Como os Estados Unidos crearon a Vladimir Putin

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

Recordo hai anos, sendo neno, cando na casa a TV aínda era en branco e negro, practicamente toda a información que nos chegaba era a través deste medio, ao cal poucos se atrevían a contradicir.

– Que si home que si, que o dixeron a noite na televisión!

– Pois bueno, a verdade que si o dixeron na tele non lle vamos a dar máis voltas. Que interese van a ter os da tele en contarnos unha trola?

A rede, hoxe en día, sen dúbida o medio máis recorrido para informarse, é como un mar revolto no que me adoito mergullar cunhas boas gafas antibafo máis cun arpón calibrado, para apuntar ben e coller os peixes axeitados. Deste xeito nútrome e sacio de forma equilibrada a fame informativa.

Considérome un discípulo de Manuel Luque, director xeral da compañía de limpeza Camp, cuxo lema era: “Busquen, comparen y si encontran algo mejor cómprenlo” Daquela internet non existía pero o Sr. Luque xa nos convidaba a buscar e a seleccionar.

Últimamente cando viaxo no coche, adícome a escoitar conferencias tanto en inglés como en francés. Deste xeito melloro a comprensión oral das linguas e teño un punto de vista diferente sobre temas de máxima actualidade. Procuro escoller a persoas de prestixio internacional que nos aportan a súa forma de ver as cousas e que dista moito da información que se nos ofrecen nos medios convencionais.

Agora mesmo estou escoitando unha conferencia que deu Vladimir Pozner, xornalista ruso-americano, na Universidade de Yalta no 2018. Explica Pozner, sen xustificalo en ningún momento, cales foron as decisión políticas erróneas, por parte dos Estados Unidos, que levaron a Putin a ser como é agora. Folga dicir que información deste tipo non a obterás nos telediarios das diferentes cadeas televisivas.

Como a conferencia é moi longa tratarei de sintetizala ao máximo posible, citando ao propio Pozner, escollendo os comentarios que, ao meu parecer, deberíamos valorar para ter unha opinión máis formada sobre este conflito.

O primeiro que destacaría é cando Pozner invítanos a “que busquemos unha soa cousa que fixo Rusia do 95 ao 2007, xa con Putin gobernando, que molestara aos EEUU. “Níngunha” responde. “A cambio Rusia tivo que soportar a expansión da OTAN a Polonia, Checoslovaquia e Hungría”

Noutro momento da conferencia, explica que cando Putin chega ao poder o primeiro que fixo foi solicitar a entrada de Rusia na OTAN para protexer ao mundo de calquer tipo de agresión. Basicamente di Pozner, mandárono ao carallo. Pouco despois, solicitou formar parte da Unión Europea, nesta ocasión a resposta foi que non podía ser porque o país era moi grande. Este tipo de actitudes, son tomadas tanto por Putin como pola maioría da pobo ruso como un insulto e unha falta de respecto.

Xa mediado o relatorio, comenta como nada máis producirse o ataque as torres xemelgas, chamou a Bush e ofreceulle a súa axuda para actuar en Afganistán, cousa que fixeron. Díxolle tamén que non poñerían ningún impedimento a que desplegasen as súas tropas nas fronteiras con Rusia, e así loitar xuntos contra o terrorismo. A cambio non recibiron nada, unha vez máis.

Máis adiante citou a intervención de Putin en Munich no 2007 diante do G20. Putin dixo o seguinte: “Que a expansión da OTAN non tiña nada que ver coa seguridade de Europa e o que se estaba a facer era unha clara provocación que reduce o nivel de confianza mutua”. Putin preguntouse: “contra quen se dirixe esa expansión cando lle prometeran que baixo ningún concepto a OTAN se extendería máis alá de Alemaña”. Rematou dicindo: “que o maior erro de Rusia foi ter confiado demasiado nos Estados Unidos e que estes aproveitáronse desa situación”

Xa na miña opinión, creo que non deberíamos simplificar o que está a suceder coma un conflito entre bos e malos. Pregúntome como se puido chegar ata aquí, e a resposta haberá que buscala analizando todo o que sucedeu previamente para estar no punto no que estamos. Ou Putin, ata o de agora, recibido cos máximos honores en occidente e considerado un home de paz, volveuse tolo de repente?

Como diría Ana Pastor: “Estos son los datos suyas son las conclusiones”