Paco Ferreira alcalde de Gondomar

Paco Ferreira
Tino Lago

Un ano máis, moi preto das festas de San Bieito, achegámonos ata o concello de Gondomar a falar co seu alcalde, o socialista Paco Ferreira. Con el mantivemos unha conversa moi extensa na que nos explicou a súa visión da realidade política do seu pobo. Vímolo moi animado, como sempre, e se cadra algo máis sereno e acougado que outras veces. É o que ten o paso do tempo, leva a relativizar todo un pouco, e xa son nove anos de alcalde. Amosouse satisfeito da súa xestión, con moitas gañas de máis, conciliador co BNG, duro coa Xunta e o seu trato a Gondomar, e cunhas enormes gañas de resolver dúas cuestións moi complexas pero esenciais para o futuro de Gondomar:O Plan xeral, e a situación do polígono da Pasaxe. Velaí vai o que deu si a nosa conversa

Sigo namorado ata as trancas de Gondomar”

Para A Nova Peneira xa se converteu nun costume entrevistarte en maio, pero este ano tivémolo que facer en xuño pois o mes pasado tiveches que viaxar a Italia. Cóntanos as motivacións e resultados desa viaxe?

Tratouse dunha viaxe de traballo do GDR(Grupo de desenvolvemento rural que forman 14 concellos do Sur de Pontevedra).Visitamos varias localidades, como por exemplo Milan, Parma, Bolonia….. con obxecto de coñecermos in situ distintos proxectos de desenvolvemento económico sostible que puidesen ser interesantes para aplicar nos nosos concellos.

Coñeciches algún proxecto en concreto que puidese ser beneficioso para Gondomar?

Si. En concreto resultoume moi interesante o seu modelo de explotación da trufa. Considero que podería ser aplicable no noso concello para facermos algo parecido cos cogomelos. A súa forma de traballar cos viños e invernadoiros resultoume tamén atractiva, e entendo que podía haber unha aprendizaxe recíproca ata o punto de chegar a intercambios de mercado.

Hai algún outro aspecto do traballo do GDR que poida incidir positivamente en Gondomar?

Pois si, claro que si. De feito acabamos de lograr unha subvención de 1,5 millóns de € con varias liñas de actuación, que non é que sexa moito, pois é para repartir entre todos, pero estou seguro de que buscaremos algunha forma de investir eses fondos de maneira conxunta para o beneficio colectivo. Ao fin e ao cabo esa é a filosofía do GDR: cooperar e non competir, algo que encaixa perfectamente na miña forma de entender a realidade. Teño a certeza absoluta de que a cooperación foi, é e será a vía máis adecuada para que a humanidade avance e progrese.

Ben, pasemos a mergullarnos nas profundidades de Gondomar: A oposición acúsate de teres abandonadas ás parroquias e centrar os esforzos de actuación só no casco urbano. Que tes que dicir ao respecto?

Eu comprendo, e por suposto respecto, que a oposición ten que facer oposición. Pero quen trate de facela aludindo a unha suposta discriminación do noso goberno ás parroquias de Gondomar simplemente falta á verdade.

Por que falta á verdade?

Dicir que nós temos abandonadas ás parroquias é unha trola que se desmonta moi facilmente pola vía dos feitos. Por exemplo:

-Melloramos as depuradoras de todas as parroquias

-Metemos saneamento en todas

-Fixemos actuacións moi importantes nas estradas e camiños de Borreiros

-O Barrio da Fraga en Vincios asfaltámolo completamente

-Estamos facendo unha actuación moi relevante no barrio da Pedra de Morgadáns cun investimento de máis de 600.000€

-Actuamos no camiño de Xende e na estrada de Prado

-Cando nós chegamos o servizo de recollida de Lixo estaba en precario, hoxe en día todos os contedores están limpos

-En Vilaza melloramos a estrada do Carrasquedo de abaixo e metemos o saneamento

-A estrada da Rochela asfaltámola toda e metemos o saneamento no barrio

E así podería seguir….. En definitiva:Gondomar ten unha enorme extensión de terreo e os fondos dos que dispomos son limitados. Pero na miña vontade está atender cada curruncho de Gondomar de maneira equitativa e xusta porque para min todos os veciños, sexan do sitio que sexan, teñen a mesma importancia, exactamente a mesma.

