Abel Estévez presidente do Club Balonmán Porriño

Abel Estévez presidente do Club Balonmán Porriño

A Nova Peneira achegouse ata O Porriño para conversar con Abel Estévez, presidente e adestrador dun dos equipos de balonmán máis punteiros de toda Galicia. E mesmo conta coa medalla de bronce do Campionato de España para o equipo xuvenil feminino.

Apostar por técnicos da casa é unha das razóns principais da nosa magnífica temporada”

Cóntanos Abel a historia do equipo?

O club foi fundado nos 80. Antes hai un precedente nos anos 60 xurdido no círculo Cultural de Porriño. Este era basicamente feminino e chegou ata estar na división de honra. Non saíron adiante por temas económicos e por non ter as instalacións aseitadas. Xa nos anos 80 un grupo de directivos encabezados pola familia Gilsanzretoman o club, sendo Julio Gilsanz o seu primeiro presidente. Pouco a pouco vai medrando e conseguiron devolver á división de honra feminina ao equipo. Hai uns anos que eu son o Presidente. O equipo máis representativo é o de División de Honra Feminino e levamos 11 temporadas consecutivas nesta categoría. Temos equipos en tódalas categorías tanto femininas como masculinas, desde pre benxamíns con 6 anos ata senior.

Como e cando se cruza o teu camiño co do balonmán Porriño?

Desde sempre o club traballou nas escolas e eu comecei nunha delas como actividade extraescolar. Primeiro fun xogador pasando por tódalas categorías do club e con 18 anos comecei a adestrar. Tamén pasei por tódalas categorías do equipo como adestrador e agora sigo con dúas categorías. Por temas de traballo do anterior presidente tivo que renunciar e aí foi cando decidín eu meterme na presidencia do club.

É dicir, toda unha vida dedicada ao club.

Si, desde os oito anos.

Agora fálame do equipo xuvenil feminino que acadou a medalla de bronce no campionato de España. Explícanos as razóns que motivaron este enorme éxito?

A parte de ter canteira propia, hai un par de anos que decidimos buscar talento en toda Galicia e fixemos un proxecto de intentar captalo de equipos próximos. Temos xogadoras de toda a comarca e captamos dúas xogadoras máis de Cangas e unha de Meaño. Fíxemos un convenio co Colexio Cemar de Mondariz e creamos unhas becas para estas rapazas que lle permiten ter un volume máis alto de adestramentos. A partir de aquí xa é traballos das adestradoras e de Ana Alonso que conseguiu que neste ciclo chegaramos á fase final do Campionato de España e acadar esta medalla.

Foi unha boa aposta entón?

Si, arriscada porque investir na base non é o habitual nos equipos de división de honra pero, ao final, non só o equipo xuvenil, senón tamén o equipo cadete feminino clasificouse para os oito mellores de España e imos a semana que ven a xogar a Elxe. Tamén en masculino estamos a mellorar, aínda que somos un club de tradición feminina. Por primeira vez na historia os cadetes masculinos clasificáronse para o Top Oito.

E para estas dúas clasificacións de Top Oito. Cales son as aspiracións realistas de ambos equipos, en ambas fases finais?

Nestas idades e difícil sinalar un favorito, creo que o equipo masculino ten por diante equipos co nome do Fútbol Club Barcelona, Granollers, Bidasoa… Equipos con moita tradición e moito potencial económico. O Barcelona ten un presuposto en balonmán superior a todo o resto. A gran vantaxe e que xogamos na casa, temos o apoio da nosa xente e temos a honra de recibir a equipos tan potentes.

Agardas boa resposta entón da afección local para esta final masculina no Porriño?

Si, a mágoa é que teñamos as restricións Covid con tan só 350 persoas. Temos 1600 localidades pero como temos que manter a distancia de metro e medio só podemos meter a 350 afeccionados. A experiencia desta fin de semana que xogaron os cadetes e completamos o aforo e fainos pensar que a xente vai seguir respondendo.

O equipo senior feminino mantívose con folgura na división de honra. Todo sumado fai que a temporada do club fose sobresaínte. A que o atribúes?

Creo que apostar polos técnicos da casa é o axeitado. No primeiro equipo feminino está Ismael Martínez que leva moitos anos con nós. Creo que temos equipo para estar un pouco máis arriba pero comezamos a temporada con catro xogadoras que viñan con lesións de longa duración. Na segunda fase recuperamos a todas as xogadoras e fíxemos unha moi boa segunda parte. Destacar que somos uns dos poucos equipos que temos un equipo en división de honra e outro na segunda división feminina, neste caso con xogadoras moi novas e quedamos cuartos da segunda división que é un gran resultado.

É posible soñar con que o senior masculino poida chegar ao nivel no que están as mozas?

Este é o obxectivo. A xeración cadete é moi boa, foron campións galegos e agora van entre os oito mellores de España. O ano que ven moitos destes xogadores son xuvenís e comezaran a xogar co senior. A nosa idea é intentar apoiar a estes xogadores para que pouco a pouco, podan acadar a categoría nacional.

Ti cres que o pobo do Porriño valora como se merece a un club como o voso que leva o nome de Porriño ao máis alto do panorama do balonmán español?

Creo que somo un pobo de moita tradición no balonmán feminino e nunha situación normal estabamos metendo entre 800 e 1000 persoas nos partidos de división de honra. Este ano coa pandemia tivemos que limitar a captación de novos socios porque tiñamos máis socios que localidades dispoñibles.

E como se porta o concello con vós?

Moi ben de sempre. Temos unha axuda de 130.000€ por temporada. É de agradecer que aposten polo deporte como o fan e que sexan áxiles na tramitación das subvencións.

E a administración provincial?, e a Xunta?

Si. A nivel institucional estamos ben valorados.

A Deputación de Pontevedra danos unha axuda por ter a un equipo na elite e na máxima categoría. No caso da Xunta de Galicia temos unha dobre axuda, unha subvención ordinaria polas categorías base e por outro lado, co tema da fundación. Tanto o primeiro equipo como o segundo, teñen unha axuda específica pola Fundación do Deporte Galego cun convenio con Abanca cun apoio importante.

O enorme éxito deste ano tivo a súa parte negativa pois ocasionouvos un importante desfase no presuposto de 45.000€. Como prevés solucionalo?

Tiñamos presupostado que as nenas xuvenís si chegaran a fase final con 15.000€ para esta partida. Pero non contabamos con que os cadetes e as cadetes chegaran tan lonxe. Os gastos totais son de 45.000€ cuns desfase duns 30.000€ e para solucionalo estamos intentando buscar empresas privadas que aposten polo club. En Porriño o tecido empresarial sempre respondeu moi ben e estamos intentando conseguir esa colaboración para asumir todos estes gastos.

Seguro que si a conseguides. Agora fálanos da túa colaboración coa Selección galega de Balonmán.

Colaboro con eles cando nos chaman e os últimos anos que houbo selección galega senior feminina si que axudei con este traballo.

Moitas grazas Abel

Grazas a vós.