Patricia é a voceira de EU Son no concello do Porriño. Ela é unha muller lúcida, valente, sensible, firme na defensa das súas conviccións e dunha honestidade inquebrantable. Patricia é desas persoas que se achegan á política só a contribuír ao ben común .Novamente foi un pracer para min conversar con ela.
“ EU Son vai ser un actor esencial nas vindeiras eleccións. municipais do Porriño. Imos con toneladas de ilusión, sen ningún tipo de límite e coa firme vontade de servir ao ben común da veciñanza porriñesa”
Patricia, estamos a seis meses dunhas novas eleccións municipais. Valórame este mandato que está a piques de acabar. ?
Un mandato practicamente perdido. Primeiro polo desleixo e desidia do anterior Goberno e logo pola ineficacia do actual.
Cando me falas do anterior Goberno refíreste aos dous socios de Goberno?
Houbo membros daquel Goberno que o fixeron fenomenal, pero, ao fallar a dirección e non ter un proxecto definido, o seu traballo queda desfeito.
Agora, co mandato do PP, hai como unha hiperactividade e unha forma de actuar compulsiva, pero sen moito criterio. Fan moitos anuncios que crean unhas altas expectativas nos veciños e veciñas que logo non se ven cumpridas. Como exemplo, o tema das contratas, non son capaces de controlalas. Nin sequera algo tan básico como a recollida de residuos. No principio do ano empezou unha nova adxudicataria e está a incumprir totalmente o contrato.
Alén do tema dos residuos, dáme algún exemplo máis da suposta ineficacia deste novo Goberno?.
O mantemento de zonas verdes e parques públicos. Este xa vén de moito atrás cun problema grave, tanto en seguridade para as crianzas como en estética e limpeza por falta de mantemento. Foi unha suposta medida estrela deste novo Goberno e aínda non se fixo practicamente nada. Levamos cuns orzamentos prorrogados desde o ano 2018, así é imposible acometer ningunha mellora.
Con todo, o PP este ano presentou unha proposta de Orzamentos que foi rexeitada pola oposición, non foron capaces de convencer absolutamente a ninguén. Vós votastes en contra, explícame por que a vosa decisión de votar en contra?.
Porque uns orzamentos son unha ferramenta para sacar adiante uns proxectos bos para o concello. Estes orzamentos que presentaron non tiñan un plan de investimento. A maiores metían unha operación de crédito de 9 millóns de euros cando os orzamentos totais do Concello de Porriño andan sobre os 18 millóns. Estes 9 millóns primeiro ían a parte e logo integráronse nestes 18. Non imos facer un acto de fe sen que non se especifique que contías van para cada proxecto.
Non estaba claramente especificado para que proxecto ían as partidas de diñeiro?
Non. Presentaron uns orzamentos que sabían que non ían saír adiante para ter unha escusa, que usan como coartada para vitimizarse . O Concello ten diñeiro no Banco para facer proxectos polo pobo, pero din que non poden porque non aceptamos os orzamentos.
E non é así?
Non, claro que non. Non é que non os deixemos, isto é unha cousa moi seria e ten que estar explicado e cadrado ao milímetro para aprobalo. Non nos poden pedir un acto de fe. Eu Son Porriño é unha organización seria, formada por persoas serias que hai moito tempo que superamos a adolescencia e que esiximos seriedade e rigor na práctica política .
Falando do tema económico, como está a conta 413?
Ten algo máis de catro millóns de euros de facturas impagadas. Moitas facturas de gasto corrente como luz e auga xa poderían estar abonadas porque non teñen dúbida de que si se realizou o servizo.
Como é posible que esta conta teña facturas de gastos correntes?
O Goberno anterior sacaba da partida de gasto corrente diñeiro para outros temas. En consecuencia deixaban sen pagar facturas de luz, teléfono, ou por exemplo á empresa que xestiona a piscina municipal, e pasábanas a esta conta 413.
Entón este aumento desmedido da 413 é pola mala xestión do Goberno anterior?