Como está a situación da auga en Vilaza?

Ese é un problema histórico que deriva da adquisición por parte do anterior goberno de Gondomar da antiga traída privada da parroquia. Esa adquisición fíxose sen respectar os adecuados procedementos legais, e provocou unha situación kafkiana pois nós xestionabamos a auga pero non a podiamos cobrar xa que legalmente non era nosa. Agora constituíuse unha nova directiva dos comuneiros, están renovando a concesión e o que teñen que facer é pór en marcha o servizo a través dunha comunidade de augas. E se procede entrariamos nun proceso de pasar a traída a municipal, pero facendo as cousas ben.

A actuación que estades a facer na Alameda vai cumprir os prazos de execución?

Os comerciantes da Alameda están debidamente informados da evolución das obras. A execución da obra eran sete meses. Aínda non levamos catro e está practicamente acabada. Trataremos de inaugurar as festas de San Bieito xa coa obra rematada. Se cadra pode quedar algún pequeno aspecto por pulir, pero conto que para as nosas festas de San Bieito o substancial da obra estea rematado.

Era necesario actuar aí?

Si, era moi necesario, incumpría a accesibilidade. Por outra parte o subsolo desa praza estaba en moi mal estado. As tubaxes estaban escachadas e en consecuencia había perdas de augas fecais. Nós metemos todo o saneamento novo e fixemos, como marca a norma, a separación entre pluviais e saneamento. Tamén metemos novas as redes de electricidade e de telefonía.

Porén, custouche moito poder concretar a actuación?

Si, unha enormidade. Primeiro custounos moito acadar a subvención da DEPO, pois era unha partida en concorrencia competitiva, e houbo que traballar moito para podérmola gañar. Por outra parte nós aprobamos ese proxecto un mes antes das eleccións e eu teño a convicción de que me supuxo custe electoral. E tamén me custou moito aprobar a adxudicación da obra.

Si, xa perderades a maioría absoluta e foi necesaria abstención do BNG

Efectivamente, unha posición política que eu agradezo moito, pois amosa quen está en política na busca do ben común da veciñanza de Gondomar e quen só está para poñer paus nas rodas na procura do seu beneficio particular.

Explícate?

Se despois de ter acadado esa importante subvención de máis dun millón de €, e de ter todo listo para unha actuación que era absolutamente necesaria, non podemos facelo porque a oposición non nos deixa adxudicar a obra sería terrible. En relación á oposición vexo que o grupo de Antonio Arauxo e o PP fan unha oposición destrutiva que non busca o beneficio para Gondomar senón para os seus grupos.

E o BNG?

Eu agradezo moito ao BNG os momentos en que nos apoiou, respéctoo profundamente e tamén digo que agardo moito máis deles. O BNG e o PSOE tanto en Gondomar como en Galicia estamos condenados a entendernos. Ningún dos dous pode gañar só ao PP, e se non nos entendemos nunca poderemos derrotalos. A miña porta está aberta ao BNG para que cando queiran entren no goberno de Gondomar.

Finalmente ides adquirir o antigo bar De Lis?

Si, compramos a casa por 270.000€.

E que tes previsto facer alí?

Un centro lúdico que estea conectado coa casa Peralba.

Alí ides facer unha biblioteca?

Si, pero algo máis ca iso. Pretendemos que ambas edificacións sexan un centro de cultura e lecer, multidisciplinar( biblioteca, zona de concertos, lugar de encontro da mocidade, actividades para a xente maior, un pequeno museo…), de primeira magnitude que lle dea a Gondomar un plus importante tanto de servizos para a nosa veciñanza, como para facelo máis atractivo para o visitante.

Como ides financiar ese proxecto?

Estamos pendentes da resolución dunha subvención de 2 millóns de € do ministerio de cultura.

Para a biblioteca perdestes unha subvención?

Si, perdemos unha pequena subvención de 2.000€, para a axuda de libros da biblioteca municipal, por un erro administrativo. Somos humanos e tamén cometemos erros. Eu, por suposto asúmoos con humildade e con responsabilidade.

Como levas pasar de ter maioría absoluta a non tela?

Politicamente desgasta. Por exemplo co tema da Alameda,que falamos antes, aprobar a adxudicación custou unha enormidade e nos fixo perder moitos meses.

