

Son tempos tan cambiantes que nos fan a todos moi vulnerables, tendemos a arremuiñarnos no noso, no próximo, mirándonos no embigo. Precisamos de solucións atinadas que nos protexan desde a decencia e a entrega humana, profesional dos servidores públicos, que non o fan. Cumpría que cumpran, mesmo desde o seu espazo persoal, para que non se ceguen tan só nas realidades que por veces amosan o que se quere ver, senón buscando, vendo, abrindo o obxectivo da cámara, para avanzar e pulir os cantos e labras que deixan os coitelos, que vexan ben o que hai na realidade, que expresa o evidente, xa non é moito pedir, e a moita precariedade, ausente do necesario, con fame de intelixencia, con malas prácticas e sedes vellas de orgullo e dignidade.
Grande parte da culpa está nas guerras mediatíceas que todo envolven, si, nas verdades a medias, nas medias mentiras, nas mentiras ocultas, na proxección de falsidades que todos os días, constantemente, largan a súa longa sombra desde os subordinados medios de comunicación -con cara de veracidade, finxen moi ben- e empregan para comernos a figura e o pensamento, manipulando a vontade de moita xente de ben. Tamén nas guerras e loitas xudiciais, ese outro poder que se mete en todo para xudicializar repentinamente aspectos políticos ou democráticos nos que non deberan meterse, son de ámbitos que nos lles competen, e moito menos para dar golpes de estado desde discursos tramposos. Ben sabemos todos dese apaño que xa dura moito tempo, desde aquel “atado y bien atado” do señor pequeniño e voz afrautada do Ferrol. Por iso é tan complicado cambiar os peóns do ficheiro, porque seguen a deberse aos seus admirados coristas de proxección partidaria. A moitos de nós aínda nos parecen aqueles modos do franquismo, aquelas intervencións en nome da lei que censuraban o desenvolvemento, o entendemento e progreso. Hai certamente unha loita xurídica que combina mecanismos “supostamente” legais para neutralizar, sobre todo á esquerda. Iso nótase perfectamente. Non viron nada cando foron os grandes furtos e roubos da dereita, todas esas causas aínda non vistas dos sobres en negro, dos paraísos fiscais, dos “pufos” de todo tipo que canto máis á dereita, máis se deron e máis se ignoran aínda hoxe. Cando se lles pide responsabilidade, miran para outro lado e evocan inxerencia, ámbitos de correspondencia militar, pagos dos fondos reservados, danos colaterais, armas de destrución masiva, golpes de estado, imperialismos trasnoitados, mesmo lembranzas de países extra-continentais, normalmente da América Latina, e volven urxentes á tutela de conviccións de hexemonía neoliberal e compracida dos EUA, recuando á lexislación soberana do noso país. Que por certo ten todos eses pufos e algúns máis, deixados adrede no faiado, na imposibilidade de acceso porque están baixo secreto de sumario que non espertan sen o seu consentimento. Todo moi ben preparado. Non lles deu, a todo o sistema xudicial español, por mirar na nosa historia próxima. Nin sequera arranxaron os temas de memoria nosa, as nosas feridas aínda seguen abertas. Non hai sensibilidade nin reparación, non haberá paz! Esa é a sentenza que eles escollen, pensan -mal intencionadamente e sen saber- que o esquecemento fará perder os papeis da dignidade outra vez por moito tempo. Están errados e non o ven. Pero iso que agardan, mais o tempo xoga en contra deles. A verdade será verdade, hoxe ou mañá. Xa sen eles. O mesmo sucede coas nacións do estado que non son así recoñecidas para que exerzan, nin aloumiñadas e sacadas da gaiola para exercer a estima e auto-compracencia en ser quen son. Esta xente que así pensa desde posturas retrógradas, pertencen a ese grupo de faltóns que insultan e provocan, que se presentan con falta de escrúpulos ao deber da Xustiza -en letra grande, e manteñen un xogo de ruptura social e de desequilibrios, subsidiaria do poder económico e comercial, que é quen todo manda. Están a empregar a lei como correctiva de aspectos que non lle gustan descubrir e que son aspectos de liberdade, como cantar o que nos apeteza, ou asumir a liberdade de expresión, ou de manifestación, ou de contrariedade de razóns que non nos convencen. Temos non só o dereito, senón a obriga de opinar tamén en contra do que non nos parece xusto, do que sen parecernos xusto debemos facer notar para mellorar socialmente. Lexitiman ideas non inclusivas e perturbadoras, reforzando medos e fascismo, de nova cara e violentas formas.