
As xuventudes socialistas de Mos, mudaron o seu secretario xeral, un mozo de Cela, Christian González substitúe ao anterior secretario, o actual concelleiro Alejandro Figueroa. A Nova Peneira achegouse ata o local dos socialistas mosenses para coñecer a Christian
“A ALCALDESA DE MOS GOBERNA SÓ PARA UNHA PARTE DA SOCIEDADE, PARA OS SIMPATIZANTES DO PP”
Ti es un rapaz novo, e iso de Secretario Xeral soa como moi importante, non?
Ha ha ha, o que che podo dicir é que estou moi honrado e que asumo o cargo coa máxima responsabilidade, e interese en facelo tan ben como o meu antecesor, Alejandro Figueroa.
Por que se produciu o cese de Alex?
Foi unha decisión responsable pola súa parte, como sabes agora é concelleiro e todo o tempo do que dispoña pretende dedicarllo á súa actividade no concello de Mos. Considerou que non podía desenvolver a secretaría xeral de maneira adecuada por carecer de tempo, tamén ten un traballo e unha vida persoal, e púxose en marcha o proceso estatutario para escoller a unha nova dirección.
Canto tempo levas militando no PSOE?
Un ano.
Como se produciu o teu achegamento á política?
Eu sempre fun un rapaz con moitas inquedanzas sociais, creo na democracia e no poder da razón e a dialéctica para mudar as cousas. O discurso e a praxe política do partido socialista estiveron historicamente moi preto da miña forma de entender a realidade, e é de xustiza recoñecer que Alex, o concelleiro Alejandro Figueroa, tivo o seu punto de influencia na construción do meu pensamento político. Eu son de Cela, el tamén, ten catro anos máis ca min ….
E como describirías o teu primeiro ano de militancia política?
Intensísimo, pois cadroume nun período de moitos procesos electorais. A verdade este ano, o meu primeiro ano de vida política recibín unha fervenza inmensa do que é a práctica política en estado puro.
Falando de eleccións, teremos investidura de Pedro Sánchez ou iremos a repetición de eleccións, ti que pensas?
Eu agardo que a responsabilidade de todos e de todas nos leve a un acordo o antes posible. Unhas novas eleccións serían un inmenso fracaso colectivo.
No teu concello, en Mos, como ves o panorama político?
A conservación da maioría absoluta polo PP, por unhas poucas ducias de votos, foi unha desgraza para o noso pobo. Presumo un mandato moi complicado con puntos diversos de tensión. Nós debemos facer unha oposición contudente e moita pedagoxía para concienciar á xente de que outra formade gobernar é posible.
A sociedade mosense está moi polarizada, a suma dos votos da oposición é arredor de 300 máis cós que obtivo o goberno municipal, case poderiamos falar de empate técnico. E este tipo de polarizacións poden, se non se xestionan de maneira xusta, orixinar tensións e situacións complexas. Ti cres que Nidia Arévalo gobernará para a sociedade no seu conxunto, ou só para os seus votantes?
A alcaldesa de Mos goberna tan só para unha parte da sociedade, para os simpatizantes do partido popular, e por desgraza penso que nada vai mudar.
Como valoras a decisión do conxunto da oposición de Mos de non acudir ao pleno extraordinario sobre a suposta trama das facturas falsas?
Estou de acordo. A alcaldesa na súa campaña de marketing e propaganda sobre ese tema falaba “ dunha campaña política contra a súa persoa”, como se fora ilexítimo facer política contra a súa forma de gobernar¡¡. A única que fai campaña, con un tema que todo apunta a que quedará en nada, é a propia alcaldesa, e entendo que nós non debemos entrar no seu xogo de provocacións.
Falemos das xuventudes socialistas, cales son os teus proxectos inmediatos?
A miña liña vai ser de continuidade, xa che dixen antes que considero que Alex fixo un gran traballo. Pretendo reforzar o noso festival solidario, xa con cinco anos de vida. E amosar de maneira explícita, constante e continua a problemática e as necesidades máis importantes que padece a mocidade mosense, alén de pelexar para que se acheguen solucións concretas para tratar de revertelas.
Dime por exemplo algunha problemática especialmente grave que padeza a mocidade de Mos?
O transporte público é moi deficiente, e nun concello esencialmente rural como o noso, é un problema moi grave. As mozas e mozos necesitamos transporte público de calidade suficiente e digno para darnos un servizo que nos permita procurar oportunidades laborais e gozar do noso tempo de lecer. Tamén é necesario mellorar as relacións co tecido cultural, social e deportivo da nosa localidade.
Falando do festival solidario, no anterior estivo Digna Rivas, agora alcaldesa de Redondela e naquel momento deputada provincial. Supoño que a actual deputada provincial, Victoria Alonso asistirá ao seguinte?
Máis lle vale. Se non quere ter un problema serio coas xuventudes socialistas do seu pobo ten que asistir si ou si… ha ha ha ha ha.
Rematamos Christan, que expectativas tes ti a longo prazo da túa vida política?
Son moi novo aínda , de momento cumprir con rigor e solvencia as miñas responsabilidades en xuventudes socialistas e apoiar a Victoria Alonso para que sexa a próxima alcaldesa de Mos.