Por suposto. Antes tamén se facía, no mandato de Nelson, algo que o partido socialista cando estaba na oposición criticou, con razón, con moita dureza. Pero que logo, cando accederon ao goberno eles fixeron nun volume moi elevado.
Crees que o Goberno actual do PP ten a vontade política de arranxar o asunto da conta 413?
Eles xudicializaron moitos destes expedientes e agora téñeno máis complicado de resolver.
Como está o tema do Centro de transporte en Torneiros?
A principios de setembro asinouse unha acta no Consorcio Da Zona Franca de suspensión temporal de execución de contrato.
Nós cremos que van esperar a que pasen as eleccións municipais e logo tentar volver, darlle para adiante a este monstruoso proxecto, que metan o estudo na Xunta de Galicia, como un proxecto de interese supramunicipal parecido ao tema do pelotazo de Celta en Tameiga, e pasar por enriba do concello, da administración e da opinión veciñal.
Está a facer algo o Goberno actual para solucionar o asunto do lindano?
Nada. Aínda estamos a esperar e preguntamos nun dos últimos plenos sobre aquela foto, ao principio do mandato, coa Xunta de Galicia, na que anunciaron que había dous millóns para solucionar este problema, pero aínda non se fixo nada.
Teñen que poñerse de acordo o Estado e as Xunta de Galicia para solucionar este problema. E se hai vontade política poderían ir dando pasos para solucionalo como xa se está a facer noutros lugares
Por exemplo?
En Sabiñánigo, Huesca, hai unha zona moito máis contaminada que aquí. Ata se chegou a contaminar alí a auga das fontes, pero está localizado e van moi ben descontaminando a zona porque alí si hai vontade política real de arranxar o problema.
E o tema do SAF no Porriño, como vai?
Moi mal, como en toda Galicia. Aquí temos como 70 traballadoras. Externalizouse este servizo estando Barros rexedor sobre o ano 2000. A empresa adxudicataria que temos agora renunciou ao contrato porque van moi á baixa e cos incrementos dos custos e a actualización das nóminas íaselles de orzamento.
Vemos que todas as adxudicatarias de servizos municipais, tanto en recollida de lixo como as SAF ou noutros servizos, primeiro, están a deteriorar os servizos e despois índose a pique. Como organización pedimos que se volvan a municipalizar estes servizos para poder ofrecer unhas condicións de traballo dignas, uns soldos dignos e dar aos nosos veciños e veciñas uns servizos esenciais axeitados.
Ningún grupo municipal apoia abertamente esta remunicipalización, din que non é viable. Están a mentir, hai exemplos ao longo do Estado nos que si se fixo e que está a funciona moi ben co que as traballadoras e as familias están moito máis contentas.
O próximo mes de maio do 2023 hai eleccións municipais. EU Son vai ser actor destas eleccións sen ningunha dúbida non?
Si. Sen ningunha dúbida. Queremos ser unha alternativa con personalidade propia . Non imos facer seguidismo doutras forzas políticas de esquerdas. Compartimos algunhas ideas, pero temos o noso propio proxecto.
Entón EU Son Porriño, vaise presentar en Porriño de maneira autónoma?
Completamente. O noso proxecto está composto por militantes de Esquerda Unida, persoas independentes e estamos abertas a incorporar a máis xente ao noso proxecto.
Vai haber algún tipo de confluencia de EU Son Porriño con Podemos ou algo parecido?
Non. As persoas que se queiran achegar recibirémolas cos brazos abertos pero Eu Son Porriño é, como che dixen, unha forza autónoma con personalidade e proxecto propio e como tal imos presentarnos a defender a nosa forma de entender O Porriño con toda a ilusión e sen ningún tipo de límite.
Como estás de ánimo Patricia?, vas encabezar a candidatura?
Eu voume a postular e estarei encantada de facelo se os meus compañeiros e compañeiras me honran coa súa confianza.
E as expectativas dos resultados cales son?
O mellor escenario sería que o PP non obteña a maioría absoluta. Nós iremos sen límite e a por todas, con toneladas de ilusión e coa firme vontade de servir ao ben común para que a esquerda poida participar nun proxecto de futuro no goberno do Porriño.