E ao mirar atrás vemos perfectamente

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Quero desconectar da realidade para poder vivir, para saberme nalgo daquela digna condición humana. Porque esta realidade fálame da xente maior en soidade, abandonada e non estimada que morre sen que ninguén se aperciba. Esta realidade fálame de crianzas descoidadas e abusadas, violentadas no horror e na podremia. Esta realidade, fálame tamén duns servizos públicos esgotados e arruinados polas amizades deshonestas do poder, fálame dunha sanidade que non dá, que vai sen coidados nin atención, de longas colas e de falta de medios. Esta realidade que se ve, fálame dunha educación embarullada, chea de pingueiras e falta de solvencia, chea de perdas de tempo. Esta realidade tamén me fala de que individualmente perdemos a condición de chamarnos por un nome, calquera nome, pero sobre todo que teña que ver coa sublime humanidade que caracterizarnos debera. Que mentres eles, maiores e crianzas, tecían tenruras, nós fomos ensarillando rancores e odio, tamén o cibernético mundo das soidades, da desatención, da virtual desconexión que nos atrapa. Case non miramos a paisaxe, que a penas falamos, que case non nos miramos nin oímos. Andamos noutros lerios, noutras angueiras do inmediato, da falta de respecto, da atención solapada, de mentiras disimuladas, de pouca certeza. Convertémonos en proxectos numerados das series contundentes, das rodaxes e escenarios, do que nos diten para obedecer, das previsións do tempo, das mensaxes subliminares, das propagandas de colonias e perfumes, enaltecidos nas tarxetas de crédito dos bancos e nas contas que cotizan en bolsa para agrandar as diferencias e distancias, para cavar precipicios de soidades, de desigualdades, de inxustizas.

Por riba, hoxe a realidade dime de súpeto que a Nosa Lingua se perde. Que a Nosa Lingua, esta que está a ler, vai esmorecendo e retrocede, que xa non é a lingua máis empregada, que de cada catro nenos, só un fala en galego. Ben se vía vir, quizais non queriamos darnos conta. Aquí sería o sitio de botar pecados e xurar en alto. Axudaron todas as institucións que teñen responsabilidade, desde as do Estado até calquera outra do arredor, mesmo as da administración máis próxima. Axudaron todos os políticos, tamén os nosos, que ata aquí descenderon e consentiron. Consentiron que algo tan de nós, o maior signo de beleza que esta pobo pode dar e ofrecer, se encontre en tal estado. Cando isto sucede, debemos recoñecer estar na antesala da inmolación, da perda de identidade absoluta. Ninguén volveu pola fouce, ninguén quixo facerse cargo, ninguén fixo nada para atallar esta situación, ninguén asumiu o compromiso. Dígoo como o sinto: ninguén. Tampouco os nosos, ninguén protestou ou marchou dos foros de obrigado cumprimento para evidenciar o deterioro da lingua. Ninguén dos que mandan fixo folga de fame ata que se repuxese a dignidade da palabra, ata obrigar ao coñecemento e respecto debido da bandeira, esta si, que nos legaliza e describe, que nos harmoniza. Nin sequera as institucións que naceron para prestixiala, nin sequera esas. Que mágoa tan grande! O día que a perdamos, volveremos ser catro provincias pinchadas nun mapa. Alá na montaña de lixo onde estercan os petroleiros que nos invaden, alá no extremo aquel onde todo son eucaliptos e eólicos, onde se evaden patrimonios e beneficios para os grandes señores da distancia, alí onde abriron a terra tantas veces para roubarlle os tesouros que tiña. Aquela, onde agora “señorean” noutras linguas e as familias deixaron de ter xa unha “morena” de fillos. Alí onde non hai relevo xeracional, onde non hai xente nova que atenda razóns, onde os vellos pasaremos a falar coas paredes naquel acento pechado enaltecido en líricas que ninguén entende. Alí onde se esquecen toponimias e nomes que a ninguén importan. Alí onde deixaron da man aos maiores e tamén á xente máis nova. Alí onde esqueceron o amor e non se amaron. Alí onde os ollos se viraron mudos no infinito, no horizonte verde da esperanza, na luz confiada de porvir, na xeografía exacta da existencia, da experiencia e dos recendos eternos das olladas limpas de quen soña cando lembra aloumiños e sorrisos, cando escriben miles de lendas que son bicos, hoxe perdidos na aparencia e adxectivos.