Consumo Consciente Árbore recibe o Premio aos valores cooperativos

Árbore

Na convocatoria dos Premios á Cooperación 2024, o Consello Galego de Cooperativas premiou a tres cooperativas: Consumo Consciente Árbore na categoría “Valores cooperativos”, A Morada Nosa (tamén viguesa), como proxecto cooperativo novo, e A Carqueixa (O Courel), pola súa traxectoria cooperativa.

Con este premio quérese “recompensar o traballo que as entidades realizan a favor do cooperativismo na comunidade”. Na resolución, valórase que Árbore é “un proxecto de economía solidaria que agrupa a persoas consumidoras que, en réxime de socias cooperativistas, teñen acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto. Nesta categoría visibilízase o labor da entidade que —entre as presentadas— máis ten destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros”.

Consumo Consciente Árbore, S. Coop. Galega leva xa máis de vinte anos ofrecendo a socias e clientas produtos frescos, ecolóxicos, de tempada, a granel e de comercio xusto na súa tenda de Vigo (dende 2015 na rúa López Mora, 30). Todo elo, apostando dende a súa orixe polos valores do cooperativismo e da economía social e solidaria. Na actualidade, Árbore é socia da Red de Supermercados Cooperativos, da Unión de Cooperativas Espazocoop e de REAS Galicia, ademais de participar e apoiar a toda unha serie de entidades que promoven o consumo consciente e responsable no ámbito local, galego ou estatal.

A entrega de premios será o sábado 6 de xullo, co gallo do Día do Cooperativismo Galego, no colexio Ángel de la Guarda (Nigrán), outro exemplo de como o modelo cooperativo se adapta a todo tipo de entidades.

Para coñecer mellor o proxecto:

• Sitio web: https://arbore.gal/

• Instagram: https://www.instagram.com/arbore.cooperativa/

• Facebook: https://www.facebook.com/arboreconsumoconsciente