Por que non un aparcamento de autocaravanas en Marín?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador da Sanidade Pública e militante do BNG de Marín

O pasado mes de febreiro o pleno da corporación de Marín aprobaba por unanimidade unha moción para a creación dunha zona e aparcamento de autocaravanas. Con esta iniciativa do BNG pretendíase encher un baldeiro na oferta turística do noso concello, potenciando un turismo que nestes momentos de distanciamento social está en auxe.

A moción falaba de dúas posíbeis localizacións de interese como son a zona das praias e o entorno do Lago de Castiñeiras, co seu atractivo natural, paisaxístico e cun importante número de restos arqueolóxicos. Natureza, cultura e lecer.

Recentemente desde o goberno municipal anuncian a súa intención de non levar adiante esta iniciativa por “non ter terreos municipais axeitados”, e deixando en mans da iniciativa privada a posibilidade de contar cunhas instalacións destas características. Non sabemos moi ben que agocha esta suposta iniciativa privada, pero vindo de quen ben cheira a un posíbel intercambio de favores. Cando menos iso é o que se rumorea.

Estamos ante o incumprimento dun acordo plenario. Isto é unha falta de respecto á vontade do pleno, dos e das concelleiras que aprobaron esta moción, en definitiva unha falta de respecto ao pobo de Marín. Os acordos están para cumprirse.

Estes días os medios de comunicación énchense de noticias relacionadas co incremento do turismo de autocaravana como alternativa segura para viaxar nestes tempos da Covid19. Mentres en concellos limítrofes aproveitan a oportunidade que supón o turismo de autocaravana, en Marín imos, unha vez máis, deixar pasar o tren e continuar na mais absoluta pasividade. 

Estamos ante unha mostra de desinterese ou incapacidade de xestión dun goberno que presume diso, de ser bo xestor. 

Presumen do que non son.

Non se pode presumir de xestión cando non se é capaz de chegar a un acordo coas comunidades de monte propietarias do parque de Castiñeiras para poder facer un aparcamento para autocaravanas. Non hai boa xestión cando non se atopan terreos para un aparcamento de autocaravanas na zona das praias, sexan públicos ou privados. 

En once anos, e cun PXOM recen aprobado, non foron capaces de inaugurar unha nova rúa. En once anos fomos perdendo poboación. En once anos o porto de Marín foi deixando de ser un porto pesqueiro ante a desidia dos nosos gobernantes.

Outro exemplo deste “bo facer” témolo no centro de Marín. A rúa Real e as limítrofes atópanse nun estado lamentábel, dando unha imaxe do centro de Marín que non nos merecemos. Se continuamos pola rúa Méndez Núñez temos outro exemplo da forma de traballar da nosa media alcaldesa – media deputada, cun terreo a monte no centro de Marín, sen alternativa próxima.

Neste concello danse moita presa por facer obras-favores ao mellor estilo caciquil, pero pouca por solucionar os problemas do noso pobo. Porén, vailles ben vivindo do conto, da propaganda, o mesmo que fai Feixóo na Xunta.

Marín merece algo mellor.