Sobre a falta de respecto polo idioma galego

Placa del Celta
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O pasado 23 de agosto o equipo de fútbol do Celta de Vigo cumpría 100 anos de vida. Para celebraren o seu primeiro século de existencia , entre outras cousas, colocaban unha placa na actual Biblioteca Compañel, no casco vello vigués, pois seica foi alí onde se formalizou o seu nacemento.

A devandita placa ten 5 liñas de texto e 7 faltas de ortografía:

1:Na liña dúas * A XENEROSIDADE, cando debera ser Á XENEROSIDADE

2: Na liña dúas *CLUBES, cando debera ser CLUBS

3: Na liña 3 *AS SÚAS, cando debera ser ÁS SÚAS

4: Na liña 4 * CA , cando debera ser COA

5: Na liña 4 *PÓDENSE , cando debera ser SE PODEN

6: Na liña 5 *MAIS, cando debera ser MÁIS

7:Na liña 5 *SONOS , cando debera ser SOÑOS

Ese mesmo día Anxo Lorenzo, o filólogo que é o máximo responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, celebraba nas súas redes sociais a colocación da placa, acto no que el estivo presente. Cando , nesa mesma rede social, dúas persoas manifestan que esa placa está ateigada de erros, Anxo Lorenzo replica :” Os erros lingüísticos vanse solucionar nunha nova placa que está preparando o club”

O día 30 de agosto, 7 días despois, acudín á biblioteca e pedín ver a placa. A resposta inicial do persoal da biblioteca foi que a placa estaba retirada. Eu pido por favor que me indiquen o lugar no que se colocou antes de retirala, e entón xa me din que en realidade segue estando, pero tapada, e que non lles é permitido indicarme o lugar no que está.

Quero pensar que cando este artigo se publique o problema estará xa amañado, e unha nova placa,correctamente escrita, recordará aos visitantes da fermosa biblioteca o evento do centenario dese equipo de fútbol. De feito resultaríame asombrosa a hipótese contraria e que o asunto non se solucione. Aínda que non creo que facer unha placa leve moito tempo e que , unha semana despois, non estea colocada resulta en verdade estraño.

Pero, malia que se amañe, que imaxino que se amañará , o disparate ortográfico é un claro indicio do futuro que lle espera ao noso idioma a non ser que se produza o antes posible un cambio político que teña a valentía de virar 180 graos a desastrosa política lingüística do PP. E ese futuro é terrible: quedar reducido a unha lingua ornamental. Nada máis que dúas conclusións para rematar:

-Que o Celta encargara a redacción do texto da placa a alguén que non fale galego era previsible, pero que non lla dera, antes de pendurala, a algún filólogo para que a revisara é lamentable.

-Que o máximo responsable da política lingüística deste país celebre a colocación dunha placa chea de erros é terrible.