Anís, tía Libertad! Anís, tía Libertad! Estes eran os berros da xuventude nos anos grises e negros da ditadura. Producíanse en calquera evento de convocatoria cultural, teatral ou musical, ás agachadas -ben se pode supor- e con ansias liberadoras que soñaban un novo tempo de posibles e igualdade. Soños nos que andamos aínda a tecer, mais agora vólvese falar todo da amnistía, unha amnistía curiosa e moi ben focalizada, amnistía que está falta da súa tía Liberdade que habita como desculpa no medio do anís. O problema é que, pobres de nós, non se fala da “amnistía” para a totalidade, no caso de ser repartida. Sentimos, nestes tempos, falar moito de amnistiar presos e presas políticas de Cataluña nese intento de combinado que esqueza dunha vez aquel “afaire” de outrora onde se respondeu a unha tentativa de votación -problema político- cunha agresividade inaudita e desmedida facendo uso -solución xudicial- das forzas de orde na letra da Constitución, por exemplo, e que resultou tan desproporcionada. Aquilo que non debera ter sucedido, xusto aquilo, pasou, amparándose naquel 155 de marras. Así facían os que sempre presumiron de inclusivos.
Por extensión a amnistía, desta volta, chega tamén a Euskadi, tal como dixeron os medios, pero nada sentín falar da nosa xente. Si, desta xente esquecida nos cárceres da xeografía española e galega, que por presunción de delito -case sempre sen demostrar e baseado en probas febles ou inexistentes- están cumprindo condena. Son persoas independentistas que están repartidas entre Teixeiro (Antom García Matos, Asunción Losada Camba, Roberto Rodríguez Fialhega e Miguel García Nogais), anque este está preso fóra. Na Lama (está Eduardo Vigo Domínguez e alí seguen tamén as comunistas galegas Victoria Gómez Méndez, Ignacio Varela Gómez e Israel Torrealba), e hai outras espalladas por España: Mónica Refoxo Pérez, en Mansilla de las Mulas, e M.ª José Baños Andújar, en Murcia. Hai tamén anarquistas, de difícil contabilización e situación despois do baile de reparticións e a falta de transparencia nos procesos. A algúns lles quedan máis de 20 anos. Eu síntoo moito, pero é baixo o meu punto de vista, un despropósito total e falto de garantes para a reincorporación á vida e a dignidade, un erro palpable que están pagando quen non teñen a culpa e lles aplican a lei como se fosen terroristas.
Todo isto non é novo en Galiza, pero agora faise moito máis evidente cando por riba as medidas restritivas son tan faltas de lóxica, exemplarizantes e cargadas dun certo sentido vingativo, cando máis ben semellan deseñadas nun contexto bélico onde calquera violencia política se toma como terrorismo. Todo isto é propio das ditaduras, onde os movementos sociais son tratados penalmente de terroristas. Isto fai que España amose, unha vez máis, o seu déficit democrático pois non houbo nin se soubo de delito de sangue nin de dano persoal, nalgún caso nin dano material algún.
España non só impón aos independentistas galegos penas de cárcere desproporcionadas, senón tamén retorce o código penal para aplicar medidas de “liberdade vixiada”, unha serie de limitacións e restricións dos dereitos fundamentais absolutamente inxustificable.
Será unha liberdade vixiada para facer que a xente militantes galeguistas, ao saír da cadea, vivan durante anos sen liberdade de expresión, de comunicación, de movemento ou de traballo. Deben levar pulseira localizadora, non participar en eventos e actos políticos, non participar nos medios de comunicación, nin traballar no ensino ou cultura, nin empregar internet, nin falar con compañeiros da causa, …ata non poder xogar con drons ou fabricalos. Segue o asañamento presente en quen propón estas medidas, que deberan en todo caso ser integradoras e non desconfiadas, feroces, brutais e de impropiedade. Non será que o goberno e socios -a través da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias, que é quen, por medio do departamento que leva o control dos clasificados como FIES-3 quen propón medidas previas da súa liberdade vixiada- e agora renuncia ás súas para-filias á forza con Cataluña e o País Basco para esixir unha asistencia do pacto, mentres aos demais, neste caso Galiza, quédalles roer a frustración do ninguneo. Una vez máis. “Anís, Tía Libertad!”.