A ESPAÑA “ COJONUDA”

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Nestes tempos de confinamento forzoso, que debemos asumir con responsabilidade cívica, porque o sentido común indica que, cando todos os científicos manifestan que é a única forma posible de acabar o antes posible coa pandemia vírica e de evitar o colapso do sistema sanitario, todos os científicos non poden estar equivocados, eu que son un home libre, que non liberal, ao que sempre me desgustou estar moito tempo no mesmo sitio, e que sempre adorei coñecer lugares, persoas e experiencias novas, penso moito no sufrimento que deben de padecer as persoas encarceradas e no espanto que debe ser imaxinar que a expectativa vital para os próximos anos sexa pasalos nunha cela. Así mesmo imaxino que no futuro, nun estadio evolutivo superior da especie humana, poida ser posible chegar a vivir nunha sociedade sen cárceres ,e non me deixo de asombrar cando alguén, que non teña pasado polo transo horroroso de que algún ser querido seu fose agredido por terceiros, e que polo tanto careza de implicación emocional, poida desexar que a solución dos conflitos pase polas vías punitivas contra o diferente e poida alegrarse cando esa punición se aplica con rigor inhumano e cruel.

Nestes tempos de confinamento forzoso cómpre ensanchar as emocións, a mente o espírito e o corazón para tratar de levar o mellor posible a imposibilidade de bicar a quen queres, de apertar a quen amas, de gozar coa azul inmensidade do mar, de emocionarse na impenetrable profundidade cromática dunha fraga ou de arranxar todos os problemas do mundo debaténdoos, arredor dunhas cervexas, coa compañía dos nosos. A vontade de facer máis amplo o noso coñecemento, foi a que nos levou a falar con cidadáns galegos emigrados en distintos países do mundo e preguntarlles pola situación sanitaria dos lugares nos que os camiños da vida lles levaron a residir. De momento conversamos con Carlos que vive en Viena, con Juan que vive en Buenos Aires, con Anxo que vive en Copenhage, con Koki que vive en Nova York, con Abelenda que vive nun pequeno pobo do cantón francés de Suíza, con Joshua que vive en Cork ,na república de Irlanda, con Xoán que vive en Berlín e con Cesáreo que vive en Dakar. A situación sanitaria dos países nos que viven as oito persoas, que tiveron a amabilidade de contarnos as súas experiencias, ten distintos niveis de dificultade en función das circunstancias de cada sitio. Convídoos a ler as entrevistas e coñecela. As medidas adoptadas para enfrontarse á epidemia son moi semellantes en todos os países; confinamento social ,peche de fronteiras, restricións da actividade económica e suspensións de eventos que impliquen concentracións de persoas. Nalgúns sitios producíronse antes, noutros despois, nalgúns sitios o nivel de intensidade é moi estrito, noutros algo menos, pero non é difícil constatar como en todo o mundo a loita contra a pandemia prodúcese en parámetros moi similares. Porén todos e cada un dos entrevistados coinciden nas súas respostas cando lles preguntamos cal é a actitude da oposición aos gobernos do país no que viven en relación á política que desenvolven os devanditos gobernos para loitar contra a epidemia, xa que en todos e cada un dos casos manifestan que esta é leal e construtiva, e en todos e en cada un dos casos amósanse abraiados pola actitude que a oposición da dereita española, virulenta en grao superlativo, desenvolve no estado español. É a España “cojonuda” que mencionara Unamuno na súa famosa carta a Azorín de 1.907 “ tienen testículos en vez de sesos en la mollera”.É a España brutal do nacional catolicismo que asasinou e condenou ao exilio aos segmentos máis civilizados e lúcidos de España. É a España que matou a Lorca e Alexandre Bóveda, é a España que reprime, que abafa e que non é capaz de convivir en paz co diferente. É a España liberal, que non libre, que exixe liberdade para todo aquelo que caiba dentro dos seus parámetros morais, e demanda regular (prohibir) todo aquelo que non caiba. É a España contra a que a decencia exixe combater con pedagoxía democrática para que as persoas decentes que están dentro dela, que as hai e moitas, podan decatarse do profundamente inmunda que é.