Lucía Santos Omil voceira do BNG de Marín

Lucía Santos Omil

Velaí vai o resultado da nosa ampla conversa coa voceira do Bloque, Lucía Santos, na que nos ofrece a súa visión sobre a realidade política de Marín. Esta é unha localidade cunha casuística particular, a escola naval militar, que ten colonizado unha parte relevante da súa psique colectiva e que non fai nada fácil que o nacionalismo teña a oportunidade de chegar á súa maioría social. Non sei se a veciña de Pardavila Lucía Santos terá a oportunidade e a inmensa honra de ser a primeira alcaldesa nacionalista desta localidade. Todo apunta a que no 27 vai ter opcións realistas de disputar a alcaldía con opcións de éxito. Pero o que si sei, porque coñezo a Lucía desde hai bastantes anos, é que se a maioría da sociedade de Marín a distingue coa súa confianza nunca lla vai retirar.

Marín padece unha grave esclerose, produto da inacción política dun goberno que o único que fai, e para iso mal, é xestionar como pode o día a día.”

Non tiveramos ocasión de falar desde antes das municipais do 23, e aínda que xa pasou un ano quixera preguntarche pola túa valoración ao respecto daquel proceso electoral?

O resultado que acadou o BNG de Marín nas últimas municipais foi un facho de luz que permite albiscar a esperanza de que a escuridade e a esclerose nas que o PP sumiu á nosa vila estean entrando na súa fase final. Subimos 3 actas, , máis de 1.100 votos reais, e máis de 10 puntos en voto porcentual .Non podo máis que amosar a miña emoción e orgullo polo caudal de confianza que nos prestou a sociedade marinense, e e polo traballo constante, tenaz e incondicional da afiliación do BNG da nosa vila.

Imaxino que debes de notar unha diferencia substancial de estares ti soa no Concello a contar cun grupo solvente de 4 persoas?

E tanto que si. O traballo das persoas que me acompañan no concello e de toda a afiliación que está detrás é de enorme rigor e solvencia, e de absoluto compromiso co ben común da nosa localidade. E desde logo que a min me facilita moito as cousas.

Como está a saúde interna do Bloque en Marín?

Moi boa, moi sa e absolutamente ilusionante. Proba diso é a cantidade de xente que acode aos nosos actos ou que se pon en contacto con nós para trasladarnos as súas inquedanzas ao respecto da nosa vila.

Se os resultados das municipais foron bos os das autonómicas case os podemos cualificar como soberbios?

Serían así se tiveran sido suficientes para levar a Ana Pontón á presidencia da Xunta, e se tivese producido o imprescindible cambio político que precisa este país. Pero si, os resultados das autonómicas en Marín foron realmente bos. Nós subimos 11 puntos en voto porcentual e máis de 1.650 votos en sufraxio directo. A luz da esperanza que se abriu nas municipais continuou a facer máis grande o seu brillo e acabará por resplandecer , máis pronto que tarde, no cambio necesario en Galiza, e en Marín tamén. Teño a convicción absoluta de que vai ser así.

Percibes que en Marín nos encamiñamos a unha bipolaridade PP- BNG?

É difícil de afirmar iso de maneira taxativa pero esa é a sensación que temos no Bloque de Marín, si. De feito na campaña das europeas só o BNG está na rúa.

O PP tampouco está?

Tampouco.

Antes das municipais dicíasme que Marín estaba esclerotizado. Hoxe, un ano despois de iniciado o mandato actual, segues pensando o mesmo?

Reafírmome absolutamente. Marín padece unha terrible esclerose produto da nula acción política deste goberno que o único que fai, e para iso mal, é xestionar como poden o día a día. Este goberno só fai postureo. Non atende ás necesidades reais de Marín e no canto de arranxar os moitos problemas que padecemos, empeóraos.

Nalgún acto téñoche escoitado falar de que Marín perde á súa identidade. A que te referías en concreto?

Marín non se pode entender sen o seu mar. O mar de Marín é un elemento esencial na construción da nosa identidade colectiva. Do mar viviron moitas familias de Marín, e no mar morreron veciños de Marín buscando o pan para as súas familias. E este goberno no canto de potenciar a relación de Marín co seu mar, faina máis difícil. A iso me refería. A construción do auditorio pon máis muros diante do mar e tapa a única fachada que ten Marín ao mar. Por outra parte a destrución, que pretende o PP, do cemiterio de chalanas que está no paseo marítimo Alcalde Blanco é algo que está nas antípodas da visión de Marín que temos no BNG. O que nos tememos é que se vai destruír o único espazo de identidade mariñeira que Marín aínda conserva para facer un peirao para embarcacións deportivas.

Sempre que veño a Marín teño problemas moi serios para atopar aparcamento

Xa, é o día a día para a veciñanza de Marín. É un problema moi serio que cada vez vai a peor. O problema é especialmente grave para as persoas que vivimos nas parroquias cando precisamos achegarnos ao centro para mercar, ou para realizar algunha xestión.

