Viveiros Adoa sobe ao Olimpo dos mellores xardineiros do mundo

Viveiros Adoa sobe ao Olimpo dos mellores xardineiros do mundo

Os nosos amigos de Viveiros Adoa veñen de acadar un premio de enorme prestixio pois a súa proposta de xardín ,”Diálogo”, foi a vencedora no XVI festival internacional de Ponte da Lima. Nesa feira competían 45 deseños de xardín de todos os currunchos do mundo. Esta é a primeira vez que, nos XVI anos da historia do festival, Adoa presentou a súa candidatura. E foi chegar e encher pois despois de pasar unha primeira peneira que deixou as 45 propostas iniciais reducidas ás 11 mellores , o xardín de Adoa gañou o favor maioritario tanto dun xurado profesional como da maioría dos visitantes e foi escollido como o mellor de todos. Os concursantes tiñan que elaborar os seus xardíns sobre un tema concreto, a relixión. E alí foi a arquitecta de Adoa, Magada Jandova , a construír un escenario de xardín que denominou diálogo e que trataba de simbolizar a súa aposta pola concordia entre as distintas confesións relixiosas malia as diferencias que puidesen haber entre elas .A relixión da Grecia clásica situaba no monte Olimpo a morada dos seus deuses. Sirva pois esta analoxía co tema que inspirou o xardín para celebrar un premio merecidísimo para unha emprese referente no profesional e no moral en todo o país galego. Nós quixemos celebralo con eles e falamos coa profesional da empresa que deseñou o xardín

MAGDA JANDOVA

O teu apelido o que se di moi galego non parece?

Ha ha ha ha. Non, son de Chequia

E que fai unha moza checa polas terras da Louriña?

O meu home é galego, en concreto de Ferrol. Coñecémonos na universidade de Valencia. Eu estudei alí arquitectura e el enxeñería. Despois de rematar os estudos pasamos por diferentes etapas vitais pois estivemos en Tenerife, Barcelona, Chequia e finalmente rematamos en Galicia

Canto tempo levas traballando en Viveiros Adoa?

Levo tres anos

Gústache o que fas?

Moito

En que consiste o teu traballo?

Eu fago os deseños do xardíns

Vaia que interesante. E cales son os criterios que utilizas para deseñar un xardín?

Nun primeiro momento hai que considerar as limitacións que ten o propio terreo como por exemplo a orientación ou o desnivel. E logo o propio desexo do cliente desde logo

Ben, e unha vez que tes claro as características do terreo e a vontade do cliente, como continúa o traballo?

Fago un plano e a partir de aí comezo a deseñar. Teño que ter en conta o estilo da casa para adecuar o xardín ao tipo de vivenda

A ti que tipo de xardíns che gustan máis?

A min persoalmente gústanme o xardín salvaxe, con plantas herbáceas e pouca poda

Viveiros Adoa gañou un premo moi prestixioso, na XVI edición dunha feira de xardinería en Ponte de Lima, cun xardín que ti deseñaches. Cóntame como foi todo?

Coñecemos ese festival desde anos como visitantes e decidimos apuntarnos. Presentáronse 45 propostas de todo o mundo das que 11 , entre as que estaba a nosa, foron as finalistas. As 11 finalistas constrúen os seus xardíns .As propostas viñeron de moitos países, non só de Europa tamén as había brasileiras ou estadounidenses

Que sistema utilizan para determinar a proposta gañadora?

Un sistema mixto, por unha banda votan os visitantes e pola outra un xurado de profesionais. O xardín fixémolo en abril do ano pasado, o festival abriuse en maio e entre ese mes e outubro os visitantes votaban

En que extensión de terreo construístes o xardín?

250 metros cadrados

Gañar un concurso tan prestixioso no que compites contra outras 44 propostas de todo o mundo, todas feitas por profesionais, supoño que che faría sentir enormemente feliz?

Pois si a verdade é que si. O orgullo e a satisfacción foron enormes

E os teus compañeiros de Adoa?

Igual ca min , a vitoria fíxonos felices a todos

Adoa xa ten participado noutras edicións do festival?

Non, é a primeira vez que estivemos

Cóntame as características de “Diálogo” o xardín que deseñaches ti e que finalmente resultou gañador?

Os organizadores do festival sempre determinan un tema sobre o que se debe artellar o deseño do xardín .Desta volta foi a relixión

Vaia que cousa máis complicada. E como fas para deseñar un xardín arredor dun concepto, como a relixión, que é unha pura abstracción?

Nun principio parecía moi complexo si. Eu comecei a analizar a situación e descubrín que ao longo da historia os primeiros xardíns comezaron a construírse arredor de templos e distintas edificacións relixiosas. Despois de investigar comprendín que cada relixión influíu no deseño dos diferentes xardíns que son moi diferentes en función das áreas de influencia de cada confesión relixiosa

E a partir desa análise que fas constrúes a túa proposta?

Si, eu escollín as 7 relixións máis importantes: O Cristianismo, Islam, Budismo, Taoísmo, Xudaísmo, Hinduísmo e un último xardín relacionado coas crenzas étnicas animistas. A miña intención era amosar como cada relixión influíu no deseño do xardín

Pero iso ten un grao de complexidade elevadísimo. Como fas para simbolizar as 7 relixións máis importantes de toda a humanidade en 250 metros cadrados?

Traballando moito cos símbolos e explicándoo moi ben aos visitantes claro. Na entrada puxemos uns paneis explicativos. A forma do noso xardín era cadrada. Puxemos un punto central cun montículo no que situamos unha árbore, unha oliveira, que simboliza a paz. Cara este punto están dirixidos todos os demais xardíns e a miña intención era tratar de explicar que malia as diferencias debemos tratar de tender ao encontro e a conciliación dos puntos comúns

Encontraches similitudes entre os diversos xardíns?

Si, varias. Por exemplo a utilización de arbores sagradas, a utilización de xardíns encerrados para poder gozar de momentos de paz e acougo sen que ninguén che moleste. Logo eran sitios de contemplación, polo tanto puxemos un asento en cada xardín que tamén reflicte os costumes de cada zona. Por exemplo no xardín árabe a zona para sentarse é unha alfombra. En todos os xardíns as persoas poden sentarse, ver cara ao punto central e comezar o diálogo coa relixión que está ao lado

Pero as paredes que separan os xardíns non son opacas verdade?

Non, son de paos verticais para poder individualizar cada espazo pero á vez facilitar o diálogo cos que están ao noso lado. Por outra parte hai un camiño circular que pasa arredor do montículo central e que che leva a cada xardín.

As plantas que utilizaches tamén foron específicas para cada xardín en función da relixión?

Si, as plantas eran diferentes en cada xardín

Rematamos Magda, supoño que ti vivirás nunha casa con xardín?

Ha ha ha ha ha. Por desgraza non, vivo nun piso. Agardo que nun futuro próximo poida cambiarme a unha casa con finca.