BNG urxe recuperar e rehabilitar a praia da Punta no barrio de Teis en Vigo

BNG urxe recuperar e rehabilitar a praia da Punta no barrio de Teis en Vigo

A formación nacionalista reclama á Dirección Xeral da Costa e o Mar que realice de maneira urxente as actuacións de acondicionamento que prometera para que a veciñanza do barrio vigués poida desfrutar deste espazo de maneira segura

Madrid, 25 de agosto de 2021

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra no Congreso iniciativas para que o Ministerio de Transición Ecolóxica comece os traballos de recuperación e acondicionamento da praia da Punta, no barrio de Teis en Vigo, así como o seu entorno, despois de examinar o estado da zona acompañado do Portavoz Municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada no Parlamento Galego, Carmela González. Estiveron ademais presentes varios representantes da Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Teis que trasladaron as súas demandas e a necesidade de acometer a rehabilitación da praia e todo o seu entorno.  

A praia da Punta é o areal máis importante do barrio de Teis, na localidade de Vigo, situándose ao lado do paseo marítimo e en contacto co parque público da ETEA. Por este motivo, convértese nun dos lugares de ocio para a veciñanza do barrio nos meses de verán. Mais esta zona leva anos desatendida e “nun estado grave de abandono” que impide que sexa un lugar “seguro e adecuado para o desfrute da veciñanza do barrio”. Lembra que en 2019 a Dirección Xeral da Costa e o Mar comprometeuse a levar a cabo as obras mais, após dous anos, o proxecto non se iniciou.

“Anos de abandono deixan como resultado o afundimento da rampla de acceso ao areal, o mal estado da torre de vixilancia, a falta de firme no paseo marítimo e mesmo a progresiva desaparición da area da praia” enumera o deputado nacionalista mentres explica que esta situación xa foi denunciada por parte da Asociación Veciñal de Teis tanto ante o Concello de Vigo como ante a Dirección da Costa e o Mar.

Ningunha destas dúas institucións realizou algunha mellora no entorno da praia, a pesar de que en 2019 Costas se comprometera a iniciar as obras de recuperación que incluían a construción dun espigón similar ao que existía na zona cando a ETEA era unha escola militar. Esta actuación “podería solucionar a desaparición progresiva da area” sempre e cando “os estudos técnicos así o aconsellen”.

“A día de hoxe a zona atópase nun estado total de abandono, descoido, con terreo irregular e vexetación alta. Na iniciativa tamén propomos acondicionar o peirao que se atopa ao lado da praia, pois xa é empregado polas usuarias e usuarios a pesar do estado de deterioro actual, así como acondicionar unha superficie entre o paseo marítimo e o parque público” subliña Rego.

“Debe acondicionarse e asegurar, ou ben desmontar, a torre de vixilancia instalada ao lado da praia posto que o seu estado de deterioro ameaza a estrutura e xa se produciron desprendementos. Hai que decidir con urxencia se reconstruíla ou retirala” explica o deputado do BNG.