A zona azul contribuíu a mellorar algo a situación?

Non, non serviu para nada. Tanto para a veciñanza como para o comercio local a cuestión da falta de aparcamentos é un problema moi importante.

A cuestión demográfica como está?

Cando unha zona perde sistematicamente habitantes temos un problema derivado doutros problemas máis graves. Basicamente: A xente marcha cando non ten as oportunidades necesarias nin os servizos suficientes que lle permitan desenvolver un proxecto vital persoal digno. Esa situación non xorde por casualidade nin por ciencia infusa, senón que acontece porque as políticas que se desenvolven son tan malas que obrigan ás persoas a buscar a vida fóra da súa terra. E iso, malia a pequena recuperación deste ano, é o que leva padecendo Marín desde que María Ramallo é alcaldesa.

Como está a sanidade de Marín?

Obxectivamente moi mal. Pediatría en Marín está baixo mínimos e o centro de saúde de Seixo está nunha situación precaria.

Ti cres que a presión veciñal influíu para que non se pechara o centro de saúde de Seixo?

Estou convencida.

Cóntanos que é o edificio Baladrón, e o por que da vosa campaña ao respecto dese edificio?

Ese é un edificio emblemático do centro da vila, que está na alameda de Marín e que está nun estado de ruína absoluta. Nós pretendiamos que o concello adquirira ese edificio, de feito o PP hai algúns anos levaba esa proposta no seu programa electoral.

Levaron esa proposta xa con María Ramallo de candidata?

Si. Pero nestas últimas eleccións xa non a levaron.

E vós entendedes que é unha adquisición realista?

Nós entendemos que é necesaria. Non se pode ter un edificio en estado de absoluta ruína no mesmo corazón de Marín, e sería moi importante que se dotara á cidadanía marinense dun ben público desa dimensión. Adquirilo edificio sería unha operación realista, desde logo que si. Nós démoslles o traballo feito, pois había unha liña de axudas da DEPO que encaixarían perfectamente para financiala súa adquisición, e incluso os primeiros pasos da súa rehabilitación.

Creo que fixestes unha enquisa entre a veciñanza para preguntar as súas opinións acerca de que entenden como prioritario para albergar nese edificio?

Si, a verdade é que fixemos un trabalo moi rigoroso.

Cal foi a opinión maioritaria da veciñanza?

Que debera albergar unha nova biblioteca municipal.

A biblioteca Vidal Pazos está obsoleta?

Si, hai anos que si.

Levastes a pleno a proposta de adquirir o edificio, e que pasou?

Contamos co voto favorable do PSOE pero por desgraza a proposta foi rexeitada pola maioría absoluta do PP.

E por que votou en contra o PP?

Non ofreceron ningún tipo de argumento solvente. Só escusas peregrinas e ata un tanto puerís.

Tedes contacto coa propiedade do edificio?

Si,é unha persoa que se o edificio se destinara a algún servizo público está a poñer todas as facilidades. Pero o problema é que non existe vontade política no goberno local para adquirilo edificio. Moito me temo que o motivo real da negativa está en que a iniciativa é do BNG.

Outra campaña que estades a desenvolver e a solicitude de espazos caninos?

Si, esa é unha demanda xa de hai moito tempo da veciñanza de Marín e o BNG, como sempre na nosa historia, procura atender as demandas da sociedade civil. En Marín non hai nin un só parque para poder soltar as mascotas. Xa no mandato anterior presentaramos unha moción ao respecto que o PP non atendeu.

Por que votastes en contra dos orzamentos?

Valorámolos como non realistas para atender as necesidades estruturais da nosa vila. Son uns orzamentos moi básicos que non van servir para arranxar nada substancial, e nin moito menos para darlle a Marín o necesario impulso que precisa.

Marín ten un importante tecido asociativo. O Goberno local trata igual aos colectivos que identifica como amigos que aos que identifica como non amigos?

Non, en absoluto. Este goberno está na liña da praxe histórica do PP de bipolarizar á sociedade en amigos, para os que hai todo, e inimigos, para os que só hai desprezo.

Ves perspectivas realistas de que Marín sexa pronto gobernada polo nacionalismo galego?

Si,absolutamente si, radicalmente si, sen dúbida algunha si. Non vai ser doado pero ímolo conseguir. O Túnel negro e cutre no que María Ramallo sumiu a Marín está a chegar á súa fin, e a luz da equidade e a xustiza social están cada vez máis preto.

Coido que esa concentración do antigo voto atomizado da esquerda marinense no BNG está dando bos resultados. Tanto é así que ata captastes a un antigo candidato á alcaldía?

No Bng temos moi claro que ou concentramos o voto de cambio ou non será posible derrotar ao PP. Nós estamos encantados de contar coa implicación do compañeiro e amigo Aarón Franco.