Cousas de Salvaterra, forte de Santiago de Aitona

Francisco de Moncada, Marqués de Aytona por Anthonis van Dyck (Künstler/in) - Fine Arts Museum Vienna, Austria - CC BY-NC-SA.
Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Despois do meu último traballo sobre a guerra de Restauración portuguesa publicado en decembro pasado, no que daba conta dos movementos militares ocorridos entre os anos 1644 e 1647, debo facer un alto para relatar un feito moi importante que tivo un peso decisivo sobre o decurso da chamada polos portugueses, guerra Duriminia (Douro-Minho), foi a construción do forte de Santiago de Aytona en 1646, chamado así porque foi “consagrado” no día de Santiago 25 de xullo, e Aytona polo Marqués de Aytona, Don Guillén Ramón de Moncada, Capitán Xeral de Galiza neses intres, quen o mandou construír, por suposto coa anuencia do Rei Felipe IV, (consta solicitude por carta datada en Puebla de Sanabria o 30 de outubro de 1645).

Os portugueses conquistaran a praza de Salvaterra o 15 de agosto de 1643, dende entón utilizárono como cabeza de ponte para facer incursións, deica o Norte polas ferigresías de Pesqueiras e Fornelos da Riveira, deica o Leste polas de Liñares, Tortoreos, Rubiós e Taboexa, deica o Oeste Alxén e Grixó. Non desbotando a posibilidade de invadir o país galego, o seu obxectivo primordial era a cidade de Tui, onde se atopaba a sede da Capitanía Xeral da Galiza.

Para evitar estes movementos e manter a raia o exército portugués foi construído un sistema defensivo que abarcaba: A atalaia de Porto (fronte a Lapela), capaz de 50 homes e que custou 10.000 ducados; o castelo da Fillaboa, con catro Cabaleiros (baluartes), capaz de 500 homes, que custou 40.000 ducados; o chamado Monte do Facho (do que falamos meses atrás), situado o Oeste do Castelo de Aitona, promontorio que pola súa situación estratéxica era utilizado con toda probabilidade para manter iluminadas con fogueiras as noites (así perduran aínda os topónimos de “Queimados”, “Vasco de Puga” e restos de trincheiras); na posición central fronte a Salvaterra, un chisco o Nordeste do pazo das Barreiras, estaba o Castelo de Aitona, con outros catro Cabaleiros ou baluartes, e moitas fortificacións, que lle facían capaz de 1.500 homes e que custou 400.000 ducados; máis o Leste, despois do nacente da fonte da Laxe, estaba situado o reduto desaparecido da “Estrela”, tal vez existira outro reduto a altura da ferigresía de Fiolledo (que ben puidera ser o pazo dos Avalle); continuaría ese cinto defensivo con dous redutos no lugar da Salgosa, parroquias de Liñares, Oleiros e Fiolledo, pechando o semicírculo o ¿Castelo? de Teáns en Pedra Furada, parroquia de Oleiros actual. Un ducado de ouro de tres gramos e medio, tería unha equivalencia a día de hoxe de 196 euros.

No plano que reproducimos neste traballo, copiado o 29 de febreiro de 1848, (o orixinal atópase no Arquivo de Simancas, Valladolid), enviado nunha carta do Marqués de Aytona ó Secretario do Rei, Alonso Pérez Cantarero, datada o 21 de setembro de 1646, pode apreciarse a distribución dos elementos defensivos e dos efectivos. A carta describe a situación do forte nese intre, coa estacada, o parapeto e o foso xa construídos, ficaban por facer a ponte levadiza, o camiño cuberto e os cuarteis interiores.

O autor do deseño da construción seica foi o capitán Juan Ruyz de Quecedo, axudante de tenente de Mestre de Campo Xeneral, quen asina o documento o 18 de setembro de 1646. Don Pedro de Muzábal (tal vez Muruzábal), dirixiu a construción nun tempo récord o longo dese ano, quen xa tiña experiencia como axudante de tenente de Mestre de Campo Xeral, en Milán e noutros lugares da Península.

O forte compúñase dun recinto ou cidadela cadrada con catro baluartes (chamados de S. Benito, S. Felipe, Sta. Ana e S. Guillén), cortinas, foso, dependencias interiores e unha gran praza de armas central. A zona Sur dispuña de duas baterías de artillería, o Leste dispuña de outra e o Oeste de outra. Na parte exterior, polo Sul, dispuña de varias trincheiras para tiradores. Estaba rodeado dun segundo recinto amurallado exterior, de planta moi irregular, con baluarte, semibaluartes e puntas rodeados dun foxo. Fora dos baluartes e situada o Norte, había cabida para os campamentos de catro Tercios e oito Milicias. O Tercio primeiro estaba o mando do Mariscal de Campo Don R. (ilexible) Alonso, o Tercio segundo estaba o mando do Mariscal de Campo Don Antonio Taboada, o Tercio terceiro estaba o mando do Mariscal de Campo Don Gabriel Sarmiento, o Tercio cuarto estaba o mando do Mariscal de Campo Don G. (ilexible) de Lemos, o quinto era da Milicia de Don Fernando de Valladares, o sexto era da Milicia de Vigo e Ribadavia, o sétimo era da Milicia de Don Baltasar de Araujo, o oitavo era da Milicia de Don Pedro Mariño de Lobera, o nono era da Milicia de Padrón e Puebla de A. (ilexible), o décimo era da Milicia de Don Fernando de Montenegro, o onceavo era da Milicia de Don Alonso de Lara e o doceavo era da Milicia de Don (ilexible) Mariño de Lobera. No centro destes campamentos estaban as cortes da cabalería. Fora do Forte estaban situadas, un cuartel da Corte, un cuartel de cabalería, outros menores, de Esteban Rodríguez de “Aldán” e de Jácome Sarmiento.

Na actualidade tan só fican montóns terreiros sen apenas pescudas arqueolóxicas e en estado de abandono.

Para este traballo foron de referencia, os libros: “Armas i Triunfos” de Frei Felipe de la Gándara, 1662, (Biblioteca Penzol), de D. Jaime Garrido Rodríguez, “Fortalezas de la antigua provincia de Tuy”, (Deputación Provincial 1987), de D. José Ramón Soraluce Blond, “Castillos y Fortificaciones de Galicia”, de D. Francisco Ávila de la Cueva, “Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado, 1852,( Consello da Cultura Galega 1995), máis recentemente tratou o tema no Faro de Vigo do 08 de outubro do 2015 o Arqueólogo mondarizán Don Alberte Reboreda.