Pode perder a Xunta o PP?

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Malia que a confusión entre os planos da realidade e o desexo é unha tendencia que todos os seres humanos , en maior ou menor medida, temos, e non resulta fácil abstraerse da devandita mestura, que de maneira tan fermosa poetizara Luis Cernuda, vou tratar de responder á pregunta que dá título ao derradeiro editorial de A Nova Peneira 2023 de maneira obxectiva.

A táboa de resultados dos dous últimos procesos electorais celebrados no país galego indica que a situación política do país está moito máis axustada do que parecen indicar os 42 escanos , sobre 75, dos que dispón agora mesmo o PP. Nas últimas autonómicas o PP recibiu o 47,96% dos votos o que lles supuxo acadar o 56% dos escanos do parlamento galego. A lei electoral española premia sempre á forza máis votada dándolle unha sobre representación que non se corresponde coa realidade sociolóxica . Así por exemplo o PP ten un número de deputados e deputadas na cámara galega que é un 8% superior á porcentaxe de voto recibido.

A cantidade de votos que nas últimas autonómicas reciben o bloque da dereita e o da esquerda deixa a situación en empate técnico, pois a diferencia entre o que ten o PP+Vox só son escasamente 39.000 papeletas máis que as que recibiu o BNG o PSOE e o espazo do que supoño se chamará Sumar, antes era Podemos, tamén As Mareas, Galicia en Común , AGE e que imaxino que se volverán presentar cunha mensaxe semellante á de todas as veces anteriores que acabaron rotos “A unidade da esquerda”.

O PP presenta novo candidato, Alfonso Rueda, un tipo gris cunha imaxe de señorito urbano bastante lonxe do perfil medio da maioría dos seus votantes. De feito as súas visitas á TVG en programas de máxima audiencia non parecen obedecer tanto ás razóns esgrimidas, “ vai pintar a mona”, como á necesidade de construírlle un perfil adecuado para penetrar mellor no votante maioritario do PP. Feijoo é un tipo mediocre , un home cun nivel cultural moi básico,unha elocuencia limitadísima, e máis que probablemente sexa un ser amoral. Non o sei porque non o coñezo persoalmente, pero ser, no seu momento, amigo dun narcotraficante e o tipo de oposición miserable e falaz que fixo no pasado ao bipartito, e que está a facer agora en Madrid, son poderosos indicios para poder presumir a súa falta de escrúpulos. Pero para gañar eleccións son outros parámetros os que contan. Gañounas Jesus Gil , gañounas Pepe Castro en Ponteareas, gañounas Barros en Porriño, gañounas Andrés Iglesias en Pazos de Borbén…..e ningún deles era precisamente un pozo de sabedoría, unha clara fonte de elocuencia dialéctica ou seres humanos de irreprochable arquitectura moral.

O PP gaña eleccións en Galicia porque tece unha rede de estruturas clientelares contra a que é moi difícil combater, porque bipolariza á sociedade en amigos e inimigos, dálle todo aos amigos e só lles dá desprezo aos que identifica como inimigos. Entón, na psique colectiva dun país como o noso, que sofre o nepotismo desde a noite dos tempos, agroma a necesidade implícita de votar aos que mandan pois o medo a pasar do grupo dos amigos ao dos inimigos é unha pulsión humana básica, semellante ao instinto de supervivencia, que é máis poderosa que a luz da razón. Por outra parte o PP gaña eleccións en Galicia porque recibe un tratamento moi amable dos medios de comunicación de maior difusión, imaxino que será motivado pola convicción política dos responsables de darlle ese tratamento ou pola pura e dura casualidade, vaia vostede a saber.

E agora Feijoo xa non está. Veremos o resultado que logre acadar a candidatura cuxo presidente vai á TVG a “pintar a mona” e cuxo portavoz parlamentar menciona a Dickens nos seus discursos( asombroso, absolutamente asombroso)

Resultados Galicia, eleccións autonómicas xullo 2020

A conclusión do empate técnico entre ambos bloques, que reflicte a táboa de resultados, das últimas autonómicas confírmase se botamos unha ollada aos resultados do último proceso electoral vivido en Galicia: As eleccións estatais do 23 de Xullo. Neste caso a tendencia muda e é o bloque de esquerdas o que supera por pouco os resultados do bloque conservador,así pois son 30.000 votos máis os que acadan o PSOE o BNG e SUMAR que a suma dos resultado do PP+VOX. Neste proceso electoral a abstención é moi inferior á que houbo nas autonómicas , hai 14 puntos de diferencia motivados en gran medida porque as últimas autonómicas celebráronse en plena pandemia, pero hai unha variación de 70.000 votos a favor da esquerda( -40.000 no 2020 + 30.000 no 2023) que parece indicar que é a esquerda a que ten unha maior cancha de crecemento potencial nos segmentos tradicionalmente abstencionistas.

Resultados Galicia,eleccións Xerais xullo 2023

En definitiva a resposta é si, claro que si que pode o PP perder a Xunta pois a realidade sociolóxica do noso país é de empate técnico entre os que pensamos que é imprescindible un cambio político de contado e os que pensan o contrario. Se se consegue trasladar á sociedade a pulsión de cambio e mobilizar voto abstencionista, é moi probable que o haxa .

No último debate sobre o estado da nación, o portavoz do PP laiouse de que , ao seu xuízo, a oposición ofrecía unha visión de Galicia propia de Charles Dickens. Porén a visión que el ofreceu parecía máis propia daquel poeta de dereitas, moi de dereitas, chamado José García Nieto, cando no seu famoso duelo poético con Victoriano Crémer dicía :

“ Aunque a lo hecho pecho, Créeme Crémer el mundo está bien hecho”

( Desculpas se hai algún erro na cita. É de memoria. Eu non teño asesores que me busquen as citas en google)

E non, non está ben feito. Galicia ten moitas potencias sen aproveitar porque está gobernada por un partido que lle dá prioridade ao interese xeral do seu partido no canto de ao interese xeral do pobo galego.

O cambio é posible

O cambio é necesario (Isto xa non é obxectivo)

A Nova Peneira polo cambio (isto xa non é obxectivo)