Ana Pontón candidata á presidencia da Xunta de Galicia

Ana Pontón

Xa son varias as ocasións nas que tiven a oportunidade de conversar con Ana Pontón. A primeira vez foi alá polo 2016 no local que o BNG ten na capital de Galicia, pouco despois de que os e as militantes do Bloque decidiran que fora ela a persoa que liderara a organización.

En todas as conversas que tiven con ela, todas libres de apriorismos, tirei a mesma conclusión: Ana é unha muller lúcida, cabal e sobre todo humana. Unha persoa que posúe unha enorme sensibilidade cara a dor allea e que ten vontade de servizo público desde unha posición estritamente xusta. Eu non sei se o próximo 18 de febreiro a maioría social do pobo galego vaille dar a oportunidade de ser a presidenta de Galicia. Pero si sei que se lle distinguen coa súa confianza nunca lla van retirar.

O BNG é a papeleta do cambio e eu quero ser a candidata de todas as persoas que queren cambio”

Facemos esta entrevista no Porriño a tarde do día 15 de xaneiro. Esta mañá estiveches en Lalín, creo que mañá vas a Cangas…Inicias unha etapa de percorrer o país de punta a punta, supoño que fisicamente esgotadora pero moi emocionante?

Ben, en realidade xa levo moito tempo percorrendo Galicia de esquina a esquina e agora mesmo teño máis enerxía que nunca. Pero si, estas son unhas eleccións moi importantes.

Especialmente importantes?

Si, penso que si. Estamos moi cerca de facer historia para que por primeira vez este país teña unha presidenta coas mans libres para poder defender os seus intereses. Sen ningún outro interese , nin condicionante ca ese: Defender os intereses de Galiza.

Ben, se non me falla a memoria o slogan de Feijoo, candidato popular, nas pasadas autonómicas foi “ Galicia, Galicia, Galicia”.Eles tamén din querer defender Galicia?

Xa, pero ese slogan quedou invalidado pola vía dos feitos. Comprendo que moitas persoas honestas, que queren a Galicia exactamente igual ca nós, crérono no seu momento pero a realidade é a que é.

Eu non percorro Galicia de esquina a esquina pero as 34 localidades nas que se distribúe A Nova Peneira si. E recoñezo que as viaxes e o coñecemento das necesidades e problemas de tanta xente diversa servíronme para aprender en grao superlativo. E a ti?

A min exactamente igual, abofé que estou de acordo contigo. Coñezo moito mellor o país , os seus sectores económicos e as súas carencias, as necesidades e problemas das clases traballadoras e dos autónomos e autónomas. E esa aprendizaxe serviume para decatarme da imperiosa necesidade de que en Galiza se produza un cambio político liderado polo BNG.

Danos a túa valoración política sobre o acordo de colaboración que anunciastes con Anova Irmandade Nacionalista?.

Eu estou moi agradecida á xenerosidade tanto do BNG como de Anova. E recoñézolle a Anova que, máis alá do que aconteceu no pasado, soubo ler este momento político e fai unha aposta clara e rotunda pola concentración do voto do cambio na candidatura do BNG. Estamos no momento de multiplicar, non de dividir. E concentrar o voto no BNG vai ser chave para derrotar ao PP.

Podemos dicir con claridade que a túa é a candidatura que lle disputa a presidencia da Xunta ao PP?

Si. O resultado destas eleccións só pode ser que a próxima persoa que presida o goberno galego sexa Ana Pontón ou Alfonso Rueda.

En relación aos vertidos de pellets nas nosas costas cal é a túa opinión?

Temos unha marea plástica que está a chegar a unha parte importante do noso territorio, o que amosa unha vez máis que hai un problema na loita contra a contaminación mariña no noso país, e onde vimos que nin a Xunta nin o goberno do estado están a altura. Sabían desde o 8 de decembro que ese vertido se producira e a Xunta ten constancia desde o 13 de decembro de que eses sacos estaban a chegar ás nosas costas.

Porén a Xunta di que non o soubo ata o 3 de Xaneiro?

A propia conselleira recoñeceu que xa tiñan constancia desde decembro da existencia dos vertidos. E hai asemade dous datos que desmenten esa afirmación do 3 de Xaneiro:-O mesmo 112( dependente da Xunta) quen alerta do vertido-Os propios traballadores do servizo de medio ambiente da Xunta son os que chaman ao Concello de Ribeira para retirar eses sacos.

O goberno galego acúsavos de querer construír de maneira artificial un segundo Prestige para tirardes rédito electoral?

Afortunadamente isto non son 70.000 toneladas de fuel chegando ás nosas costas, son 25 toneladas de pellets. Pero é que o modus operandi do PP repite punto por punto ese protocolo que seguiron co Prestige.

O que se compara non é entón a cantidade senón a xestión?

Evidentemente. É a deficiente xestión en ambas situacións o que merece ser cuestionado con toda a contundencia posible. Non está a altura nin a xestión da Xunta nin a do goberno do estado. O grave é que o que fixo a Xunta foi tratar de ocultar o problema, minimizalo e poñer en marcha unha campaña de manipulación informativa. Cando escoitei ao señor Rueda iso de que “ solo son bolitas de plástico”, recordoume a aquilo dos “hilillos de plastilina”.

Que sería o adecuado para o BNG?

