O BNG de Salvaterra ven de designar á avogada Patricia Mariño como candidata desta formación política nas eleccións locais que se celebrarán o próximo ano. Esta decisión adianta aos prazos que desde a formación política nacionalista teñen previsto para ir anunciando todos os seus candidatos e candidatas nos concellos galegos, e é un indicio evidente da situación estable e sólida que vive a agrupación local do bloque en Salvaterra.
A Nova Peneira distribúese en 35 concellos e se nalgún deles vemos necesario e verosímil que se produza un cambio de goberno é en Salvaterra. O seu goberno está absolutamente esclerotizado , non teñen nin modelo nin proxecto de futuro para o Concello e máis parece que o seu obxecto está en conservar o traballo dalgúns que viven da política que en mellorar realmente a vida da veciñanza. Patricia, a candidata do BNG é unha avogada a quen non lle fai falta a política para vivir. Ela é lúcida e sensata e afronta con ilusión a posibilidade realista de liderar o cambio que Salvaterra precisa.
“ Estou convencida de que no 2027 haberá cambio político en Salvaterra”
A finais do mes de marzo fuches nomeada, de maneira unánime, candidata do BNG á alcaldía de Salvaterra nas municipais do 27. Que supón para ti ter recibido ese caudal de confianza dos teus compañeiros e compañeiras de militancia?
O BNG é un proxecto colectivo. As persoas pasamos, pero a visión da realidade que defende o bloque debe permanecer no tempo, sexan quen sexan as súas caras visibles. En calquera caso para min recibir a confianza da asemblea de Salvaterra é moi gratificante. Estou tremendamente honrada e só podo dicir que penso seguir dando o mellor de min mesma para humildemente tratar de ser merecedora do apoio que me brindaron os meus compañeiros e compañeiras.
O BNG ten fixado un calendario para ir definindo os distintos candidatos e candidatas. Van comezar polas 7 cidades cuxas cabezas de lista van ser anunciadas arredor do 25 de xullo, para logo ir fixando as candidaturas das vilas e pobos. Pero vós adiantastes os prazos. Por que?
Porque no proxecto local de Salvaterra témolo moi claro. Vimos traballando todo o mandato con moita intensidade e solvencia. Temos un equipo enormemente sólido do que é un inmenso pracer formar parte e estamos preparados e preparadas para todo desde xa.
Salvaterra necesita un cambio?
Rotundamente si.
Por que?
O proxecto do PP está esgotado desde hai moito tempo. A pulsión que percibimos nas rúas da vila e nos camiños das aldeas é unha moi maioritaria pulsión de cambio. O desleixo do goberno é tan evidente que esgotou a paciencia da maioría social. E o goberno non fai nada para evitalo porque carece de modelo. Non ten follas de ruta de a onde quere chegar porque non ten obxectivos definidos. O único que fai este goberno, e para iso mal, é xestionar o día a día como poden.
En verdade esa pulsión de cambio pode percibirse nas rúas?
Percíbese con moita frecuencia. Nós baixamos á area desde o primeiro día e levamos unha liña de traballo consistente no contacto diario coa veciñanza de todos os currunchos de Salvaterra. E son moitísimas as persoas que se nos achegan a manifestarnos o seu desexo de cambio. E tamén nos damos de conta de que o noso traballo chega e de que a xente o valora.
O goberno do PP ten maioría absoluta. Nos 3 anos que levamos de mandato fixo algún intento por levar uns orzamentos a pleno?
Nin nestes 3 anos nin en todo o mandato anterior. Levamos cuns orzamentos prorrogados desde o ano 2017.
Estamos cun plan económico financeiro que incumpren sistematicamente e nestes momentos acumulamos unha débeda de máis de 5.000.000 de €.Se o pobo de Salvaterra nos dá a súa confianza maioritaria e podemos acceder ao goberno, temos claro que unha das primeiras cosas que faremos será unha auditoría das finanzas do Concello para saber exactamente como estamos.
Desde o 2017 o goberno fixo algún intento por levar uns orzamentos a pleno?
Non, nunca.
Iso é moi estraño pois sempre tiveron maioría absoluta e teríanllos aprobado sen ningún problema. A que motivo o atribúes?
