Algunha vez amigos e amigas seguro que se sentiron en débeda emocional con alguén. E o sentimento de non poder satisfacer o que estamos seguros de que debe de ser satisfeito resulta enormemente frustrante. A min aconteceume con Manuel Xío. El é un artista mosense que cultiva entre outras disciplinas a arte postal e que tenme distinguindo en diversas ocasións coa súa atención a través de distintas cartas que envía ao enderezo do noso xornal, nas que non é difícil apreciar a súa enorme sensibilidade tanto para a palabra, como para o debuxo. Agardo que teña ocasión de ler estas letras e a través delas poida coñecer que a miña intención sempre foi, como non podía ser doutro modo, contestarlle co respecto debido e coa gratitude inmensa que me fixeron sentir as súas letras. Porén, confeso a miña nugalla para algo que pensaba que o mundo dixital xa tiña soterrado, un acto tan sinxelo e tan emotivo como coller un bolígrafo e expresar con el o que sentimos e queremos que sinta a persoa receptora das nosas mensaxes. Entre os meses de setembro e outubro o Pazo de Mos acolleu unha fermosa exposición sobre arte postal cuxo alma mater é Manuel Xío. Para min non só foi un pracer gozar con ela e conversar con Pablo, o coordinador do evento, senón que me fixo cruzar o Río Leteo e lembrarme das bretemosas noites pétreas universitarias da Compostela de finais de século nas que o que isto escribe, escribía unha e outra vez cartas de amor a quen naquel momento amaba.
PABLO GÓMEZ PORTAS
COORDINADOR DO PROXECTO
Explícanos que é o proxecto ARTE POSTAL?
Nace coa convicción e a ilusión de recuperar a carta e a postal como medio de comunicación inter persoal. Non como único recurso claro, pero en convivencia cos novos medios para comunicarnos que nos proporciona a tecnoloxía
Paréceme unha pretensión admirable, pero se cadra demasiado ambiciosa. É máis, oxalá me estea equivocando, pero non a vexo realista
A ambición é o único camiño para podermos facer realidade os nosos sonos, ata os sonos que coma este, parezan extremadamente románticos. E Manuel Xio Blanco ten un perfil extraordinario para poder converter en real este marabilloso sono. Asemade el quere que Mos apareza nas guías do camiño de Santiago en Correos. Xio coñece a moitos artistas e todos colaboraron de maneira moi meritoria para poder pór en marcha esta exposición
Fálanos de Manuel Xio?
El naceu en Mos, preto do Pazo. Traballou en Vigo para unha librería-El é un artista poliédrico e alén da súa faceta como debuxante a min gústame especialmente a súa escultura. Algunha delas están presentes no catálogo nacional de Galicia. Tamén ten produción escrita moi interesante como por exemplo a súa obra “prismavera” un libro de aforismos versificados. Xio ten moito que amosar e de gran calidade abofé, non resulta fácil de sintetizar
El naceu en Mos, preto do Pazo. Traballou en Vigo para unha librería-El é un artista poliédrico e alén da súa faceta como debuxante a min gústame especialmente a súa escultura. Algunha delas están presentes no catálogo nacional de Galicia. Tamén ten produción escrita moi interesante como por exemplo a súa obra “prismavera” un libro de aforismos versificados. Xio ten moito que amosar e de gran calidade abofé, non resulta fácil de sintetizar
Que é debuxar para ti?
Vasme permitir citar a Oliver Laxe para dicir que para min debuxar supón un camiño de conexión coa infancia
Cantas persoas estades implicadas na organización desta exposición?
Sobre todo o mestre Manuel Xio Blanco, e nun segundo plano eu mesmo. Quero, porque é de xustiza e debo facelo, destacar a axuda do Pazo de Mos en xeral, e de Vanessa Ferreira en particular. Ela é parte fundamental deste proxecto grazas ao seu esforzo, interese e entusiasmo. En realidade, non só por este evento, senón polo seu traballo diario pódese dicir que Vanessa é a alma do Pazo de Mos
Cantos artistas e cantos traballos forman parte desta exposición?
Son 105 debuxantes e 495 traballos
De que ámbito xeográfico son os debuxantes?
Hainos de todo o mundo
Caramba, algún destacado?
Cesar Reglero, Mariano Marcos, Tino Villanueva, A corporación semiótica galega, Miriam Mercader, Teresita Pereira, Sabela Baña…Temos a fortuna de podermos contar con grandes artistas internacionais tanto da arte en xeral como da arte postal en particular
A exposición estivo exposta en que datas?
Desde o 3 de setembro ata o 13 de outubro
É a primeira vez que facedes algo parecido?
Si, pero Manuel Xio xa leva anos implicado coa arte postal, de feito desde 2.012 xa ten publicado 10 traballos en forma de boletín literario mosense que se chamaba “Letras perennes de folla caduca”
Que nome máis bonito¡¡
Precioso, e se o nome é bonito o contido éo aínda máis .Pódese atopar na biblioteca de Mos. Esa iniciativa contou coa participación entre outros de Ferrín e de Carlos Oroza e alí falaban un pouco da arte postal
A exposición ten visos de continuidade?
Si a nosa vontade é que teña continuidade. E iso que a situación sanitaria delimitounos bastante pero para o próximo ano temos previsto facer algún acto a maiores para darlle solidez á nosa vontade de que o público poida gozar coa arte postal
Como valoras a resposta do público que asistiu á mostra?
A nosa valoración é moi positiva. Ao estarmos situados no camiño de Santiago non só tivemos visitantes locais senón tamén de moitos peregrinos que nos distinguiron coa súa compañía. Incluso moita xente nos facilita o seu enderezo postal para que nós lle enviemos unha carta
Vaia, que sorpresa. Entón podemos dicir que nestes tempos aínda hai xente á que lle gusta comunicarse por correo postal
Rotundamente si. O ser humano ten a necesidade de escribir , de debuxar , de escoitar e de ser escoitado.
Que tal se portou o concello de Mos con vós na organización da exposición?
Nin nós buscamos a súa axuda nin eles amosaron o máis mínimo interese.
Polo que vexo este evento está intimamente ligado á figura de Xio. Non tes medo de que algo tan interesante como a arte postal no noso pobo, remate con el?
Non cabe dúbida de que Manuel Xio é enormemente relevante, pero a min mesmo gustaríame moito continuar espallando a arte postal