A recente declaración por parte da Xunta do proxecto do Celta en Tameiga como “ de interese autonómico” abre o paso á expropiación forzosa dos montes comunais desa parroquia para favorecer o negocio dunha empresa privada. Non ten outro sentido ca ese e nós entendemos que en breve se darán os primeiros pasos para tentalo. Nós falamos con César o presidente da CM de Tameiga
“Declarar o proxecto do Celta de interese autonómico é a maneira de facilitar unha expropiación dos nosos montes coa colaboración da alcaldesa de Mos, a Xunta e o PP no seu conxunto”
Canto tempo levas como presidente da CM?
Aproximadamente un ano.
Como valoras esta nova etapa na túa vida?
Moi satisfactoria. Congratúlame traballar para os veciños e que poidan gozar dos réditos que nos dá o noso monte e das actividades que xestionamos con iso.
As empresas de Monte Faquiña queren marchar de maneira xeneralizada como tratou de vender a alcaldesa de Mos? Cóntanos como está a situación dese polígono industrial?.
A realidade non ten nada que ver co que tenta vender esta señora.
Nestes momentos temos unha ocupación do cento por cento dos espazos que tiñamos dispoñibles para alugar. A día de hoxe, o noso polígono industrial está a pleno rendemento. Ata os empresarios destas fábricas acaban de crear como unha especie de Asociación de Empresarios, esta é un comité consultivo onde fan as súas reunións periodicamente para expresar o que se podería mellorar ou cales son as súas necesidades.
Estamos a traballar nisto sempre para ofrecer o noso mellor servizo.
O proxecto do Celta Galicia Sport 360 en que consiste exactamente?, algún representante do Celta dirixiuse a vós para explicárvolo?
Si, en abril deste ano veu Mouriño, o presidente do Celta. Trouxo un dosier de dúas follas onde tentou explicarnos o “fantástico e marabilloso” que sería este proxecto para o noso concello no que se van a empregar a máis de 200 persoas.
Este é un ambicioso proxecto deportivo din que equiparable a outros que hai en Berlín ou París. Unha factoría do deporte mesturada co tema de restauración, lecer e tendas.
Din que virán deportistas de elite de todas as disciplinas posibles e catalógano como un tema universitario do deporte.
Onde estaría situada, en terreos dá Comunidade de Montes? Explícanos como son eses terreos, o seu valor ambiental e as consecuencias que podería ter arrasar con eles?
Este proxecto afecta a 3 áreas diferentes. Á Comunidade de Montes de Pereiras, esta é a que lles fixo a cesión a 30 anos para situar a Cidade Deportiva. Logo hai unha pequena parte que afecta a propiedades particulares e unha extensión duns 90000 m2 que nos afecta aquí, aos montes de Tameiga.
Estes terreos teñen un valor incalculable para nós. Esta extensión afecta á mellor parte dos nosos terreos, temos unhas vistas espectaculares ao mar e ás Illas Cíes e afecta a moitas captacións de auga que fornecen a moitas das nosas familias.
A recente declaración de ese proxecto como “de interese autonómico” parece enormemente preocupante, pois a petición desa figura xurídica ten a intencionalidade clara de construír nos vosos terreos, e a súa concesión parece abrir a porta ao intento da súa expropiación. Cal é a valoración do presidente da CM de Tameiga?
Si, claro. Declarar este proxecto como de interese autonómico é a maneira de facilitarlles a estes señores unha expropiación forzosa dos nosos terreos coa colaboración tanto da alcaldesa de Mos como da Xunta de Galicia e o PP no seu conxunto.
Agora fálame dese “Plan Especial de Infraestruturas Deportivas” que aprobou a corporación municipal do vosos concello.
Por parte da xustiza, primeiro en primeira instancia en Pontevedra e segundo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declararon ilegal o proxecto do Celta e as obras levadas a cabo no monte de Pereiras. Pouco tempo despois de saír publicada a sentenza, o goberno municipal fixo un pleno extraordinario para aprobar este plan especial de infraestruturas deportivas no que quedan legalizadas estas obras, desprezando totalmente o esforzo e traballo dos xuíces implicados nesta sentenza. Estas obras comezaron a realizarse de maneira ilegal, xa no seu día a alcaldesa mencionou que todas as obras son legalizables e ben se está vendo agora ao que se refería. Neste pleno e grazas ao apoio de 2 conselleiros que agora están como non adscritos saíu aprobado “O plan especial infraestruturas deportivas” co que agora legalizan estas obras.
Ata onde estades dispostos a chegar para que non se consume o roubo dos montes de Tameiga?
Ata o final, como se fixo hai 40 anos. Xa o avó de Nidia tentou o mesmo no seu día e os veciños opuxéronse radicalmente, 40 anos despois estamos na mesma situación. Primeiro cun proxecto deportivo que levaba de forma indisoluble a parte comercial e agora, nun ano, danlle a volta á tortilla, retiran a parte comercial e invéntanse este proxecto do Celta Galicia Sport 360. Para nós o fondo deste proxecto é o mesmo que o anterior, están a tentar recalificar o noso solo para poder facer finalmente o que eles queiran.
A posición dá asemblea de comuneiros e comuneiras segue a ser abrumadoramente contraria a que unha empresa privada meta as gadoupas nos vosos montes?
A xente está totalmente en desacordo con este proxecto. Cando se fixo a Asemblea para votar si ou non a este proxecto, o 99% dos asistentes á Asemblea votaron en contra. A maiores agora temos a varias directivas de diferentes comunidades da traída de augas totalmente contrarios a esta nova agresión e implicados e traballando man a man connosco para facerlles fronte.
Tedes algún tipo de relación co goberno municipal de Mos?
Non. Pola nosa banda, nunca tivemos inconveniente en recibir a estes señores para que nos explicasen a súa postura, pero nunca houbo esta oportunidade. Despois de tantas agresións e enfrontamentos a confrontación xa é considerable.