Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas e candidata do PSDG-PSOE

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas e candidata do PSDG-PSOE

Verónica Tourón: “Aspiramos a ser a forza política máis votada”

A socialista Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas durante os últimos dous anos de mandato, preséntase novamente como candidata á Alcaldía con perspectivas de mellorar os resultados de 2019 e incluso converterse na lista máis votada do concello nas eleccións municipais do 28 de maio. Hai catro anos, a pesar de manterse como terceira forza política, a súa candidatura xa subira notablemente en votos e sumara un concelleiro na Corporación Municipal a costa de Movemento Salceda, o seu socio de goberno durante este mandato a través dun acordo que incluía o reparto da Alcaldía entre Loli Castiñeira (2019-2021) e Verónica Tourón (2021-2023). Falamos con ela sobre as liñas de traballo que se desenvolveron no concello durante os últimos catro anos e os proxectos de futuro.

Que balance fas destes anos de goberno e, particularmente, dos últimos dous contigo na Alcaldía?

O balance dos catro anos, en xeral, é moi positivo. A pesar de ter sufrido unha pandemia, fomos quen de facer moitas cousas, de seguir unha liña de traballo que vai dirixida ao benestar da veciñanza. Estou moi contenta dos resultados obtidos nestes dous últimos anos. Fixemos obras, pero tamén puxemos en marcha novos servizos para as persoas.

En que proxectos se materializou a liña de traballo que comentas?

A nosa liña de traballo consistiu en mellorar o benestar da veciñanza, mellorar os servizos que prestamos e ir aumentando estes servizos. Comezamos coa rehabilitación de espazos municipais que estaban degradados ou non tiñan un completo rendemento debido á súa situación. Realizamos obras como a reforma e rehabilitación integral da piscina municipal, cunha primeira fase de actuación no vaso da piscina e na praia, e cunha segunda fase de mellora dos vestiarios que está actualmente en proceso. O ano pasado tivemos cheo absoluto na piscina e este ano, coas instalacións en total funcionamento, agardo que o éxito sexa aínda maior. Tamén rehabilitamos o centro cívico da Devesa, que presentamos recentemente, e outros edificios públicos como a escola unitaria de Budiño ou a casa do mestre de Fontán, que será a primeira vivenda de alugueiro social coa que conte Salceda. O que sempre digo, con todo, é que o máis importante é encher de contido estes espazos. A rehabilitación ten esa finalidade: poñer en valor as actividades de carácter social e comunitario.

Fálase moito na rúa do centro de saúde e da escola. Como está a situación destes servizos públicos actualmente?

As obras do novo centro de saúde rematáronse a principios de mandato. O centro funciona, pero é verdade que a sanidade pública vai máis alá de ter infraestruturas. O cemento non serve de nada se non hai persoal sanitario suficiente para prestar a atención primaria necesaria. Aquí en Salceda estamos cunha soa pediatra para un número de cartillas moi elevado, e esa segue sendo a nosa loita, máis alá de que o novo centro de saúde estea xa en funcionamento. Respecto do CEP Altamira, nós sempre reclamamos un segundo colexio de primaria. Chegou unha ampliación hai uns anos que foi escasa para o número de nenos e nenas que temos no concello. En 2018 instaláronse uns barracóns para servir provisionalmente como comedor escolar, e a día de hoxe seguen aí. No eido educativo reclamamos un comedor e un novo colexio de primaria. Por outra banda, está pendente a ampliación do IES Pedras Rubias. Eu mesma, como concelleira de Urbanismo, estou esperando a que a Xunta de Galicia complete a licitación e envíe o proxecto para tramitar a licenza correspondente. Esta é unha demanda da veciñanza que compartimos desde hai moitos anos. Buscamos a implantación de bacharelato e formación profesional. Conseguiuse que comezara o bacharelato o ano pasado. A partir de setembro comezará o segundo curso e fan falta as instalacións. Hai un compromiso, pero a Xunta vai con atraso. Con todo, aínda nos queda a loita pola formación profesional.

Estades reclamando unha determinada familia profesional no IES Pedras Rubias?

Eu xa tiven unha reunión coa directora xeral e lle transmitín a miña opinión. Penso que hai que considerar as necesidades que ten Salceda, e o que está cuberto e non nos concellos da comarca. Mirando o tecido industrial e empresarial, habería que pensar nalgún programa de FP dual, sen descoidar tampouco a FP básica. Nós estamos nesa loita, pero mentres non haxa unha ampliación de instalacións isto é unha utopía.

Estas actuacións no eido educativo dependen directamente da Xunta de Galicia. É posible que estes atrasos nos seus compromisos garden relación coas diferenzas políticas que existen entre concello e administración autónoma?

