O BNG de Mos sen Límites

BNG Mos

En todo o país galego o BNG semella que vive unha situación de continúo crecemento. Os distintos estudos demoscópicos sitúan á forza liderada por Ana Pontón nunha situación idónea para ser alternativa real ao PP a corto prazo. Asemade, o que resulta máis interesante para o nacionalismo galego é que é a opción preferida pola xente máis nova. Mos non é unha excepción e os nacionalistas mosenses non paran de engrosar as súas ringleiras, incluso con xente moi nova e maniféstanse ilusionados en que o seu intenso traballo a pé e rúa poida facerlles merecer un aumento significativo da confianza de boa parte da sociedade mosense. Nós mergullámonos nas súas profundidades coa intención de coñecelos mellor e conversamos con Gustavo , o seu voceiro, e con Alba, unha militante de Galiza Nova( as mocidades do BNG) de Mos

Gustavo Barcia voceiro do BNG de Mos

A saúde do BNG de Mos é excelente”

No ecuador do mandato como valoras a xestión do goberno municipal nestes dous anos?

A xestión do PP de Mos e de Nidia Arévalo só se pode cualificar de desgoberno e de desidia absoluta

En Mos goberna o PP ou goberna Nidia Arévalo?

En Mos goberna Nidia Arévalo acompañada por 8 concelleir@s sen ningún tipo de voz nin opinión. De feito nos plenos é practicamente imposible que interveña alguén do PP diferente á alcaldesa ou ao seu portavoz.

Agora toca valorar o voso traballo de oposición?

Esta é a miña primeira experiencia institucional e antes que nada quixera agradecer a Miguel Aldea, anterior concelleiro do BNG, o seu traballo, pois a min axudoume moito. En relación á pregunta creo que estamos a facer unha oposición rigorosa, contundente e responsable. Por exemplo fomos o único grupo que presentou emendas aos orzamentos

Ah si?

Si. Emendas na dirección de mellorar o que entendiamos mellorable. E presentamos todo tipo de mocións, sempre resultado dos contactos previos cos colectivos veciñais aos que lles puidera afectar.

O BNG sempre criticou a xestión económica deste goberno con moita contundencia. Como está a situación económica do concello no momento presente?

A débeda reduciuse , pero non como resultado da boa xestión económica , nin moito menos. A redución débese as medidas de obrigado cumprimento que impuxo no seu momento o ministerio de facenda. Malia esa circunstancia é máis que evidente que se seguen gastando unha cantidade inmensa de cartos en actos de pura propaganda que non teñen ningunha repercusión positiva no Concello

Por exemplo?

A volta ciclista a España

Ti cres que a volta ciclista ten repercusión 0 para o concello?

Non o creo eu .É unha evidencia empírica. Que beneficio supuxo para o Concello a etapa do ano pasado?, ningún absolutamente ningún. Só serviu para que alcaldesa se dera un paseo en coche

Pero a alcaldesa dixo que foi a custe 0?

Xa, pero mentiu unha vez máis. Gastaron 4.000€ en cuestións varias. E recibiron 20.000€ da Xunta, para sufragar os gastos, e iso non deixan de ser cartos públicos, e outros 20.000 en doazóns de empresarios, que ben, a min sempre me pareceu moi raro que alguén dea algo a cambio de nada. Por outra parte o ano pasado foi unha saída de etapa, e este ano vai ser unha chegada co que nos tememos que custe moito máis

E porque non o preguntades nun pleno?

Xa o fixemos, pero negáronse a contestar, pero esa a transparencia habitual desa alcaldesa

Explícanos as motivacións da vosa moción sobre o instituto?

O instituto ten deficiencias notables: -chovíalle por dentro, de feito chegaron a inutilizar un par de aulas polas humidades-Ten sobre poboación- O espazo é escaso-Non hai patio cuberto. E o alumnado que quere facer FP non pode porque aquí non hai, co problema engadido de que a inexistencia de transporte público obriga a ter un vehículo para desprazarse a outra localidade a estudar

A sobre poboación que mencionas puido ter algo que ver no recente gromo de COVID que obrigou ao peche perimetral de Mos?

