Roberto Rodríguez voceiro de GañaMos

Roberto Rodríguez voceiro de GañaMos

Rematamos esta xeira de entrevistas con toda a oposición do concello de Mos falando con Roberto Rodríguez, voceiro de GañaMós asemblea veciñal. Roberto coincide coa visión dos outros dous grupos, o PSOE e o BNG, na necesidade que ten Mos dun cambio de goberno. Igualmente amósase ilusionado en que tal cambio poida acontecer nas próximas municipais e no que respecta ao futuro de GañaMós remítese a unha próxima asemblea na que terán que decidir cal vai ser o seu camiño.

Mos precisa un cambio de goberno con urxencia”

Cóntanos o máis significativo do traballo político que desenvolveu GañaMos neste mandato?

Tratamos de cumprir o mandato da veciñanza, que cos seus votos nos situou na oposición. E como tal forza de oposición a nosa misión é fiscalizar o traballo do goberno e realizar propostas realistas que poidan incidir positivamente na vida do noso concello.

Concrétame un pouco máis o voso traballo fiscalizador do goberno ?

Pois voume referir a dous dos contratos máis significativos deste mandato: o do SAF e o do Lixo. No que se refire ao do SAF ten unha relevancia superlativa pois é un contrato dun enorme volume económico, de arredor de 1.200.000€ ,e por outra banda este é un servizo fundamental en calquera concello pois é o que atende ás necesidades das persoas vulnerables. Xa que logo a súa arquitectura económica ten que ser extraordinariamente rigorosa, e non o é, e o seu deseño estrutural ten que ser impecable, para que os usuarios e usuarias reciban un servizo sobresaínte, e tampouco o é. A nosa labor de oposición procurou incidir neses dous eixos asemade de pelexar porque as traballadoras do SAF tiveran mellores condicións

E o goberno fíxovos caso?

Ningún.

No que respecta ao contrato do Lixo?

O pasado 7 de outubro aprobaron os pregos para facer unha nova licitación despois de levar dous anos co contrato caducado. Chama a atención que o prezo que se está a licitar sexa case o dobre do anterior pois de de 600.000€ imos pasar a máis de un millón cen mil. No caso do lixo pensamos que co persoal que hai non vai ser posible prestar todos os servizos que se necesitasen. Ao igual que no caso do SAF pedimos ao goberno unha mesa de fiscalización deste importante contrato.

E desta volta fixéronvos caso?

Ningún. Nós entendemos que este contrato se licita agora pola inminencia das eleccións municipais, pois se a alcaldesa puidera estar máis tempo prorrogando o anterior , así o faría.

Esa suba tan importante do prezo do contrato do lixo vai repercutir no recibo que pagan os veciños?

Ela di que non

Entón como se vai sufragar?

Preguntámosllo e non o di. O único que comenta é que xa o veremos nos presupostos do ano próximo.

Ben, explicado o voso traballo de oposición, agora tócache facer unha valoración global da acción política do goberno no mandato?

Por desgraza o de sempre:

-Carencia de proxecto de concello

-Dilapidar os cartos públicos

– Tratar de maneira diametralmente oposta á veciñanza: alfombra vermella para os que a alcaldesa identifica como próximos ás súas posicións e desprezo absoluto para as veciñas e veciños que ela identifica como simpatizantes de posicións contrarias

-Cinguirse á publicidade e a propaganda e non atender as necesidades reais do noso Concello como por exemplo a urxencia que temos dun centro de día.

Sobre o anuncio da vivenda pública en San Eleuterio que opinión tes?

Nidia Arévalo non ten proxecto de Concello. Mos ten un potencia inmenso tanto residencial como industrial. E cando desde a Xunta ofrécenlle a posibilidade de facer vivenda en Mos, eles aínda se poñen a estudar 3 zonas distintas, porque, insisto,carecen de proxecto de Concello.

Para nós a posibilidade de comprar vivenda en altura, no noso concello, chega moi tarde. Xeracións de mosenses que están entre os 40 e os 50 tiveron que marchar a vivir a outros concellos porque no noso non tiñan posibilidades. Nós o que defendemos é a vivenda pública protexida en alugueiro.

Semella que o camiño para declarar o proxecto do Celta como de interese autonómico vai levar a un intento de expropiación. Cal é a opinión de GañaMós?

Xa desde o principio GañaMós amosou unha opinión radicalmente contraria a este proxecto, tanto polo proxecto en si como pola forma autoritaria ,escura e despótica pola que foi formulado polo goberno municipal. Nós seguimos , sen ningún tipo de ambigüidade nin matiz, na mesma posición contraria que mantivemos desde o principio.

A alcaldesa de Mos trata de maneira diferente ás persoas que claramente están connotadas con ela que ás que están connotadas con posicións contrarias?

Si. Hai moita diferencia no trato aos veciños segundo ela os perciba como próximos ás súas posicións ou non. Para os que ela considera amigos hai unha ponte de prata e para os que a alcaldesa considera inimigos só hai desprezo.

Cal é a situación económica real do Concello?

A súa xestión económica non é correcta. E non o digo eu, dio intervención que continuamente manifesta que o Concello non pode proceder da maneira que o fai. Eles abusan dos contratos menores sen ter partidas orzamentadas asignadas para eses servizos. Hai moitos informes desfavorables á hora de pagar facturas, e eles recorren con moita frecuencia ao recoñecemento extraxudicial de crédito.

En pouco máis de medio ano imos ter eleccións municipais. Mos necesita un cambio de goberno?

Si, sen dúbida si. Este goberno carece de proxecto de concello só é propaganda e Mos precisa un cambio con suma urxencia.

E ves posible que o PP perda a maioría absoluta?

Xa o vía no 2015 e faltou moi pouco, e tamén o vin no 2019 e de novo faltaron moi poucos votos. Estivo a piques nos dous últimos procesos electorais e no 23 estou convencido de que si vai acontecer. Mos non pode estar máis tempo con este desgoberno que padece. En moitas ocasións Mos funciona pola vontade do seu tecido asociativo que son quen, co seu grande traballo, poñen en marcha as actividades culturais ou deportivas porque se polo goberno municipal fora non sería nada, pero nada de nada.

Nesas elección do 2023 onde vai estar GañaMós?

Teremos que ter unha asemblea e alí decidirmos o que faremos.