
Todas as persoas tratamos de fundamentar a nosa conduta persoal en sólidos principios éticos ante os ollos dos demais. Non hai case ninguén que teña a honestidade intelectual suficiente como para recoñecer que, calquera comportamento propio que puidese ser lesivo para unha terceira persoa, está motivado por un interese particular. Sempre ofreceremos á mirada allea supostas razóns morais que nos impulsaron a actuar desa maneira.
Na política acontece o mesmo. As distintas posicións políticas sempre son defendidas en función de valores éticos universais. As persoas de dereitas din que o seu modelo social persigue a liberdade do individuo, mentres que as persoas de esquerdas consideran que a forma de organizarse que eles defenden busca a igualdade e a xustiza social.
A liberdade así en abstracto é un concepto de valor moral indiscutible. Non é posible rebater que é preferible ser libre a non selo.
O problema xorde cando baixamos ao terreo do concreto e nos cuestionamos tanto cales son os límites desa suposta liberdade que defenden os chamados liberais, como a maneira na que se poida executar esa liberdade cando se parte de situacións de flagrante desigualdade.
O terrible caso da moza Noelia Castillo, que aos 25 anos decidiu acollerse ao seu dereito de morrer con dignidade e deixar de sufrir, amosa unha vez máis que a liberdade que defenden os liberais é unha flagrante mentira. A rapaza tivo que pasar un auténtico calvario xudicial para poder exercer a súa liberdade porque os que din defender a liberdade do individuo non pararon de pór pedras no camiño para impedir que Noelia puidese exercer a súa liberdade persoal.
Noelia, que aos 25 anos de idade tería que estar gozando dos momentos máis luminosos vida : da amizade, o sexo, o amor e o pracer de descubrir o mundo en comunidade con outros mozos e mozas da súa xeración, morreu. E fíxoo porque tivo a desgraza de nacer nunha familia desestruturada e de escasos recursos económicos. E así non se pode ser libre, polo menos non da mesma maneira que o é o mozo que nace nunha familia con posibilidade económicas elevadas.
Noelia non puido exercer nunca a súa liberdade, agás para decidir rematar co seu sufrimento, porque naceu nun contexto social que a situou nunhas condicións nas que non se podía permitir ser libre.
Esa é unha das dúas condicións que invalidan a liberdade que esgrimen as persoas de dereitas como base ética da súa posición política: Se partes dunha posición inferior ou moi inferior a outros non tes a mesma capacidade de decisión e en consecuencia ser libre non é posible. A segunda condición está nos límites da arquitectura moral de cadaquén. Os liberais defenden a liberdade si,pero só a que caiba no interior das fronteiras da súa concepción moral da realidade. Para as persoas de dereitas, para moitas delas, Noelia non podería ter decidido sobre a súa eutanasia porque para eles esa opción non é moralmente concibible. Pasa o mesmo co aborto. As persoas de dereitas defenden a suposta liberdade das mulleres para alugar os seus ventres( en realidade defenden a liberdade de comprar nenos de quen teña cartos para podelo facer), a suposta liberdade dos grandes propietarios para especular co prezo dos alugueiros( en realidade defenden a liberdade duns poucos de enriquecerse sen ningún tipo de límites a costa da pobreza de moitos), a suposta liberdade das mulleres prostituídas para prostituírse( en realidade defenden a liberdade dos homes para comprar o corpo das mulleres), a suposta liberdade para elixir sanidade pública ou privada( en realidade defenden que a asistencia sanitaria sexa só para quen a poida pagar)… pero claro, cando a cuestión toca algo que eles non consideran lexítimo, como o aborto, a eutanasia…. alí xa sería necesario regular, é dicir prohibir.
Cando alguén di ser liberal pero só o é no que considera que se pode ser, en realidade o que está defendendo de verdade non é ningún tipo de principio ético, senón os intereses de clase. Defende, baixo o paraugas moral da liberdade, que os privilexiados de toda a vida poidan seguir sendo privilexiados.

Primer comentario