Eu creo que se puxo un exceso o foco no instituto. De feito nós tiramos un comunicado expresando o noso apoio a toda a comunidade educativa. No instituto houbo 33 casos e no concello chegou a haber máis de 100

Xa , pero a situación concreta do gromo do instituto non puido ter relación con que é un espazo súper poboado?

Indiscutiblemente.

En relación á decisión xudicial sobre a cidade deportiva do celta que nos dis?

A decisión anula a licenza dos vestiarios e manda revisar a dos campos e o que denota é a conivencia entre unha administración, o concello de Mos, e un empresario privado, o presidente do celta.

Haberá que ver o resultado do recurso do Concello ao TSXG .A nosa opinión é que vai ratificar a sentenza. Por outra parte outra conclusión obvia da decisión xudicial é que en realidade é todo este proxecto o que vai en contra dos intereses de Mos

Que pasa na esquerda de Mos ?

Con toda a humildade do mundo pero tamén con toda contundencia dígoche que a saúde interna do BNG de Mos é excelente

Xa pero unha corporación con dúas persoas non adscritas procedentes de dous grupos diferentes é unha situación absolutamente anómala?

Eu non me vou meter na vida interna de outras organizacións. Este tipo de episodios non se dan cando o corpo militante nútrese de persoas comprometidas co corpus ideolóxico da formación política. É un parámetro de actuación que no BNG a nivel nacional sempre tivemos moi claro. Tanto é así que incluso nos momentos de desastre electoral, que sufrimos no pasado, a nosa organización sempre foi enormemente sólida

Na foto que vos acabo de tirar o que máis me sorprende é ver xente tan nova implicada politicamente?

Como che dixen antes o BNG de Mos, en consonancia co BNG de todo o país, goza de moi boa saúde. E si, mozos e mozas de Mos achéganse a nós, o que é un tremendo orgullo para min.

Rematamos Gustavo, cales son os obxectivos realistas do BNG de Mos para o 2.023?

O prioritario é que o PP perda a maioría absoluta e poder desaloxar democraticamente a este desastre de goberno que padece Mos. E logo aspiramos, e dígoo cos pes no chan, a ser a primeira forza política da esquerda de Mos.

Alba Rodríguez militante de Galiza Nova

A implicación da mocidade en política é a única forma de solucionar os graves problemas que afectan á nosa xeración”

Cando iniciaches a túa militancia política?

Hai algo máis de dous anos

Por que?

Considero que a implicación social e política é a única maneira de resolver os problemas colectivos e a mellor forma de contribuír ao ben común. Se todos e todas nos queixamos pero ninguén fai nada para arranxar os problemas, non hai maneira de solucionalos

A impresión que teño, encantaríame equivocarme, é que a mocidade, a túa xeración , non é moi proclive a implicarse na política. Ti que pensas?

O que percibo eu no meu contexto de amigos e amigas é que si é así. Normalmente é un tema que ata resulta difícil poder debater. Eu creo que a miña xeración está moi mediatizada polo contexto que trata de equiparar a práctica política con conceptos negativos e incluso como unha fonte de xeración de problemas. Eu quero animar a toda a xente moza que lea esta entrevista a que dea o paso de implicarse, pois ao fin e ao cabo contribuír ao ben común fainos mellor como sociedade

Ti tiveches algún tipo de problema pola túa militancia política?

Si, no eido da miña vida persoal si tiven algún.

Cales son os problemas máis graves que ten a mocidade galega en xeral e a de Mos en particular?

O problema máis grave que ten a mocidade é a extrema dificultade para construírmos un proxecto persoal de vida pois: o acceso ao mercado laboral é dificilísimo e o acceso á vivenda é pouco menos que imposible. As mozas e mozos de Mos temos o problema engadido de que no noso pobo non se pode facer vida.

E como valoras as políticas de atención á mocidade que desenvolve a administración municipal?

Son inexistentes ao marxe da propaganda que é o único que fan

Rematamos Alba coa pregunta máis intimista. Confesa: que ambiente encontraches no interior do BNG de Mos?( non valen clixés)

Ha ha ha ha ha. Non é un clixé en serio ; o BNG de Mos é como unha familia

Ben, hai familias que se levan a matar

Ha ha ha. Xa, pero non é o caso. O BNG de Mos é como unha familia na que é un pracer estar, pois o trato interno é exquisito e o compromiso colectivo no ben común é o que vin desde o primeiro momento que cheguei