É puro e duro desleixo. É un indicio clarísimo do tipo de goberno que padece Salvaterra. Por outra banda ao prorrogar orzamentos a veciñanza nunca pode saber exactamente en que se invisten os seus cartos.
Podes afirmar taxativamente que a situación económica do Concello é mala?
Si, por desgraza si que se pode afirmar taxativamente. Este goberno funciona a golpe de subvencións e con iso van tirando, pero non poden manter de maneira adecuada os servizos e infraestruturas necesarias para termos unha Salvaterra decente na que sexa posible desenvolver un proxecto de vida desde o principio ata o final.
Que pasa co instituto?
É un instituto deseñado a finais dos anos 90 do século pasado para unha Salvaterra de 8.500 habitantes pero agora case tres décadas despois o noso Concello achégase aos 11.000 habitantes.
Este aumento de poboación implica a necesidade de mellorar os servizos en todos os ámbitos, no educativo tamén. No caso do instituto pasamos de arredor de 300 matrículas a unhas 550 e as deficiencias no centro son evidentes.
Por exemplo?
Filtracións e insuficiencia de espazos. Por non haber non hai patio cuberto.
Cal sería a solución para o BNG?
A construción dun novo centro de ensino secundario e destinar as instalacións do centro actual á Formación Profesional. Temos o polígono industrial Chan da Ponte ao lado e é unha boa oportunidade para formar a mozas e mozos que tiveran unha saída laboral a carón das súas casas.
En relación á sanidade como está a situación?
O último dato que temos é que hai unha vacante sen cubrir. Logo están as vacacións e as baixas que tampouco se cobren adecuadamente, pero iso xa ven de longo.
No que respecta ao transporte que valoración fai o BNG?
A situación é mala, non hai conexión coas parroquias. Nós sabemos que non é fácil pero tamén pensamos que o goberno podería esforzarse moito máis do que se esforza.
Neste asunto do transporte quero aproveitar para mencionar unha das grandes teimas do BNG de Salvaterra: É imprescindible mellorar as conexións ferroviarias.
Nas pasadas semanas tivemos unha xuntanza coa eurodeputada do BNG Ana Miranda para trasladarlle a imperiosa necesidade que ten Salvaterra de mellorar o transporte por tren, e que ela intente influír para a captación de fondos europeos que o financien.
Nesa xuntanza coa eurodeputada só tratastes do asunto da conexión ferroviaria?
Non, tamén falamos da mellora doutras dúas cuestións que nós entendemos moi importantes para Salvaterra:
-A ponte da PLISAN
-A mellora da cobertura wifi e da telefonía móbil.
Un aspecto da vosa acción política que me chamou poderosamente a atención neste mandato é o intensísimo traballo de campo que facedes. Estades percorrendo Salvaterra permanentemente e interactuando de maneira constante coa veciñanza de todos os lugares do Concello. Por que?
Eu estou moi orgullosa dos meus compañeiros e compañeiras. Xa che mencionei antes que é un pracer formar parte deste equipo que traballa tanto, e traballa tan ben. Nós entendemos que a política é un instrumento para mellorar a vida da xente. E non hai outro camiño para podelo facer que escoitar as súas necesidades e os seus problemas. E iso é necesario facelo de maneira permanente non unhas semanas antes das eleccións.
Facelo así implica moito esforzo? Desde logo que si. Pero facéndoo así é como podes realmente coñecer e solucionar os problemas da veciñanza.
Seica ampliastes o equipo do BNG?
Si, con dúas mozas brillantes que estou segura que van achegar moito: Sheila e Noela. Sheila é doutora en dereito e Noela é psicóloga. Ambas son de Salvaterra e nos van axudar a chegar á maioría social do noso pobo.
Que tal son as relacións co PSOE local?
Son boas. As dúas organizacións temos claro que o necesario cambio que precisa Salvaterra pasa por artellar un goberno de progreso que necesitaría un acordo entre os dous. Estou convencida de que chegado o momento non haberá o máis mínimo problema.
En calquera caso nós non pomos ningún límite e imos pola maioría.
Rematamos: De verdade hai posibilidades reais de que o PP perda o goberno de Salvaterra no 2027?
Estou convencida. En Salvaterra imos ter cambio.

Primer comentario