Por mor da confusión á hora de votar, xorde un tema, no medio da precariedade laboral endémica, da fidelidade que os parlamentarios deben ao partido, sexa cal for, chegando mesmo a prescindir da súa capacidade de raciocinio, que se lles supón, e en favor da orde do grupo no que se integran. Anque nalgún momento poden todos chegar ao ridículo de aplaudir os erros ou remoerse neles. Como pasou. Entón o espectáculo faise digno de comedia ou drama, non sei a estas alturas como interpretar que por un lado, non quero verme na pelexa, unha xente vota en contra da súa vontade e téñense que auto-disciplinar no que manden no cumio do partido. Cacho sapo a tragar! Por outra parte entendo que no cumio do partido acepten conxugar vontades para sacar adiante unha medida que resulta necesaria. Por un lado, o señor que erroneamente deu ao botón do si, xa se levaba equivocando máis veces. Parece torpe, anque non é condición que o exima. Por outro lado, aínda con máis inri, tivo que confirmar o seu voto, e confirmou que estaba ben! Por outro lado, mesmo a Presidenta da Cámara non deu sumado axilmente votos antes de condenar para, cando a calculadora mental reaccionou, dar un novo resultado e corrixirse de contado. Todo iso é resultado dunha montaxe nos “conciliábulos” nos que por riba se suman tránsfugas que ían de inocentes, seica, e sen deixarse tutelar polo cumio do seu partido, nun arrebato de liberdade, votan en contra. Por un lado a suma de votos, que é o que interesa, e por outro as distintas accións que condicionan a decencia. Claro está que debera saber, nestas latitudes nas que din exercen democracia, que todo vai “manga por ombro”. E nós debemos asumir esas prácticas. Sentín unha certa vergoña, lonxe do tema que se releaba, lonxe do beneficio ou non da constrinxida Reforma Laboral, da que eu creo que, calquera que bote fóra a anterior é moi necesaria e urxente. Pero é que aquilo lembroume directamente ás raleas que aínda se producen nas feiras, son formas dos negocios, os berros increpantes, as malas educacións, os malos modos, a violencia da ollada, a falta de todo aquilo necesario para dialogar. E nós, escollemos esa xente? Eu non me fago responsables. Parece que é para o que están alí, debidos aos nosos votos confiados, uns e outras, alí, e sen querer entenderse, facendo delincuencia e apoloxía da mala educación. Que fracaso! O noso, e do eles. Ninguén merece que lles confiemos a nosa vontade, ese é o noso fracaso. Pero tamén o de toda a Cámara, naquel amaño inadecuado e pestilente. Non sei como se pode suplantar o procedemento legal de parlamentar. Invitáronnos novamente á derrota, a mirarnos no espello e non comprendernos naquela corrupción de clandestinas maneiras, aquel exilio de diálogo, de vontade de chegar a algures. Parecía unha trangallada, non se daban conta do importante que era o tema. Non souberon estar á altura, como sempre pasa. De nada valía, nin sequera acordaban da recomendación e esixencia da unión europea para buscar algunha solución diante do insulto laboral que está en aplicación. Ese modo de beneficiarse sen repartir beneficios, ese modo que chaman traballo que é un modo de escravismo. Ese dos contratos día a día, soldando contratos e paro, indignos para calquera persoa. Ese que perdura desde hai anos, por culpa e enxeño de alguén, nesta xeografía de difícil acreditación planetaria, onde se sementan odios, constantemente, e dan lugar ás cicloxéneses terroríficas e ciclóns coma bombas que, seguro, virán dos seus pupilos. Si, por culpa destas cousas e moitas outras, que nos sacan do mapa, non avanzaremos. Moita xente ría, a outra conxelábaselle o sorriso. Outra choraba, vendo a perda dunha oportunidade máis para ter feito unha contrarreforma en condicións, ben feita. Outros, tamén entendo, pensarán que esta que saíu, xa é algo, supón unha avantaxe que desdí tanta infamia. De todas formas preferiron, as súas señorías, dar aquel lamentable espectáculo. E aínda despois, na cancha que lles dan os medios de expansión informativa, espallan a ausencia de dignidade. Velaí, nesas maneiras, vendo como se desenvolven as cousas, a miña torpe esperanza, producíndome certo noxo e desconsideración. Non podo evitar que aquel esperpento dane a miña impericia para tragar sapos, adobiados con insultos, ameazas de denuncia e vinganzas. Que exemplo! Queda clara a torpe condición dos exaltados. Unha mágoa que pagaremos!