Lino Costas
Actualmente estamos a vivir a segunda crise da vivenda no que vai de século. Se a primeira se caracterizou por unha burbulla especulativa que acabou con milleiros de desafiuzamentos e co rescate de entidades bancarias con cartos públicos, esta segunda caracterízase pola cada vez maior dificultade da clase obreira para acceder a unha vivenda na que poñer en marcha o seu proxecto de vida.
O problema actual do acceso á vivenda non é soamente o incremento do seu custe, se non que este se suma ao enorme incremento do custe da cesta básica. O prezo de venda da vivenda en Galicia durante os últimos cinco anos aumentou un 2% e o do aluguer, empuxado en boa parte polo auxe dos alugueres turísticos, un 35%. A isto hai que sumarlle o incremento do custe da cesta básica que, dende o 2019 aumentou un 45%. Un aumento de custes que, por suposto exceden con moito o dos salarios, que de media aumentaron en Galicia nos últimos cinco anos un 16%. Este panorama danos unha idea das dificultades ás que se enfronta a clase obreira nestes días. Sobre todo para quen ao incremento xeral do custe da vida ten que engadirlle o custe dunha hipoteca ou aínda peor, dun alugamento.
Ante esta situación, o Goberno de España estableceu algunhas medidas, coma a de regular o prezo dos alugamentos nas chamadas zonas tensionadas, medida xa de por si modesta e a maiores boicoteada polas comunidades gobernadas polo PP. Un exemplo en Galicia o temos no que acontece no Concello de Compostela, co Goberno Municipal tentando declarar o Concello coma zona tensionada e a Xunta de Galicia poñendo atrancos para elo. Logo está tamén o anuncio que fixo o PSOE a inicios de ano de outorgar unha bonificación do 100% no IRPF con respecto a os alugamentos que non aumentaran de prezo. Unha medida claramente insuficiente e que ademais incrementa o negocio da vivenda reducindo os ingresos do estado. Ou tamén a medida de emerxencia aprobada polo Consello de Ministros ante a presión de Sumar, de prorrogar os alugamentos actuais que rematen antes de decembro de 2027. Medida esta que previsiblemente non será validada no Congreso dos Deputados debido á negativa das distintas dereitas e que o PSOE xa deixou claro que non está disposto a defender.
Neste sentido é de saudar a idea lanzada polos Ministros de Sumar de facer un Parque Público de Vivenda non a través da nova construción, se non da adquisición de vivenda baleira, que supón no conxunto de España o 14% da vivenda construída e ata o 30% en Galicia.
Pero para facer realmente fronte ao problema e garantir á clase traballadora unha vivenda digna non bastan con medidas que, aínda que adecuadas, son claramente insuficientes e que non van a supoñer unha gran diferenza. Temos que comezar por sinalar o problema de fondo: a vivenda non é a día de hoxe principalmente un ben de uso, se non un activo de inversión. A clave para reverter a situación é que a vivenda deixe de ser un medio para acumular capital e patrimonio e extraer rendas. Todas as medidas arredor da vivenda deben ser consideradas dende o punto de vista da súa utilidade social.
Son necesarias medidas valentes. Medidas que fagan que a vivenda deixe de ser un activo financeiro rendible. Entre elas, regulacións tanto dos prezos dos alugueres como das vendas, impostos progresivos ás vivendas baleiras, prohibición de compra de vivenda residencial ás empresas, penalización das vendas á curto prazo, necesidade de autorización administrativa para a adquisición a partir da terceira vivenda ou expropiación da vivenda que permaneza baleira durante dez anos ou máis, entre outras medidas que se poderían implementar. Medidas claras e efectivas que irían contra o negocio e a favor das condicións de vida da clase traballadora. “Soamente” necesitamos un goberno que non estea aliñado cos intereses do negocio da vivenda.

Primer comentario