A OMIX de Tomiño prepara un outono con novidosos cursos e actividades

A OMIX de Tomiño prepara un outono con novidosos cursos e actividades

Xa está aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros de caracterización, podcast e podcasting e conservación de alimentos

Tomiño, 12 de outubro de 2022.

Aproveitar o outono nunca foi tan doado nin divertido. A OMIX de Tomiño ten preparada para esta nova tempada un amplo programa de cursos novidosos e innovadores que buscan achegar a mozos e mozas a actividades actuais que espertan grande interese entre eles e elas.

“Temos unha mocidade moi dinámica con ganas de facer cousas e seguir aprendendo, polo que dende o Concello debemos adaptar os nosos programas, actualizalos constantemente e modernizalos para brindarlle novas oportunidades en campos que agora están en boga”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O primeiro curso da tempada de outono comezará o vindeiro 22 de outubro e estará centrado na caracterización. Con Samaín á volta da esquina e tamén pensando no Entroido, a OMIX de Tomiño organiza un obradoiro práctico no que as persoas participantes aprenderán diferentes técnicas de caracterización para crear personaxes de cine ou teatro empregando maquillaxe artística e efectos especiais para facer realidade todo o que poidan imaxinar. O curso, aberto rapazas e rapaces a partir de 12 anos, impartirase os sábados 22 e 29 de outubro de 12.00 a 13.30 horas en Goián e terá un custo de 10 euros.

As novas tecnoloxías e formas de comunicación tamén teñen oco na programación de outono da OMIX. O sábado 29 de outubro celebrarase un obradoiro sobre podcast e podcasting, un curso no que as e os participantes recibirán formación sobre este novo formato como vía de información, divertimento ou aprendizaxe que aumentou de forma considerable o seu consumo nos últimos tempos. O obradoiro será impartido por David Gesteira, creador do podcast ‘Descifrando a historia’, que ten máis dun ano de traxectoria e foi un dos gañadores dos V Premios Xuventude da Deputación de Pontevedra en 2021. Dirixido preferentemente a mocidade ata os 35 anos, o curso desenvolverase de 09.00 a 13.00 horas en Goián.

No mes de novembro o gran protagonista será o obradoiro de conservación de alimentos, dúas xornadas nas que o alumnado aprenderá a elaborar conservas de alimentos seguras e se concienciará sobre a necesidade de aplicar boas prácticas na súa manufactura. Este curso vai dirixido ás persoas con inquedanzas particulares e a aquelas e aqueles profesionais relacionados coas conservas artesanais. Será os sábados 5 e 12 de novembro de 10.00 a 14.00 horas no Mercado de Tomiño. O curso terá un prezo de 10 euros por persoa.

As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello de Tomiño.

A cerca de admin 53 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.