O Obradoiro de Saiáns de Patricia González Iglesias facendo país por todo o mundo

Costureira Saiáns

Neste obradoiro da parroquia de Saiáns elabóranse traxes tradicionais galegos, fundas para instrumentos e unha liña de roupa inspirada na vestimenta tradicional do noso país. Patricia define ao seu obradoiro deste xeito: “Vestir persoas e instrumentos de maneira tradicional cun proxecto de coleccións limitadas onde apostamos polo labor creativo con identidade propia. Pezas contemporáneas con personalidade e que son expresións do noso carácter”. Abofé que son pezas creativas que poñen o foco no noso:o do país, o da nosa tradición, os costumes das nosas avoas para que non se esquezan. E, malia que é o eixo principal, o traballo do obradoiro non se basea só na elaboración da roupa, senón que tamén lle dá importancia á música tradicional. Salientando a pandeireta entre outros instrumentos para pór en valor un sentimento, tradición, un pobo, un país das nosas e dos nosos devanceiros que debe ser tamén o país das nosas fillas e fillos.

Patricia González

En Arxentina deime de conta de que había moita xente interesada no traxe tradicional galego”

Patricia como e cando decides iniciarte no mundo da costura?

Pois a verdade é que de pequena era mal estudante e sempre me gustou coser, de feito, personalizaba a miña roupa e facía roupa para as bonecas. Aos 16 anos os meus pais metéronme na academia de corte e confección do pobo.

E xa, desde ese momento, fixeches disto o teu universo?

Pois alí comezou todo, si. Cando isto empezou a quedarme pequeno fun a Vigo a unha academia de deseño, moda e patrón industrial. Disto pasaron máis 30 anos, o obradoiro abrino en 1998. Daquela a Xunta facía uns concursos de moda que se chamaba “Texoira”, eu presentábame a todos. A selección facíase entre os 10 primeiros de toda Galicia.

A ti sempre te escollían?

Si, a min sempre me escolleron.

Para estes concursos xa seguías a liña de inspiración que tes na actualidade?

Si, eu xa me inspiraban no noso, nos nosos montes, no traxe das nosas avoas. A colección que fixen para o último concurso que me presentei deume moito traballo. Esta colección chamábase “As nosas avoas”, fíxenlle moitas vainicas e levoume moitas horas. Esta edición gañouna unha rapaza que presentou un vestido feito do plástico dos libros, este vestido non chegou a terminar o desfile sen romper, isto deume moitísima rabia.

Ti, sempre estiveches emocionalmente vencellada ao que Galicia significa, verdade?

Si. Estiven vinculada ao de aquí, ao noso, á música e baile tradicional galego desde moi pequeniña. O meu pai fundou unha asociación de veciños en Saiáns e empezouse a dar baile nela. Nesta época foi cando empezamos a ir polas aldeas para recoller cantares con xente como Luis Prego, Chisco, Leni ou Mercedes Peón. Eu acompañábaos e dábame de conta de todo o material musical que había pero tamén había roupa e había un traxe tradicional. Aquí foi cando decidín non facer roupa normal e meterme a facer traxe tradicional. Daquela non había ninguén que se dedicase ao mundo do traxe tradicional. Si había moita xente que cosía, pero que se dedicase a isto non. Comecei facendo a roupa do grupo de baile de Saiáns, logo seguín con amigos e así ata o de agora.

Segues bailando?

Non, agora toco a pandeireta en dous grupos: Zurrumalla e Acordeireta.

Que tipo de traxe confeccionas?

Fago traxe de muller e de home. Estes traxes son de moitos modelos pero identifícanse en tres categorías : o de diario, de domingo e de festa. Este igual só se utilizaba unha vez na vida.

Ademais dos traxes tamén fago fundas para instrumentos e desde fai cinco anos unha liña de roupa inspirada no traxe tradicional.

Como empezas a confeccionar fundas para instrumentos?

Empecei elaborando unha funda para min, para que me entrase o meu tambor e a miña pandeireta, pois daquela non había ningún sitio nin ningunha fábrica que se dedicase a facer fundas para instrumentos. Carlos do Viso, que foi quen me fixo o tambor, cando viu a miña funda encantoulle e propúxome que fixese unha para un bombo.

E cal foi a túa reacción?

Eu non as tiña todas comigo pois a miña dérame moitísimo traballo. Ao final fixen a funda do bombo e encargáronme outra para un tambor, logo outra para unha pandeireta e así empecei. Na fala da xente, do boca en boca, fóronme encargando fundas e, a partir de aí, un músico fala con outro, e así foron poñéndose en contacto comigo para que lles elabore as fundas que necesitan feitas a medida. Agora fago pedidos para Italia, Holanda, País Vasco, Málaga… e de todo tipo de instrumentos como pandeireta, zanfona, arpas…. Hoxe en día case teño máis pedidos de fundas de instrumentos a medida que de traxes.

E como xorde a idea de empezar a confeccionar a liña de roupa inspirada no traxe tradicional galego?

Despois da pandemia decidimos paralo todo e marchar cos meus pais algo máis dun mes a Arxentina, á Patagonia. Nesta viaxe deime de conta de que teño unha chea de amigos no País que non se visten de tradicional, pero que lles gustaría que eu lles fixese roupa. Aquí decidín facer unha liña de roupa inspirada na lingua, no traxe, nos nosos poetas e na nosa cultura. De aquí sae esta liña de roupa máis actual inspirada no noso hai uns cinco anos.

Comentábasme que tocas nun par de grupos, Zurrumalla e Acordeireta.

Si. Zurrumalla naceu no ano 2000 dun grupo de amigos que decidimos dar empuxe aos nosos anhelos e inquietudes musicais e montamos este grupo baseado en folk tradicional.

Acordeireta naceu na viaxe á Patagonia. O meu compañeiro Alex e eu íamos de asado en asado. Nun destes asados, en Río Galegos, apareceu un acordeón. Animaron a Alex a que tocase un pouco, eu non levaba a pandeireta entón collín un par de culleres para acompañalo. Os arxentinos dicían “che, que relindo, que bonito esto que estais haciendo”, gustou tanto que ao chegar decidimos montar un dúo para andar polos bares e divertirnos, Alex co acordeón e eu coa pandeireta, facemos música para homenaxear a algún poeta que xa non está cos seus poemas e para reivindicar temas dos nosos tempos. A verdade e que non paramos as fins de semana dun sitio para outro pero é moi divertido.

Como podemos ver a roupa que elaboras, os traxes e as fundas por si algunha lectora ou lector quere facer algún pedido. Tes páxina web do obradoiro?

Si, teño páxina web do Obradoiro “obradoirosaians.gal” e estamos en redes sociais tamén. Na páxina web pódese ver a liña de roupa inspirada nos traxes tradicionais e a través das redes sociais pódese contactar para facer algún pedido tamén.