Vivendas para quen?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

Unha recente publicación do Faro, o xornal no que o PSOE da comarca de Vigo publica as súas novas, tiña o sorprendente titular de El “cohousing” para mayores encuentra sitio en Nigrán. Sorprendente non polo novo modelo de convivencia sénior que recentemente foi regulado pola Xunta de Galicia, senón porque efectivamente atopa sitio en Nigrán, no polígono industrial e comercial de Porto do Molle.

David Regades e Juan González avalaban riseiros a iniciativa, xunto ao arquitecto e promotores do proxecto, que non deixa de ser solo residencial ofrecido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo aos cooperativistas. Esta iniciativa ven a sumarse ao recente anuncio da tramitación dunha licenza solicitada por unha empresa de mantemento naval…para construír un hotel de primeira categoría dentro do parque empresarial.

Estes usos están pervertendo a finalidade que podía ter o solo industrial creado no seu momento, cun millón de metros cadrados adquiridos e expropiados a uns prezos correspondentes con un destino industrial e comercial e que, paseniñamente, vai transformándose en residencial.

A desculpa que ampara o uso hoteleiro é a de dar servizo ao propio parque, aínda que o mesmo alcalde declaraba que “tamén a turistas que desexen gozar das vacacións en Nigrán”, revelando onde está realmente o negocio. O das vivendas para maiores esixe un exercicio de funambulismo para lograr encaixalo, sobre todo porque os propios técnicos de Zona Franca eran contrarios a financiar a rehabilitación do muíño de Porto do Molle, a pesar de que o polígono é o responsábel da degradación dese espazo, porque non era un fin empresarial. Cal é o fin entón das vivendas colaborativas privadas?

Con todo, o realmente sanguento desta situación é o contexto no que ten lugar, cun grave problema de acceso a vivenda para a poboación de Nigrán respecto do que ningunha administración fai nada, mentres se apoian proxectos para adquisición de solo residencial para persoas co nivel adquisitivo suficiente para vir a instalarse no noso concello. A min ocórreseme que aberta a espita, porque non construír vivenda protexida en Porto do Molle co concurso de todas as administracións competentes? Non ten moito maior interese público nunha localidade cos prezos da vivenda dos máis altos de Galiza? Non se pode facer con similar modelo cooperativista que o aceitado para o nomeado proxecto de “cohousing”?

Xa comentei nalgunha ocasión anterior que Nigrán non coñeceu ningunha actuación pública neste campo máis que as vinte vivendas do Grupo “Juan Carrilero”, feitas en Patos pola Delegación Nacional de Sindicatos xa hai máis de 60 anos. A continuación, só especulación urbanística.

Este é un dos problemas máis graves ao que nos enfrontamos, que está provocando toda unha xeración que se ve expulsada a outros concellos para poder vivir, mentres son substituídos por poboación de alto poder adquisitivo procedente doutros lugares.

O concello debe arbitrar todas as medidas que favorezan a construción de vivenda protexida e, nese sentido, hai unha fundamental como é a utilización do PXOM para acadar este obxectivo. Para iso é necesario que se manteña a porcentaxe adicada a este tipo de vivenda e non aparecer cun Plan Xeral “rebaixado” para seguir favorecendo a especulación.

O único intento serio de promoción pública de vivendas foi o Plan Sectorial de Vivenda Protexida desenvolvido polo BNG no goberno bipartito, no cal se contemplaban varias actuacións no noso concello. Mais a chegada de Feijoo truncouno. Coma o plan eólico, o banco de terras e tantos outros proxectos transformadores da parte nacionalista daquel goberno.

Non podemos resignarnos a seguir aparecendo, de xeito recorrente cada ano, como un dos concellos de Galiza coa vivenda máis cara e non facer nada.