O primeiro protexer o litoral. Fan falta máis medios para a recollida de pellets. Non chegan cos efectivos da Xunta. Con ese supostos 300 efectivos dános unha media de arredor de 5 por cada praia afectada. Unha praia como a de Area Maior mide case dous quilómetros de longo por 40 metros de ancho. Imposible limpala adecuadamente con ese número de persoas. É que cada vez que temos unha crise este goberno non fai outra cousa que evidenciar a súa incompetencia.

Cales serían ao teu xuízo as razóns que motivaron as reticencias da Xunta a elevar o nivel de alerta?

Recoñecer que tiñan que activar o nivel 2 de alerta sería recoñecer que non fixeron ben as cousas. O que non quería recoñecer o partido popular é que hai un problema de contaminación nas costas. Eles tardaron case un mes en activalo cando Asturias o fixo en 24 horas.

Os acordos de investidura aos que chegou o BNG co PSOE para facer a Pedro Sánchez presidente do goberno van axudar a baixar as peaxes da AP9, ou como di o PP non serven para nada?

O PP ten un nivel de cinismo ao respecto deste asunto que pode pasar aos libros de Historia. Eu quero lembrarlle á cidadanía deste país que a AP9 segue a ter peaxes é porque un goberno do PP, con Aznar de presidente, decidiu ampliar a concesión , que remataba no 2023, 25 anos máis. Que hoxe teñamos estas peaxes é responsabilidade directa do PP.

Dicir que hoxe non hai rebaixas, froito dos acordos que conseguiu o BNG, é estar fóra da realidade . A cidadanía xa sabe que agora hai descontos que logrou o BNG, e os que conseguimos nesta última negociación van lograr que unha persoa que vaia de Vigo a Coruña todos os días poida aforrar arredor de 500€ ao ano en peaxes.

Conformádevos co que hai?

Desde logo que non. Nós queremos unha AP9 galega libre de peaxes e ao respecto disto quero asumir un compromiso moi claro cos galegos e as galegas.

Cal é?

Se son presidenta nos 100 primeiros días reclamarei a constitución dunha comisión bilateral Xunta-Estado para abordar dúas cuestións:1) A transferencia 2) A gratuidade. Que non sexa aínda así é un agravio para todas as persoas que vivimos en Galicia e cómpre pór fin a esta situación.

Unha persoa que non se sinta nacionalista pode encontrar no voto ao BNG un voto útil?

O BNG é a candidatura do cambio. Todas as persoas, nacionalistas e non nacionalistas, que queiran deixar atrás estes 14 anos de goberno do PP, que nos están deixando unha Galiza máis pequena, teñen no BNG a súa alternativa.

Nós somos a alternativa para poder construír unha Galiza en grande. Desde a confianza, desde o orgullo e desde a convicción de que acertaremos se confiamos nas nosas propias forzas. Somos a alternativa da xente que quere rescatar a sanidade pública, defender o medio ambiente, que quere uns servizos e coidados de primeira para as persoas maiores, que quere políticas feministas, que quere protexer á nosa lingua e á nosa cultura e que quere unha sociedade máis cohesionada.

O BNG é a papeleta do cambio e eu quero ser a candidata de todas as persoas que queren cambio.

Nestes anos de goberno do PP máis de 200.000 mozos e mozas tiveron que emigrar de Galicia porque aquí non lles foi posible atopar unha alternativa laboral que lle permitise poder iniciar un proxecto vital. Ás persoas que coma min, temos fillas ou fillos adolescentes, preocúpanos moito o futuro que lle estamos a deixar á mocidade. Que pode encontrar un mozo ou unha moza no BNG?

Os mozos e as mozas son quen teñen máis razóns para votar BNG pois as novas xeracións estanse a xogar algo tan importante como é o seu futuro .Nestas eleccións ímonos xogar o país que teremos nos próximos anos. Levamos 14 anos vendo como Galiza perde sistematicamente e xa está ben. E os mozos e mozas se queren resultados diferentes , se queren ter un país que lles dea oportunidades para desenvolver o seu propio proxecto vital persoal na terra na que naceron ,na terra na que o fixeron as súas nais e os seus pais, teñen que apostar por camiños diferentes aos que tivemos ata agora.

E que lles pode ofrecer o BNG?

Un proxecto para desenvolver a economía deste país e crear emprego de calidade, para recuperar a política social de vivenda e facilitar que a xente nova poida ter acceso á súa emancipación con normalidade. E asemade temos unhas candidaturas nas que a xente nova é protagonista o que amosa que o noso compromiso é de verdade e non só teórico. Queremos construír unha Galiza na que a xente moza sinta que o seu futuro está aquí.

Por que estas eleccións son convocadas , segundo o teu punto de vista, en febreiro?

Estas eleccións son moi abertas. E isto tamén o sabe o PP. Eles queren que estas sexan unhas eleccións de perfil plano e que non haxa moita participación.

A todas as persoas nos é difícil marcar con claridade as fronteiras entre a realidade e o desexo. O desexo de moitas persoas, nacionalistas e non nacionalistas, é que ti sexas a próxima presidenta de Galicia. Pero,honestamente Ana, É realista?

Si, é realista. Dígoo desde a convicción íntima máis profunda de que é así. Estas son as eleccións máis abertas dos últimos 14 anos. As enquisas din que hai unha maioría de galegos e galegas que queren cambio, o PP está en tendencia descendente e o BNG en liña ascendente, e se hai unha grande mobilización e o voto que quere cambio se concentra no BNG haberá cambio. Se o facemos así: moita participación e concentración do voto do cambio no BNG a partir do 19 de febreiro teremos moitos motivos para sorrir e para a esperanza no futuro. Estou segura de que é así.

A cerca de admin 52 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.