Chapela é unha parroquia mariñeira do concello de Redondela que leva anos medrando ata converterse nun dos núcleos máis importantes da vila. Situada ás beiras da ría de Vigo e moi preto da cidade olívica, tanto que incluso combinan transporte público. O ambiente é tranquilo dun lugar de arrabade co movemento constante dunha área ben comunicada, preto de Vigo, da Comarca do Morrazo e da cidade de Pontevedra, pero con moita vida propia. Aquí, o mar segue marcando o ritmo das súas xentes mariñeiras, pero tamén o fan a industria, o deporte e unha veciñanza activa que mesturas os seus costumes tradicionais coa modernidade da nosa época.
San Fausto de Chapela é, hoxe, a parroquia máis poboada de Redondela, con arredor de 8.000 habitantes, superando mesmo ao casco urbano da vila. Estrutúrase en cinco barrios: Angorén, Cidadelle, A Igrexa, Parada e Laredo que, maila as súas diferenzas, comparten un forte vínculo social. Esta densidade de poboación non lle resta encanto nin proximidade; ao contrario, reforza o sentimento de comunidade que caracteriza aos chapeleiros e chapeleiras, pois este é o xentilicio das súas veciñas e veciños que convive cun alcume popular, “beretes”, en referencia a un peixe da ría de Vigo, símbolo da conexión co mar. Esta relación reflíctese tamén na paisaxe, onde os bosques atlánticos e as vistas panorámicas ofrecen un espectáculo natural de grande beleza. Desde puntos elevados como San Vicente de Trasmañó, o Picoto ou A Madroa, pódense contemplar impresionantes postas de sol que tinguen de laranxa avermellado as augas da ría.
A súa esencia mariñeira segue a ser un dos piares fundamentais da parroquia. A industria pesqueira ten aquí un peso destacado, con presenza de empresas de relevancia como Pescanova, que forma parte do tecido económico da zona. Ademais, Chapela acolle tamén as instalacións do Faro de Vigo, o decano da prensa española, fundado en 1853, un feito que reforza o seu papel como punto estratéxico industrial da parroquia e da súa contorna.
O propio nome de Chapela remite ao pasado. Procede dunha antiga capela situada no alto da Encarnación, punto de paso do antigo Camiño Real. Naquel tempo, as dilixencias ascendían con dificultade polo camiño de O Folón, obrigando aos viaxeiros a colaborar no esforzo. Unha vez no alto, era costume santiguarse na pila dun cruceiro situado fronte á capela, nun xesto de alivio e agradecemento tras a dura subida. Ese legado histórico continúa presente na memoria da parroquia.
Un dos espazos máis emblemáticos é a praia de Arealonga, un areal accesible desde a avenida de San Telmo e limítrofe co monte da Cacharela. Trátase dun lugar que combina tranquilidade e actividade, ideal tanto para o descanso como para o lecer familiar. A súa contorna destaca tamén pola ampla oferta gastronómica, con locais que se adaptan a todos os petos e gustos. Se ben no verán o acceso pode verse dificultado pola falta de aparcamento, Arealonga segue a ser un dos principais atractivos da parroquia.
Chapela non só vive do seu pasado e da súa paisaxe; é tamén un núcleo dinámico e ben dotado de infraestruturas. Conta con instalacións deportivas como un centro de deportes acuáticos, pavillón municipal, campo de fútbol e peirao deportivo, así como servizos esenciais como centro de saúde, oficina de correos, biblioteca e varios centros educativos que abarcan desde a educación primaria ata a formación profesional.
No ámbito deportivo, destaca especialmente o remo, unha disciplina profundamente arraigada na cultura local. O Club de Remo Chapela, fundado en 1984, é un dos referentes da parroquia, cun amplo palmarés en competicións galegas e estatais. A súa actividade céntrase principalmente no banco fixo, modalidade que esperta unha gran paixón entre a veciñanza. O club, que participa en diferentes categorías e modalidades como traiñeira, trainerilla e batel, naceu coa vocación de ofrecer unha alternativa saudable á mocidade, baseada no deporte e na tradición mariñeira.
Ata o ano 2011 a sede do club estivo situada nas antigas naves dunha conserveira na praia de Arealonga. Desde entón e en convenio co Concello de Redondela ocupan unhas novas instalacións situadas no mesmo lugar
A relevancia do remo en Chapela queda patente na celebración da Festa do Día do Remo, que ten lugar na terceira semana de setembro e converte á parroquia nun referente a nivel nacional e internacional. Chapela é o primeiro lugar de España e do mundo en recoller esta festa do día do remo. Este evento, pioneiro no seu tipo, combina competición, festa e identidade parroquial.
Xunto ao remo, o balonmán é outro dos deportes con forte presenza. O Deportivo Balonmán Chapela conta con equipos en categorías sénior tanto masculina como feminina, ademais dunha sólida base formativa que abrangue desde prebenxamíns ata xuvenís. Os partidos disputados no pavillón municipal “Manuel González Soto” son unha mostra máis do dinamismo deportivo da parroquia.
Mais se hai algo que define aos beretes é o seu gusto pola celebración. Ao longo do ano, suceden diversas festas que combinan relixión, gastronomía e tradición. Entre as máis destacadas están a Festa do Carme, en honra á patroa dos mariñeiros, que se celebra a finais de xullo; a Festa do Mexillón, na primeira semana de setembro; e a Festa de San Fausto, patrón da parroquia, o 13 de outubro.
Especial mención merece o Enterro do Berete, unha celebración singular que ten lugar o sábado posterior ao mércores de cinza. Nesta festa, comparsas e cabalgatas percorren a parroquia ata rematar na praia de Arealonga, onde se queima un “meco” en forma de peixe xigante, símbolo de Chapela. O evento, que cada ano gaña máis participación, exemplifica o espírito festivo e creativo da veciñanza.
Chapela tamén foi berce ou fogar de figuras destacadas, como o ciclista Marcos Serrano, gañador dunha etapa do Tour de Francia en 2005, ou o cantautor Suso Vaamonde, persoa comprometida coa cultura galega que residiu na parroquia durante anos. Desde o ano 1987 ata o anos 2000, ano de seu falecemento a causa dun becho chamado cancro, na Avda. de Vigo. Mesmo no ano 2001 abriuse unha rúa nesta parroquia en Cardona.
O tecido asociativo é outro dos sinais de identidade da parroquia. Numerosas asociacións veciñais, culturais, deportivas e sociais contribúen á vida cotiá e a fortalecer os lazos veciñais. Desde colectivos culturais ata clubs deportivos ou asociacións de apoio social, Chapela demostra unha notable capacidade organizativa e un forte compromiso.
En definitiva, Chapela é moito máis ca unha parroquia mariñeira. É un lugar vivo, cunha identidade clara e cunha comunidade que segue construíndo o seu presente sen esquecer de onde vén e a onde quere ir.

Primer comentario