Tu quoque, fili mi?

Tu quoque, fili mi?
imaxe de National Geographic
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Cando teño a fortuna e o pracer de mergullarme nalgún debate apaixoante, con algunha persoa interesante, adoita agromar un tema moi atractivo para min, referente a se a consideración da calidade ou non de calquera produción intelectual depende do punto de vista do suxeito que a percibe, ou se existen criterios máis ou menos obxectivos e universais para poder determinar se unha obra de arte posúe calidade ou se non a ten. Eu, malia que penso que a miña opinión non é maioritaria, opino que si, si que existen, e basicamente se trataría de que unha obra poida transcender o seu contexto histórico e ser gozada e ou interpretada cos criterios dun tempo diferente aos que había no momento no que foi creada. É o que fai que se converta en clásica.

Un clásico é o título deste artigo. Foi pronunciado supostamente por Xulio César cando foi asasinado e constatou , no momento de ser apuñalado, que Bruto, fillo de Servilia que foi durante moitos anos parella de César, a quen o grande estadista romano consideraba como o seu propio fillo, participaba tamén da conxura e el era un máis dos que contribuían ao seu apuñalamento.

“ Ti tamén meu fillo¡¡” díxolle a Bruto o seu pai adoptivo mentres era apuñalado, entre outros, por unha persoa á que amaba e recibía a dor física do metal penetrando no seu corpo, e a dor emocional do millón de agullas da amargura que produce darse de conta de que quen queres te traizoa.

Non sei se Luis Rubiales coñecerá a historia da morte de César, non o creo, malia que só podo especular ao respecto, o home non me ten o perfil de estar interesado na cultura clásica. Un tipo, por moi licenciado en dereito que sexa, que celebra os éxitos deportivos agarrándose ostensiblemente os seus xenitais e bicando mulleres sen permiso semella ter máis afinidade con Millán Astray, Torrente ou Jesús Gil que con Virgilio ou Suetonio por exemplo. Pero se a coñecera estou seguro que o “ Tu quoque” asomaría á súa mente en numerosas ocasións estas últimas semanas, despois de comprobar como varias persoas que aplaudiron notoriamente o seu discurso, machista, pailaroco, agresivo e baboso, no que cargaba contra o feminismo nunha asemblea da federación , poucos días despois tiraban comunicados de prensa nos que lle cuspían á cara ao seu antigo xefe e pouco menos que se definían como activistas feministas de toda a vida.

Ese “ Tu quoque “ co que César se laiaba con amargura, é o mesmo co que se podería queixar Rubiales porque o perfil de quen o provoca é idéntico, o traidor, a persoa que sempre está co poder e co que nunca se pode contar para ningún proxecto colectivo que procure o ben común. Só se a humanidade algún día é capaz de superar a peste do capitalismo, e deixar atrás a organización social baseada na competición para substituíla por unha sociedade artellada en torno á cooperación e a xustiza social ,o título desde artigo deixará de ser un clásico para perderse nas brétemas do esquecemento por unha razón moi sinxela: Xa non sería necesario.