A axuda vén de ser concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia
Redondela, 24 de agosto de 2021
O Arquivo municipal do Concello de Redondela vén de recibir unha subvención de 46.757 euros para a dixitalización de parte do fondo fotográfico de negativos do profesional redondelán coñecido como “Fot’sca”. Concretamente, trátase de preto de 70.000 imaxes (conservadas en negativos) comprendidas entre os anos 1972 e 1995. Segundo o Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, “trátase dunha nova importante xa que é a primeira vez que se xestiona dende o Concello de Redondela unha subvención para o Arquivo municipal e tamén que este departamento recibe unha axuda destas características, aínda que os fondos deste fotógrafo foron adquiridos polo Concello de Redondela no ano 2016”.
A subvención, que foi concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia, permitirá recuperar e dixitalizar outros documentos textuais como os libros de antigos padróns municipais de habitantes da localidade de 1920 a 1950, concretamente 2.959 imaxes.
Segundo a Concellería de Cultura esta documentación que vai ser recuperada supón sobre todo un paso adiante a nivel etnográfico e na recuperación do patrimonio cultural de Redondela. A maioría dos negativos recollen momentos únicos de temas que xiran entorno a vodas, comunións, bautizos, retratos de estudo, grupos escolares e festas populares, que foron inmortalizados por Fot’sca entre os anos 1972 e 1995.
O traballo de dixitalización levará uns oito meses e os fondos pasarán a formar parte da Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Se ben unha gran parte dos arquivos poderán ser consultados por todos os cidadáns, algunhas das instantáneas deberán permanecer aínda uns anos sen ser públicas por cuestións vencelladas á protección de datos, ao tratarse de retratos persoais.