
Vimos de rematar un proceso electoral que culminou coa celebración de comicios locais o pasado domingo 28 de maio, polo que cómpre facer unha valoración tanto dos resultados electorais como de todo o proceso previo e tamén, como non, da situación que nos deixan os resultados electorais.
En primeiro lugar, e como non podería ser doutra forma, cómpre destacar o intenso traballo levado a cabo por militantes e simpatizantes, que sacrificaron horas e horas do seu tempo de lecer para colaborar co BNG na campaña, tanto nos repartos de propaganda como nas pegadas de cartaces ou mesmo pendurándoos das farolas por todo o concello. O traballo militante e concienciado permite que o BNG poida alcanzar unha visibilidade que outros so conseguen a base de talonario, e pagando empresas para que fagan ese mesmo traballo. Co traballo militante, o BNG aforra diñeiro, o cal nos permite levar o traballo político adiante sen débedas coa banca e por tanto coas mans libres. Pero ese traballo, sobre todo, énchenos de orgullo, porque sabemos que contamos co apoio de moitas persoas xenerosas, e iso non ten prezo.
En canto aos resultados electorais, sen ánimo de caer en tópicos, só podemos cualificalos de moi bos: en Redondela duplicamos a porcentaxe de apoio electoral en comparación co anterior proceso municipal (dun 8.2% a un 16.12%), e subimos, no cómputo xeral en máis de 1200 votos. Observando os resultados por parroquias, incrementamos o noso apoio en practicamente todas elas. Interpretamos estes resultados como a proba de que a mensaxe do BNG chegou a moita xente, o cal foi, durante toda a campaña, a sensación de moitos e moitas de nós, vista a grande receptividade que amosou pola rúa unha grande cantidade de persoas, que non dubidaron en amosar o seu apoio e agarimo en múltiples circunstancias. En definitiva, os resultados electorais podemos consideralos bos sen ningún tipo de matiz, por moito que, por suposto, nos gustaría que fosen aínda mellores.
Finalmente, con respecto ao panorama que nos deixan as eleccións do pasado domingo en Redondela, debemos facer un esforzo para ver o panorama completo sen nos deixar cegar polos grandes titulares.
En primeiro lugar, e ante os titulares nos que se facían hipóteses de todo tipo na combinatoria de apoios post-electorais, rexeitamos enerxicamente o feito de que outra organización política tomase a liberdade de falar en nome do BNG. A expensas de que a Asemblea Local deseñe as estratexias de traballo, en ningún momento se prantexou a posibilidade de que o candidato á alcaldía do BNG, Xoán Carlos González encabece alternativa ningunha. Esta opción sería un fraude eleitoral en toda regra, e unha deslealdade cos votantes.
O panorama político no recentemente electo pleno municipal está evidentemente enrarecido por motivos máis persoais e de loita de egos que por cuestións ideolóxicas e/ou políticas, polo que non pode ser o BNG quen solucione os problemas doutras organizacións políticas. O BNG pode cuestionar formulacións políticas, programas, ideas, pero non entra no enfrontamento persoal nin no espectáculo polo espectáculo, porque entendemos que a política é unha cousa moi seria e que afecta a moitas persoas, non é un xogo nin un entretemento, e moito menos unha frivolidade.
A militancia do BNG, así como todas as persoas que depositaron en nós o seu voto, deben permanecer tranquilas, e agardar a que cada un dos actores políticos deste concello se fagan cargo da súa responsabilidade e deixen de xogar coa vontade democrática do pobo. Desde o BNG tomamos a nosa responsabilidade moi en serio, e tentaremos, como non pode ser doutra forma, que Redondela teña durante os próximos catro anos un goberno estable e de progreso. Porén, somos conscientes da forza con que nos dotou o electorado, e entendemos que debemos estar en disposición de dialogar con todos os axentes políticos, porque o diálogo é a única vía para a estabilidade e o progreso.
Confiamos en que nos próximos días o sentido común e a seriedade triunfen e academos pronto o goberno que o pobo de Redondela elixiu.