Que non nos movan os marcos

Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo, xornalista

Non pasou nada. Nin a campaña ilusionante do BNG, nin o estado da sanidade, nin a depredación eólica, nin o secuestro da tele pública. Nada tivo pulo dabondo para mudar a intención dun electorado galego que unha vez máis amosou que non quere que lle movan os marcos. Galiza está practicamente dividida en dous. Unha parte aférrase ao que hai. Debe rexerse, non sei, pola máxima de que máis vale malo coñecido que boa por coñecer, mentres outra metade devece tan forte polo cambio que apoia con folgos a quen cre que llo pode dar, neste caso o BNG.

A formación nacionalista foi quen de xerar a percepción de que Ana Pontón podía ser a nova presidenta e iso fixo que votos noutrora do PSOE ou de formacións á súa esquerda se empregaran desta volta en intentar desafiuzar o PP. Iso afectou máis ao resultado que a división de siglas ou o pouco coñecemento que puidese ter parte do electorado galego de Gómez Besteiro, -o que amosaría unha escasa lectura da prensa logo de oito anos de novas arredor do seu lawfare-. E dende logo o que non tivo relevancia ningunha foi a amnistía, por moito que no PP se empeñen en ver esta vitoria como unha segunda volta das estatais de xullo. Saben ben que estas eleccións se xogaban en clave galega e iso explica o xiro da súa propia campaña, que se iniciou con Pedro Sánchez como inimigo a bater e acabou con Ana Pontón asumindo o papel de lobo feroz. Parece claro, logo dos resultado do domingo, que a mensaxe de que a nacionalista podería acadar a presidencia acabou mobilizando máis ao electorado de dereitas que á propia esquerda. Co vello berro de que vén o lobo asustáronse as ovellas e buscaron amparo no pastor, esquecendo o tempo que estivera desaparecido. Dá mágoa ver que non se penalizaron as ausencias nos debates, nin os indignos recursos a ETA ou Hamás, nin sequera o intento de suborno a marisqueo, pensionistas ou persoal sanitario no tempo de desconto. Pero así foi. Como en Los Santos Inocentes, Paco apostou por el señorito. Que será malo pero é o seu. Iso explica tamén a ausencia de VOX na Galiza. Xa non é que os votantes conservadores non queiran virar á esquerda, é que non queren nin cambiar de cacique. E iso favorece ao PP porque non ten rival pola dereita, máis alá da excepcionalidade de Ourense, pero tamén porque o libra dunha pulsión na esquerda que foi decisiva nas estatais. O domingo perdéronse uns cen mil votos zurdos que si estiveron o 23 de xullo, e a clave puido ser que aquí non había temor a que gobernase a ultradereita.

Esa polarización funciona e a proba está nos bos resultados do BNG en Vigo ou o Morrazo. Abel Caballero soubo construír moi ben o suposto agravio da Xunta coa cidade, que neste caso beneficiou aos nacionalistas pola idea, xa explicada, de que Ana Pontón era a alternativa máis segura para derrocar a Rueda. Outro exemplo sería Moaña, onde o bo facer do goberno nacionalista sumouse á loita da poboación contra o desmantelamento sanitario. Está claro que unha base social comprometida e mobilizada supón o plus con respecto a outros concellos, como Pontevedra, onde malia gobernar os nacionalistas non existe tal pulsión contra un PP que, ademais, segue tendo unha incontestábel implantación no rural. Non só arrasa en municipios do interior senón que en outros como Carballo, onde o BNG foi a forza máis votada en mesas do centro, el triunfa nas das parroquias. En definitiva, aínda hai moita Galiza empeñada en que nada cambie mais tampouco é pequena a leira marcada por un novo pontón, ben aferrado á terra. Haberá que seguir sachando para lograr mover os marcos e facela cada vez máis extensa.