Verónica Tourón nova alcaldesa de Salceda

Verónica Concello de Salceda

Achegámonos ata o concello de Salceda 5 días antes de que Verónica se converta na nova alcaldesa en virtude do pacto que o seu partido, O PSdeG asinara cos seus socios de Movemento Salceda. O devandito pacto estableceu unha alcaldía rotatoria que desempeñou Loli de MS os dous primeiros anos e que agora recaerá na persoa da socialista Verónica Tourón.Ela é unha muller que afronta a responsabilidade con moita ilusión e decisión de consolidar un goberno progresista na vila que a viu nacer e coa que se sente plenamente identificada.

Estou entusiasmada, sendo plenamente consciente da responsabilidade pero cunha enorme ilusión”

En 5 días vas ser nomeada alcaldesa do teu pobo

Permíteme por favor interromper porque o que dis do “ teu pobo” é enormemente apropiado. Eu nacín en Salceda, na parroquia de San Xurxo. Cando me independicei pasei a vivir no centro da vila, e fixen toda a miña vida no meu pobo ao que me sinto moi vinculada emocionalmente

A piques de ser nomeada alcaldesa de Salceda, cal é o teu estado de ánimo?

Estou entusiasmada, sendo plenamente consciente da enorme responsabilidade que supón. Pero cunha enorme ilusión en facer cousas que axuden a mellorar a vida cotiá das veciñas e veciños de Salceda

Loli, que o día 15 deixará de ser alcaldesa, en varias conversas que tivo comigo amosouse moi satisfeita do nivel de cohesión do goberno de coalición nestes dous anos. O teu grao de satisfacción é o mesmo?

Si, é o mesmo. No plano persoal é un pracer traballar cos nosos compañeiros e compañeiras de Movemento Salceda. E no eido político a relación foi excelente. Fomos capaces de facermos un equipo absolutamente cohesionado. Traballamos en todas as áreas de maneira transversal. Sempre houbo moi boa sintonía, traballamos de xeito impecable. E incluso nos momentos que houbo algún tipo de discrepancia ,sentámonos e resolvémola de maneira dialogada.

Unha das discrepancias con Movemento Salceda é a carta a Amancio Ortega?

Ben con todo o cariño e respecto eu non faría iso. O correcto creo eu que as administracións competentes invistan o xusto e necesario para que no noso pobo haxa as prazas escolares suficientes e necesarias. Para iso pagamos impostos

A situación epidémica de Salceda é moi boa verdade?

Si, estivemos varios días con 0 casos. Penso que agora hai 3.En calquera caso dúas consideracións ao respecto; a primeira é que non nos podemos descoidar pois ata que exista unha porcentaxe suficiente de poboación vacinada pode xurdir un gromo en calquera momento, e a segunda manifestar o meu enorme orgullo pola gran responsabilidade da veciñanza, pois , agás un momento concreto, Salceda sempre tivo unhas cifras baixas de contaxios

Distintos alcaldes e alcaldesas cos que teño falado dinme que a pandemia propiciou que se multiplicaran as familias que precisaban da atención dos servizos sociais do Concello para atender as necesidades máis básicas. En Salceda tamén?

Si, sobre todo notámolo nos meses do confinamento e no resto dos meses do 2.020.Agora semella que se moderou un pouco a tendencia pero si que notamos ese fenómeno. E non só na parte económica, tamén notouse no incremento da necesidade de atención psicolóxica

Que áreas levaches nestes dous anos?

Urbanismo, participación veciñal, emprego e formación, comercio e industria

Cales foron os proxectos ou traballos das túas áreas, nestes dous anos, máis significativos?

O certo é que nos tocou gobernar nunha situación moi complexa e tivemos que adaptar a liña de traballo ao contexto inédito na nosa historia. O primordial foi atender ao comercio e á hostalaría para podermos axudalos o máximo posible. Por outra parte quixera destacar que fomos quen de facer formación para a procura de emprego

Cóntanos como foi?

Fixemos un programa de formación orientado á inserción laboral, con 100 persoas, das que logramos inserir ao 63%

Caramba o 63%¡¡

A verdade é que estou moi orgullosa e con toda humildade creo que podo dicir que fixemos un traballo técnico bastante importante. E por outra parte contribuír ao ben común é polo que unha se mete en política e cando sentes que do teu esforzo algunha persoa se beneficia, pois é moi gratificante.

En canto á participación veciñal?

Pois puidemos aprobar un regulamento de participación que poremos en marcha en canto nolo permita a pandemia. A miña intención é que o Consello Veciñal sexa un dos eixos da nosa acción política

No que respecta ao urbanismo?

Se cadra é a miña espiña cravada. Tan pronto se poida quero comezar cos traballos do plan xeral

O que temos agora que é?

Son as normas subsidiarias de 1.997.A carencia de plan xeral é unha débeda coa veciñanza de Salceda e eu porei todo o meu empeño en solucionar este asunto

Nos dous anos de mandato?

Para comezar os traballos nestes dous anos, e con vistas a aprobalo no mandato que se inicia no ano 2.023

Xa tes na cabeza as eleccións o 2.203?

Non claro que non. Iso non toca agora. O meu interese só está centrado en desempeñar o mellor que poida e saiba a inmensa honra que supón para min ser alcaldesa de Salceda. Iso non quita que sexa absolutamente consciente de que temas tan complexos como a aprobación dun plan xeral haxa que consideralos a longo prazo, pois non é algo que se poida facer de hoxe para mañá. A miña intención nos temas relevantes para Salceda é buscar o consenso con todos

Co PP tamén?

Si, claro

E o PP local está nesa liña de procurar consensos?

Ao PP de Salceda hai que agradecerlle a súa lealdade no que se refire á xestión da pandemia. Nese tema souberon estar á altura. Nos restantes lamentablemente non. En calquera caso eu téndolles a man na procura dos consensos para os temas esenciais para Salceda.

No que respecta ao polígono do Cerquido fixemos algo?

Estamos facendo un traballo de avaliación para ver cal é a mellor forma para darlle estabilidade xurídica ás empresas que alí están.

O novo centro de saúde é suficiente para a poboación de Salceda?

O edificio está moi ben. Era necesario e benvido sexa. Pero os recursos humanos son claramente insuficientes. Por exemplo, Salceda é unha das vilas de Galicia que ten un número máis elevado de poboación nova. E só temos unha pediatra, algo que obviamente non cubre as nosas necesidades

E no que respecta á educación temos escolas suficientes para atender a demanda que hai en Salceda?

Non , non as temos. Necesitamos infraestruturas educativas. Parece que por fin a Xunta entendeu a necesidade de ampliar o IES PEDRAS RUBIAS. Creo que o colexio Altamira segue sendo insuficiente. Temos 600 rapaces e rapazas nunhas instalacións absolutamente inadecuadas. Claramente a educación é un tema no que Salceda non está ben atendida pola administración autonómica

E no resto de temas Salceda está ben tratada pola Xunta?

Ben , hai respecto institucional e trato cordial. Pero sigo pensando que temos un déficit claro de infraestruturas básicas

As relacións coa DEP como as valoras?

É excepcional. A distribución de recursos con todos os concellos baséase en criterios que son pura e duramente obxectivos

Sénteste apoiada polos distintos organismos do PSdeG?

Absolutamente

Rematamos Verónica, pronto haberá congreso no PSdeG, prevés que se presente algún candidato alternativo ao actual SX, Gonzalo Caballero?

Non podo contestar a iso. Eu pertenzo ao comité nacional do PSdeG, temos unha xuntanza este sábado e xa veremos como evolucionan os acontecementos