Gustavo Barcia, Portavoz Municipal de BNG de Mos

Gustavo Barcia BNG Mos

O ano comeza en Mos igual que acabou o anterior: cun desastre económico na xestión das finanzas municipais e coa alcaldesa de Mos tratando a oposición política, representantes de boa parte da veciñanza, como inimigos no canto de como adversarios. “ Lecciones las justas” dicía Nidia Arévalo no pleno de decembro. Cando o intelixente é xusto o contrario: leccións sen límite, pois as leccións son o alimento da alma das persoas intelixentes e humildes. Falamos co portavoz dos nacionalistas de Mos para coñecer a súa visión sobre o estado das cousas no seu pobo.

O desastre na xestión económica e as malas formas da alcaldesa de Mos non melloraron, van a peor”

Imos falar de Sanguiñeda. Ti es das persoas que queren que veñan O Corte Inglés, Alcampo, Primark, Mercadona, Ikea…?

O BNG presentou unha moción no concello para regular e racionalizar a instalación de superficies comerciais en Sanguiñeda. Nós fixémolo en Mos e o BNG de Porriño tamén fixo o mesmo no seu concello, porque esta zona é a entrada principal ao Porriño.

A alcaldesa de Mos dixo que estaba encantada que viñesen todas as grandes superficies a Mos, quere facer de Sanguiñeda un gran centro comercial. Con todo, o PP no Porriño apoiou a moción do BNG.

Neste núcleo de poboación de Sanguiñeda xa hai seis grandes superficies e queren abrir tres máis: Macdonals, Sprinter e Ferreking. Solicitamos que se modificará o Plan Xeral para que se declarase esta zona ao cento por cento ocupada, dixéronnos que non. Pedímoslles que falasen con Fomento para que establecesen mellores comunicacións e a actitude da alcaldesa foi de hostilidade e de prepotencia.

Hai máis grandes superficies en Sanguiñeda das que se necesitan?

Estas son áreas comerciais que non abren para dar servizo a Mos e a Porriño, senón para atraer clientela de toda a provincia. Esta zona está a 10 minutos de Vigo e a 10 Minutos de Tui- Portugal. Agora hai atascos na propia autovía e na N-550.Non é asumible toda esta cantidade de tráfico para esta contorna .

Nós o que lle pedimos é que fagan un estudo conxunto con Porriño do tráfico de toda a área, isto é fundamental. Aldi fixo un estudo de tráfico das dúas rotondas. Isto non é suficiente. Non están neste estudo as entradas e saídas de Porriño, a N-550, a Avenida Sanguiñeda nin a autovía. Isto é esencial para poder facer un plan de tráfico e tomar as medidas oportunas.

O BNG está a facer unha campaña de concienciación sobre leste tema, verdade?

Si. Incluso veu a senadora do BNG para coñecer in situ o problema e trasladarlle ao ministerio de transportes o que aquí acontece.

Como está o tema do proxecto do Celta en Tameiga?

Aprobouse por parte da Xunta de Galicia a figura de “Declaración de interese autonómico” e de momento está a cousa como en espera. Agora vólvese a iniciar o proceso dos informes sectoriais de todos os afectados. Informes da Xunta de Galicia, de Axencia Aérea e de Augas. Xa non fai falta o informe de fomento porque van desviar o tráfico polo CUVI, así só afecta a estradas provinciais e autonómicas e poden prescindir de Fomento. Isto prolongarase varios meses creo eu.

Hai varias denuncias en trámite e xa se resolveu definitivamente que as licenzas son ilegais.

Que licenzas?

As que deu o Concello de Mos. O Tribunal Superior de Galicia declarounas ilegais, que non podían ser directas a través do concello, senón que teñen que ser dadas a través dun plan xeral. Agora quéreno legalizar a través do intersectorial autonómico, pero tamén está denunciado polos veciños.

Faime unha avaliación global de como empezou este novo mandato o PP de Mos.

A cousa non mellorou, aínda que teñen un concelleiro máis. Hai un descontrol tremendo nas contas cun remanente negativo de 1.100.000€. Este tense que asumir nos orzamentos deste ano. Agora están a subir impostos e taxas para minimizalo.

Que taxas subiron?

Subiron o IBI , a plusvalía, o IAE e van aumentar as taxas da piscina municipal.

Curiosamente o PP noutros concellos, como no de Salceda, que non goberna, votou en contra da subida do IBI. Nós votamos en contra porque é unha subida excesiva dun 30%, xa llo advertimos cando o baixaron que non tiñan un estudo feito por si era viable. Agora demóstrase que non. Isto é consecuencia da mala xestión económica e da subida salarial que se acaban de adxudicar coas dedicacións exclusivas.

Explícame ben isto, canto se aumentaron as dedicacións?

15.000€ para a media dedicación de Laura, a nova concelleira, 7.000€ de aumento para a portavocía do PP ,crearon un novo posto de persoal de confianza por 38.000€, máis unha dedicación parcial para o concelleiro de urbanismo de 23.850€. Os gastos en salarios do goberno de Mos no 2019 eran de 179.247 € ,e no ano 2023 son de 243.748

Pero a alcaldesa renunciou ao seu salario, non?

Porque só pode cobrar dun organismo público. Ou cobra o salario de alcaldesa ou o de senadora, ambos soldos non son compatibles .Cobra máis como senadora e curiosamente escolleu renunciar ao soldo do concello e cobrar do Senado.

Falemos das formas da alcaldesa?

A alcaldesa non tolera que se lle leve a contraria e as súas malas formas van cada vez a máis. Cando nós facemos algunha achega no pleno, dinnos que imos enredar. A desastrosa xestión económica e as súas malas formas non melloran, empeoran.

Como son as relacións co outro grupo de oposición, o PSOE?

Temos relacións fluídas e de boa comunicación. Aínda que non estamos de acordo nalgúns puntos se hai algunha iniciativa sempre o falamos e tratamos de buscar puntos de consenso.

Non se prevén as tensións de mandatos anteriores que derivaron en varios episodios de transfuguismo, non?

Na historia do BNG de Mos nunca houbo un tránsfuga. Este mandato parece que a outra forza de oposición do noso concello fixo mellor as cousas á hora de elaborar as súas listas e nada indica que aqueles lamentables episodios se volvan repetir.

Nas eleccións de maio o PP sobe de 9 a 10 actas por moi poucos votos. Algúns menos dos 126 que apañou Podemos Mos. Sabes que tipo de traballo político fai Podemos Mos?

Non me consta que Podemos Mos exista. E desde logo non me consta que fagan ningún tipo de traballo político.

O votante progresistas de Mos pode ter a esperanza de que isto acabe algún día?

Teñen que ter claro que non só basta con queixarse, que hai que actuar e maneira de actuar que teñen é ir votar, reunirse e participar nos movementos veciñais pero, que teñan a seguridade de que esta situación vai mudar máis cedo que tarde. O caciquismo herdado do PP da época de Franco ten que cambiar e vai acabar.

Como está a saúde interna do BNG de Mos?

Máis forte ca nunca, quedamos a 80 votos de obter o cuarto concelleiro e temos claro que temos un inmenso potencial de crecemento.

Como ves as próximas eleccións autonómicas de febreiro?

Vexo que por primeira vez na historia o nacionalismo galego pode chegar a gobernar o noso país. Non vai ser fácil, pero pode ser posible se todo o voto do cambio se concentra arredor do BNG. Nós estamos moi ilusionados e por traballo e esforzo non vai quedar.