Rebaixas: o opio do pequeno comercio

Estrela de Marín A Nova Peneira
Yonathan Carreira Figueiras
Xerente do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín

Outra tempada de rebaixas. Outro verán de escaparates invadidos por carteis vermellos e promesas de descontos irresistibles. E outro engano máis para o comercio local, que se ve arrastrado a unha carreira de fondo que non pode nin debe gañar. Porque as rebaixas, tal e como están hoxe concibidas, son o opio do pequeno comercio: unha ilusión que entretén mentres o sistema o afoga lentamente.

Desde que se liberalizou o calendario de rebaixas, o que antes era unha oportunidade puntual para dar saída ao stock, converteuse nun campo de batalla permanente. As grandes superficies e plataformas dixitais, con recursos infinitos, poden permitirse vender a perdas, lanzar campañas agresivas e poñer o mercado patas arriba. O pequeno comercio, en cambio, non. E non debera.

Seguir alimentando esta dinámica non é inocente: é suicida. Cada vez que un comercio local entra no xogo da rebaixa perpetua, perde valor. Perde autoridade. Perde identidade. E, sobre todo, perde o que o facía diferente: a confianza, o trato próximo, o coñecemento, a experiencia. Porque a xente non entra nunha tenda de barrio buscando o 2×1. Entra buscando que a asesoren, que a coñezan,

que lle digan con honestidade o que lle queda ben. Iso non se rebaixa.

Por iso resulta insultante ver como moitas administracións e entidades promotoras seguen centrando os seus esforzos en campañas de descontos, bonos e titulares fáciles. Pan para hoxe, fame para mañá. Fomentar a dependencia de axudas e a guerra de prezos é condenar o sector a unha agonía lenta e maquillada. E mentres tanto, os comerciantes que realmente innovan, que apostan pola calidade, pola profesionalización, pola dixitalización e pola experiencia, vense obrigados a competir nun terreo enfangado e desigual.

Pero non todo está perdido. Un centro comercial aberto ben xestionado, como o de Estrela de Marín, pode ser unha ferramenta decisiva nesta loita. Porque vai máis alá da promoción puntual: crea identidade colectiva, fomenta o traballo en rede, profesionaliza ao sector e defende un modelo comercial centrado nas persoas. Un CCA con visión estratéxica non promove só rebaixas, senón campañas de fidelización, proxectos de visibilidade, formación, dixitalización e experiencias únicas que dean valor ao comercio local fronte ás plataformas globais.

Cómpre dicilo alto e claro: o comercio local non precisa máis rebaixas. Precisa respecto. Precisa que se deixe de infantilizalo con medidas asistencialistas e que se aposte por políticas serias, estratéxicas, a longo prazo. Precisa

formación, acompañamento, redes de apoio real, campañas que poñan en valor o seu papel social e económico. Precisa que se recoñeza o seu valor como espazo de cohesión, de identidade e de futuro para as nosas vilas e barrios.

Porque si, moitos comercios pecharán. E algúns quizais deban facelo, porque o mercado cambia e non todo pode sobrevivir. Pero os que queiran loitar, adaptarse e ofrecer valor real deben contar cun entorno que os apoie, non cun sistema que os empurre ao precipicio das rebaixas permanentes.

O futuro do comercio local non se constrúe con etiquetas de -50%. Constrúese con dignidade. E iso non está á venda.