Eu entendo que pode ser, pero tamén penso que non debería ser. A veciñanza de Salceda debe ter as mesmas oportunidades que outros concellos en sintonía política coa Xunta. Salceda ten unhas necesidades no eido educativo moi grandes porque somos unha poboación en crecemento. É necesario investir en educación e instalacións para os nosos cativos. Alén diso, temos un problema fundamental co transporte que afecta aos mozos e mozas que deben saír do concello para estudar. O transporte non é competencia do concello, senón da Xunta. Esta é outra das nosas loitas.

O polígono industrial de Cerquido foi unhas zonas máis afectadas polas inundacións de aninovo. Como van os traballos de recuperación?

As empresas foron normalizando a súa actividade, pero aínda queda traballo por facer porque a meteoroloxía non acompañou. Estamos pendentes de que o tempo mellore para seguir resolvendo incidencias.

Desde o Concello informouse da aprobación de fondos europeos para o cambio a LED de todo alumeado público. É este o gran proxecto do seu mandato?

Trátase dunha subvención de millón e medio de euros para mellorar a iluminación nas parroquias. Obviamente é unha actuación importante porque supón un aforro enerxético considerable para o concello. Este é un dos proxectos que están pendentes de desenvolver, pero tamén temos solicitado un centro de día para Salceda que será moi importante para promover a conciliación familiar e a atención aos nosos maiores. Espero que este sexa outro dos proxectos a desenvolver no futuro. Alén disto, estamos traballando no proxecto dun novo pavillón xunto ao que xa temos, aproveitando o espazo dispoñible na área deportiva de Altamira e os fondos que canaliza a Deputación de Pontevedra a través do plan PON 2030. Co crecemento poboacional mudou un pouco cales son las prioridades da veciñanza, e as deportivas son unha das máis grandes que temos sobre a mesa.

Con todo, desde a oposición critican ao goberno municipal por non investir suficiente no saneamento. Que hai de certo nisto?

Fixéronse bastantes actuacións, se ben é verdade que o saneamento é complexo polo alto custo económico que ten. Tratamos de desenvolver máis, pero os fondos europeos que veñen e que están a disposición actualmente non financian obras de saneamento porque Europa considera que este tema está superado. É así en moitos países europeos, pero non aquí nin en xeral en Galicia. En Salceda, a comunidade autónoma devolveu no seu día os fondos europeos que viñan para o saneamento de Soutelo e Entenza, as dúas parroquias que temos sen sanear. Fan falta máis de dous millóns de euros. No seu día había un compromiso que a Xunta non cumpriu, devolvendo eses fondos europeos e quedando esa parte do saneamento sen facer. Estamos petando en todas as portas e realizando treitos importantes, como no barrio de Bouzavedra, onde se investiron uns 150.000 € para dar conexión a 27 casas. Xa están aprobadas, tamén, obras de saneamento no barrio de Ataude, en Picoña, e temos en proceso a redacción doutros proxectos neste eido para ir realizando pequenas actuacións con fondos propios ou a través do Plan Concellos da Deputación. Con todo, nestes anos investíronse máis de 400.000 € en saneamento.

Como concelleira de Urbanismo está promovendo o desenvolvemento do PXOM. Será este o principal obxectivo do próximo mandato, en caso de manterse na Alcaldía?

É un tema fundamental, mais en Urbanismo xa tivemos avances co desenvolvemento da reparcelación do polígono do PERI, xunto ao centro de saúde. O PXOM ten que ser o próximo paso. Xa presentamos a cartografía e planimetría do concello. Con isto estamos sentando as bases da ordenación urbanística. O seguinte paso será a participación veciñal, xa que un PXOM ten que partir do consenso.

Agora que fala de consenso na elaboración do PXOM, quixera preguntar se dentro do goberno municipal tamén predomina o consenso respecto das prioridades políticas?

Somos un equipo que traballamos desde o primeiro momento respectando un acordo de goberno. Como en todo equipo, pode haber discrepancias; pero sobre os temas importantes hai consenso e así debe ser.

De cara ás eleccións municipais do 28 de maio, estariades dispostos desde o grupo socialista a repetir esta fórmula de Alcaldía compartida?

Agora estamos nun momento de pre campaña. Cada agrupación debe facer a súa política, transmitirlle á veciñanza a súa proposta de goberno. Xa chegará o tempo de falar. Dependerá moito dos resultados. Neste momento, nós estamos centrados en gobernar e acadar os mellores resultados. Crecemos pasiño a pasiño. Non só estamos preparados para gobernar, como diciamos nas municipais de 2019, senón que xa gobernamos e a xente sabe que podemos facelo. Estou convencida de que podemos acadar moi bos resultados, subir en votos e incluso ser a forza política máis votada.

No caso de ser a forza política máis votada, consideran a posibilidade de gobernar en minoría para ter maior independencia e protagonismo na xestión municipal?

Tocará falalo noutro momento. Agora é tempo de gobernar para poder seguir gobernando o día despois das eleccións. A xente valorará que o traballo foi feito durante os catro anos e non só durante a campaña electoral.