do camposanto,
fóronse as choivas de Abril
e as ventadas de Marzo.

Anda o tempo revolto,
non chove como chovía.
O campo morre de sede
é o pan de cada día.

Baixa clara a agua do río
fría como a branca neve,
se digo mentira algunha
será o demo quen me leve.

O cuco canta,
morre o inverno
e todos os medos
que levamos dentro.

Esmorece a nosa lingua,
os cativos non a falan.
Esquecen a melodía
que os paxariños cantan.

No libro Negro da Lingua
xa conta Carlos Callón
cinco séculos escuros
de aldraxe e represión.

Vareadas nas escolas,
castigos nos seminarios,
quen diga que non foi certo
vaino esnaquizar un raio.

Se unha lingua non se fala
tamén morres ti por dentro.
As linguas son o latexo,
a raíz do pensamento.

Fala miña nena, fala
na nosa lingua galega,
que eu te hei de acompañare
neste barquiño de vela.

Hai moita tensión nas rúas
este ano de eleccións,
calquera cousa que digas
sempre acaba en discusión.

Anda a xente alporizada
defendendo aos seus partidos,
todos din que eles son
os profetas elexidos.

En Redondela tamén
moito voto hai que contar,
a xente non sabe ben
a quen demos vai votar.

Uns din que ó B.N.G,
outros din que ó P.P.
A cousa pinta moi mal
para Digna e A.E.R.

Sonche cousas que escoito,
non sei se serán verdade
eu non vou a decir nada,
non quero falar de balde.

Javier Bas está de volta,
Feijoo marchou de turismo,
anda a rabuñar os votos
nas latrinas do fascismo.

Feijoo fixo as maletas,
foi a conquistar España
pero cando abre a boca
sube o pan e as castañas.

As mulleres de agora
sonche como as de antes,
cando as asasinan morrern
non hai moitas variantes.

Cada noite, cada día,
cada segundo do tempo
maltratan a unha muller.
Aínda hai quen non quere velo.

As cifras son alarmantes,
por decir algunha cousa,
non atopo outras palabras
para falar desta lousa.

Subiu o precio do gas,
din que é cousa da guerra.
Cada día custa máis
estar vivo nesta terra.

Tamén sube a gasolina,
o leite e máis o pan,
pero seguen os salarios
a un milímetro do chan.

Moito funga a dereita
cando suben os salarios,
seica eles comen da man
das empresas e empresarios.

Queren sementalos montes
con mil muiños de ferro,
agarden un chisco todos
que isto non é o progreso.

Sancho abre ben os ollos
e dime que non é certo
que os montes da nosa terra
están cubertos de ferro.

A nosa terra é nosa,
nin se toca, nin se vende.
Aló van os vende fumes
vendendo á nosa xente.

Maio estou esgotado
aquí vai a derradeira,
por escribir estas coplas
non durmín a noite entreira.