A fronte nacionalista urxe solucións diante das colas quilométricas na lonxa do Concello, das longas demoras para trámites e dos horarios limitados en servizos como as Unidades de Traballo Social de Teis e Coia
Xabier P. Igrexas: “Esta situación é produto das políticas de Abel Caballero, que impulsou máis privatizacións que ningún outro goberno na historia da nosa cidade”
VIGO, 1 de febreiro 2023
O Bloque Nacionalista Galego pide reforzar o persoal municipal e apostar pola descentralización de servizos como solución á saturación que vive nas últimas semanas o Concello de Vigo. A fronte nacionalista critica que o goberno de Abel Caballero baleire de medios humanos e materiais as dependencias municipais ao tempo que avanza na privatización de servizos públicos.
“A saturación actual supón un evidente prexuízo para a veciñanza, con colas quilométricas na lonxa do Concello, con servizos a medio pechar como as Unidades de Traballo Social de Teis e Coia e con demoras de máis dun mes para lograr unha cita para trámites que, en moitos casos, teñen a ver con situacións de vulnerabilidade social”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista afeou que o Goberno municipal insista, diante deste contexto, en transferir a mans de empresas privadas a xestión de máis servizos municipais. “Mesmo para cuestións tan básicas como a apertura e o peche das instalacións deportivas do propio Concello”, cuestionou Igrexas, que acusou ao equipo de Abel Caballero de ser “o goberno que máis privatizacións impulsou na historia da nosa cidade”.
O concelleiro do Bloque lembrou que o Concello de Vigo ten preto de 300 prazas de persoal municipal pendentes de adxudicar pola falla de execución das Ofertas Públicas de Emprego desde o ano 2017, tal como denunciaron tamén as e os propios traballadores da casa consistorial. Nese sentido, apuntou que o Goberno municipal deixou sen gastar até 37,5 millóns de euros desde o ano 2019 no capítulo de persoal municipal.
“Demandamos que o Concello, que ten capacidade económica abondo para reforzar os seus servizos, axilice a incorporación de máis persoal para ofrecer unha mellor atención á veciñanza e evitar sobrecargar aos actuais traballadores e traballadoras”, explicou Igrexas.
Ademais, o candidato do BNG chamou a avanzar na descentralización dos servizos municipais para que as viguesas e vigueses non se vexan “obrigados” a desprazarse até a lonxa do Concello e agardar longas esperas para trámites. A fronte nacionalista propón así que se doten as oficinas municipais de distrito e os centros de cívicos dos recursos necesarios para realizar esta atención presencial.