“DESDE O 2.011 LEVAMOS DADO 18 GRANDES PREMIOS”
Esta administración de lotaría da nosa vila semella estar tocada pola deusa fortuna, pois nos últimos tempos deixo un volume enorme de premios na nosa vila. Temos o pracer de conversar con Benja, da administración de lotarías “El X de la suerte de Porrino” para que nos conte que se sente ao ser a única administración de venda de Lotaría de todo o Estado que foi quen de vender un primeiro premio na lotería do Nadal, e un primeiro premio no sorteo do Neno. Desde logo algo moi difícil de poder repetir na historia, tanto é así que o feito tivo repercusión en medios de prensa de todo o estado.
Benja, fálanos da historia da administración de Lotería, desde cando estades afincados en Porriño?
Eu pertenzo a cuarta xeración de loteiros desta administración, levamos máis de 60 anos aquí en Porriño e sempre no mesmo local. A parte da venda de lotaría tamén temos servizo de estanco e abrimos ininterrompidamente desde ás 8:30 da mañá ás 21:00 horas da noite. Somos o meu pai Andrés, a miña tía, unha empregada e eu, os que traballamos no local.
Cando comezou esta boa racha do reparto de premios?
Comezamos coa venda de décimos no ano 2011 e xa nese mesmo ano vendemos un Primeiro premio no Nadal, desde aí sempre demos algún premio, agás o ano 2013. Demos ao longo destes anos 18 grandes premios.
Cales son os principais premios que repartistes?
A parte do primeiro premio do nadal no ano 2018 e neste ano 2020, tamén demos o terceiro premio de Nadal e o primeiro do sorteo do Neno este ano. Somos a única administración de todo o estado en dar o primeiro premio nos dous sorteos. Temos dado tamén terceiros, cuartos e quintos premios de Nadal e segundos premios do sorteo do Neno en todos estes anos. Na Euromillón tamén repartimos un 5+1 con algo máis de 200.000€ de premio, e esperamos poder dar o gordo da Euromillón nalgún momento, é o que nos gustaría, a nosa tarefa pendente, porque superar a este ano dando os dous primeiros premios vai ser difícil, o deste ano foi algo incrible.
Sabes dicirme o montante de cartos que repartistes nos premios deste ano?
En décimos do nadal entre 1.500.000, 1.600.000€ e no sorteo do Neno uns 700.000, algo máis de dous millóns de Euros en premios.
Coñeces algún afortunado ou afortunada e se é así dirixíronse a vós para agradecervos o premio?
Si, este ano co peche perimetral o que máis vendemos foi en venda no local e a xente da vila e da súa contorna. O primeiro premio do Neno tocoulle a unha parella noviña de Porriño que teñen unha crianza pequena. Pasáronse por aquí a semana pasada a dicirnos que eran eles os agraciados, darnos as graZas e contarnos que tiñan pensado investir eses 200.000€ en construír unha casa, polo que querían seguir aforrando un pouco máis para poder facelo. A verdade agradécese o cariño da xente e dos nosos clientes, é gratificante saber que estas repartindo sorte entre os teus veciños, e esperamos seguir facéndoo durante moito tempo.
A parte deses mozos de Porriño, sabes se o resto de premios quedaron aquí ou marcharon fóra da vila?
Hai dous anos que comezamos coa venda a través da páxina web e como levo rexistro do que se vende pola rede, non me consta que desas vendas saíra ningún décimo premiado, así que eses máis de 2.000.000 de € foron de venda na tenda e co peche perimetral pola pandemia quedou todo por Porriño e a súa contorna.
Grazas a esta boa racha, aumentaches as venda?
Si, ano a ano imos subindo as vendas. Mesmo este ano coa pandemia vendemos moitísimos décimos por correo. Xente de Cangas , Moaña e de diferentes vilas da provincia que non puideron vir polo peche mercaron igual os décimos para mandarllos a casa, os gastos de envío son 5€. Pero aínda así, non deixaron de encargar a lotería. A verdade que estamos moi agradecidos cos noso clientes que ano a ano seguen aquí con nós, mesmo este ano despois dos premios do nadal, tivemos colas moi grandes todo o día, ata non poder pecha ata ben entrada a noite, pasábasenos o día voando, para a venda de décimos do sorteo do Neno. Este foi un mes de moito traballo e moitas horas dedicadas de non poder estar coa familia, e mesmo coa miña filla pequena, pero son comprensivos e poder repartir sorte e felicidade cos nosos veciños paga a pena o sacrificio.. De feito, notamos que as vendas mensuais da web dos demais sorteos diarios aumentou moitísimo e día a día rexistrase xente de toda España para selar a súas apostas a través de internet. Esperamos seguir repartindo moitos premios máis a longo dos vindeiros anos.