Cristina Soutelo, María León e Pedro Vázquez recibiron onte o Premio Deportista Tudense

Cristina Soutelo, María León e Pedro Vázquez recibiron onte o Premio Deportista Tudense

A gala recoñeceu os éxitos do deporte tudense pondo en valor o patrimonio natural do municipio

Tui. Sábado, 2 de decembro de 2023.

A padeeira Cristina Soutelo, a futbolista María León, e o padeeiro Pedro Vázquez Llenín recibiron onte á noite o Premio Deportista Tudense na categoría absoluta na Gala do Deporte celebrada no Teatro Municipal de Tui. Un evento no que se recoñeceu os éxitos do deporte tudense e se puxo en valor o patrimonio natural do municipio, que constitúe un magnífico escenario para a práctica deportiva tanto a nivel afeccionado coma profesional.

Pedro Vázquez Llenín, do Club Kaiak Tudense, proclamouse este ano Campión do Mundo en K2 1000 m e campión de España en K4 1000 m e 500 m. Mentres Cristina Soutelo González foi a primeira deportista do Kaiak Tudense en participar nunha proba internacional na modalidade de C1. Esta temporada foi oitava do mundo en en C1 1000 metros, e décima nos 5000 metros. Proclamouse campioa de España en c1 1000m. María León Álvarez foi recoñecida pola súa traxectoria no fútbol sala xogando na elite a nivel nacional. Este ano é xogadora do Viaxes Amarelle FSF na Primeira División Nacional Feminina, e até a pasada temporada militaba no Marín F.S.

O Motoclub Randufe foi distinguido co premio Club Deportivo polo seu empeño decidido en levar adiante este club deportivo, superando dificultades, e facendo realidade o Circuíto OffRoad de Rebordáns.

Na categoría de adestrador o Premio Deporte Tudense foi para David Solleiro Durán, actualmente preparador físico no Olympique de Marselle e para Manuel López Ramírez, que enviou unha mensaxe dende Israel onde traballa co primeiro equipo do Hapoel Beersheva B.C.

A Real Federación Galega de Motonáutica e o Club Náutico Inclusivo do Baixo Miño recibiron o Premio Deporte Adaptado por “converter a Tui nunha sede fixa das probas do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, e facer do río e do deporte un espazo de inclusión e de encontro”.

O premio Deporte Tudense na categoría veterana recaeu na xogadora de balonmán Susana Méndez que continúa en activo, no padeeiro Enrique Míguez, do Kaiak Tudense, que sumou novos éxitos á súa longa carreira deportiva polo terceiro posto no Campionato do Mundo de Maratón en C1 e o título Campión do Mundo veterano en c2, e para Rafael Pérez Rego, do Atletismo Tui, por completar 100 medias maratóns.

Tui conta tamén con novos valores do deportes que recibiron o Premio Deporte Tudense Promesa. Foron a futbolista Lía Lorenzo, do Ribadelouro; a padeeira tudense do Club Cidade de Lugo, Nuria Romero; o ciclista tudense do Club Avanza André Martínez; e o remeiro Javier Freiría do Club Remo do Miño. O Club Tenis Tui foi recoñecido polo seu traballo co premio Promoción do Deporte Base. O Premio Deporte Tudense Firma Comercial foi entregado a empresa Verdeazul polo seu compromiso e apoio as actividades organizadas por clubs, asociacións e sobre todo colexios de Tui. Onte recibiu tamén a Mención Especial Antonio Martín Hernández “Toñín”, que foi xogador de fútbol sala, e que con A Quinta de Tui creou na cidade un campus que leva o seu nome.

Recoñeceuse o labor de Elías Vieiro por 35 anos formando parte do Tyde coma xogador, adestrador, directivo e presidente, e de José Antonio Refojos “Coto” que durante case tres décadas se encargou dos pavillóns deportivos municipais. Houbo amais unha lembranza para Damián Estéves Rodríguez e Fernando Álvarez González falecidos este ano.

Este evento deportivo comezou recoñecendo as 29 persoas que participaron esta temporada en competicións internacionais en piragüismo, remo, ciclismo, judo, motor, e a loita, levando o nome de Tui por todo o mundo e demostrando o espectacular nivel dos e das deportistas tudenses.

Na súa intervención o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “o caso de Tui é único no territorio español”, grazas á implicación social e a axuda das institucións de carácter público e privado. Nunha gala especial que celebrou onte o seu decimo aniversario Enrique Cabaleiro quixo amosar o seu agradecemento “ás persoas que fixeron posible que o deporte tudense alcance o nivel que agora ten”, así coma ás institucións, e aos concelleiros que durante os últimos mandatos estiveron ao fronte desta área. O alcalde de Tui aludiu tamén a que o deporte “xoga un papel decisivo”, sendo “un dos elementos básicos de inclusividade e a igualdade”. Rematou indicando que “polo que significa o deporte en todos os ámbitos da nosa vida hoxe creo que tamén é momento de asumir todos o compromiso de seguir apoiando o deporte tudense para que siga sendo un motivo de orgullo de todos nós”.

Pola súa parte o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, indicou que “hoxe, non só celebramos o deporte, senón que tamén reflexionamos sobre a importancia da actividade física en contornas naturais”. Nese senso sinalou que “o Concello de Tui está a realizar un gran esforzo por aumentar cada día os lugares por onde pasear, correr montar en bicicleta e xerar saúde, son moitos os quilómetros realizados, pero aínda haberá máis”. Concluíu afirmando que “todos, independentemente do noso xénero, merecemos as mesmas oportunidades e recoñecementos. Celebremos xuntos a diversidade e traballemos para construír un mundo deportivo máis inclusivo”.

A gala foi presentada por Jose Font acompañado por José Manuel Quintana, Beatriz González, Rosendo Bugarín, e Ana Rodríguez que forman parte do xurado xunto a Enrique Míguez, e contouse coa actuación do grupo Míster Cool Organ Trío.