Outro exemplo é a concesión da auga, que nós temos case en precario pois xa acabou a prorroga. É preciso un estudo de viabilidade que leva indo a pleno tres veces e as tres foi rexeitado pola oposición.

Por que ?

Non é obxectivamente comprensible. O estudo de viabilidade é un documento contable, non é algo que se poida cuestionar. Pero polo rexeitamento sistemático temos o servizo de auga como o temos, e nos impide facer un investimento de 1,5 millóns de € para saneamento que está parado pola oposición.

O asunto dos soldos está xa arranxado?

De momento si, pero eles recorreron. Uns soldos e unhas dedicacións que son os mesmos que no 2011 cando a señora Bouzós estaba no goberno.

Como está a situación do polígono da Pasaxe ?

Vamos ver, eu creo que obxectivamente Gondomar está moito mellor do que estaba antes de que nós chegaramos, pero hai tres aspectos que a min me preocupan moito e que teño o firme compromiso de solucionar pois Gondomar os necesita. Eu defínoos como os tres P: O plan xeral, o Polígono da Pasaxe e o Paseo fluvial.

Imos por partes: A Pasaxe?

Teño a impresión de que existe un bloqueo consciente tanto da empresa adxudicataria como por parte da Xunta que persigue atrasar todo o posible o inicio das obras.

Así de claro?

Así de claro.

Pero se os candidatos populares á presidencia da Xunta teñen manifestado en reiteradas ocasións que este se trata dun proxecto estratéxico e comprometido ríos de millóns?

Xa, pero a realidade dos feitos, por desgraza , é contraria a eses compromisos. É un proxecto estratéxico, claro que si,enormemente necesario e beneficioso non só para Gondomar senón para toda a contorna, desde logo que si. Pero se cadra ao PP non lle interesa que se desenvolva cun goberno de Gondomar que non sexa do seu signo político. Por outra parte un ano e dous meses despois a empresa adxudicataria non comezou as obras. Iso non é tolerable. Se non queren facelas que se retiren e que nos deixen licitar de novo, pero que non estean fastidiando ao pobo de Gondomar.

Non trataches de arranxar coa Xunta?

E tanto que tratei. Levo pedidas tres reunións co conselleiro de Industria e non me recibiu. Tamén pedín dúas veces unha xuntanza co presidente da Xunta e tampouco me atendeu.

O paseo fluvial?

Temos a primeira fase, desde Gondomar ata Mañufe, con todo o proxecto feito e presentado en Madrid. Pedimos unha subvención de 0,5 millóns de € para podelo executar, e estamos pendentes de que a resolvan para , no caso de que sexa de forma positiva,podermos comezar a execución. Estamos a redactar unha segunda fase que iría desde Mañufe ata a Ramallosa.

Estou moi ilusionado con este proxecto, entendo que sería un punto importante na conexión entre as localidades da nosa comarca.

O Plan Xeral?

Se cadra este é o tema máis complexo de todos. Sabes que no 2016 houbo un cambio de norma na Xunta que nos obrigou a comezar todo de novo. Imos conseguindo todos os permisos sectoriais agás o estudo de contaminación acústica das estradas de Galicia. Temos que ter un plan xeral aínda que sexa de mínimos pero telo temos que telo.

En que horizonte temporal realista pode estar en pleno para sometelo á súa aprobación inicial?

Arredor de xuño do 2025.

Acabamos Paco: Xa levas 9 anos de alcalde de Gondomar. Estás desgastado ou segues coa mesma ilusión do principio?

Eu sigo namorado de Gondomar ata as trancas. Sigo con unha enorme ilusión e coa sensación de que aínda me quedan cousas por achegar ao meu pobo. No momento que entenda que xa non podo ofrecer nada, ireime á miña casa con total serenidade e coa conciencia moi tranquila. Cometo erros, estou seguro, pero a miña vontade é traballar sen descanso polo ben común do meu querido pobo. Nunca perseguín ningún tipo de beneficio persoal nin partidista. En toda a miña carreira política só busquei, con acertos e erros, dar o mellor de min mesmo para mellorar o día a día dos meus veciños.

O PSdeG?

O PSdeG precisa dun proxecto galeguista autónomo e independente. No caso de que non se entenda así non será posible que volvamos ter expectativas realistas de goberno. Agardo que Besteiro sexa o suficientemente valente para desenvolvelo.